Un apicoplasto é un orgánulo derivado dun plasto con función non fotosintética, que se encontra en moitos protistas Apicomplexa, entre os que está o parasito da malaria Plasmodium falciparum, pero non noutros como Cryptosporidium. A presenza dun plasto nestes organismos heterótrofos e parasitos é estraña, e, aínda que a orixe do orgánulo non está de todo clara,[1] pénsase que se orixinaron por medio dunha antiga endosimbiose secundaria nos devanceiros destes protistas.[2][3] O apicoplasto está rodeado de catro membranas, o que apoia a súa orixe a partir dunha endosimbiose secundaria[4]. Como entre os organismos con apicoplastos está o plasmodio da malaria están facéndose algunhas investigacións para tratar de buscar drogas que alteren o funcionamento deste orgánulo, que parece ser vital para o parasito. Por exemplo, certos herbicidas parecen alterar os apicoplastos sen afectaren aos mamíferos.[4][5]

Descrición editar

Os apicoplastos son ovoides, pequenos (0,15-1,5 μm) e só hai un por célula.[4] Atópase situado preto do núcleo e en estreita asociación cunha mitocondria. Está rodeado por catro membranas [4]. No interior teñen ADN circular de 35 kb que codifica 30 proteínas, e ARNts. Contén unhas partículas que se cre son ribosomas bacterianos,[5] e uns túbulos internos que lembran a tilacoides.[4].

Función editar

Os antigos plastos incorporados por endosimbiose dexeneraron e perderon a súa función fotosintética, converténdose en apicoplastos, pero as súas funcións actuais na célula non están claras. Sábese que o orgánulo é vital para a supervivencia do parasito.[4] Porén, a destrución do orgánulo non causa a morte inmediata do parasito, pero impídelle poder invadir novas células hóspedes. Isto suxire que podería intervir no metabolismo de lípidos. Se o parasito non pode sintetizar suficientes ácidos graxos tampouco pode formar o vacúolo chamado parasitóforo, que é imprescindible para poder invadir as células hóspedes. De feito, neles foi atopada unha ácido graxo sintetase tipo II.[5]

Tamén se ten suxerido que poderían intervir na síntese do grupo hemo [5] e na de aminoácidos e no desenvolvemento celular, pero con menor base experimental.[4]

Notas editar

  1. Waller R.Waller, R. (2003). "A Green Algal Apicoplast Ancestor". 
  2. Margulis L.Margulis, L. (1981). "Symbiosis in cell evolution". 
  3. McFadden GI (2001). "Primary and secondary endosymbiosis and the origin of plastids". J Phycology 37 (6): 951–9. doi:10.1046/j.1529-8817.2001.01126.x. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Maréchal, E.; et al. (2001). "The Apicoplast: a new member of the plastid family" (PDF). Biology of the Cell 6 (5): 200–205. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2020. Consultado o 24 de abril de 2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Ralph, S.; et al. (2001). "The apicoplast as an antimalarial drug target". Drug Resistance Updates 4 (3): 145–151. PMID 11768328. doi:10.1054/drup.2001.0205. 

Véxase tamén editar