Antonio Maria Roveggio

Antonio Maria Roveggio, M.C.C.I., nado o 23 de novembro de 1858 en Cologna Veneta e finado o 2 de maio de 1902, foi un relixioso católico latino italiano.

Antonio Maria Roveggio, M.C.C.I.
Bispo da Igrexa católica latina
Biografía
Nacemento23 de novembro de 1858 en Cologna Veneta
Pasamento2 de maio de 1902
Ordes
Ordenación sacerdotal29 de marzo de 1884
Consagración episcopal21 de abril de 1895

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

Antonio Maria naceu en Cologna Veneta (Véneto) o 23 de novembro de 1858, fillo de Giacomo e Dorotea, que formaban unha familia profundamente relixiosa e favoreceron a súa vocación sacerdotal. Entrou no seminario diocesano de Vicenza, completando os estudos necesarios, e aumentando o seu ideal sacerdotal e misioneiro. Foi ordenado sacerdote o 29 de marzo de 1884, e logo dunha breve estadía na diocese, o 4 de decembro de 1884 entrou nos Fillos do Sagrado Corazón de Xesús (combonianos).

Misioneiro e bispo editar

Realizou a súa profesión relixiosa o 28 de outubro de 1887 e o seguinte 7 de decembro embarcou para Exipto, onde se consolidaban os combonianos, agardando que se lles reabriran as portas do África central. Entre 1887 e 1895 exerceu o seu ministerio misioneiro no Cairo, dedicándose á formación cristiá e social dos africanos.

O 8 de febreiro de 1895, cando non chegaba aos 37 anos, foi nomeado vigairo apostólico do África central, con sé en Khartún, e bispo titular de Amastri. Foi consagrado bispo o 21 de abril de 1895 na catedral de Verona, e no xullo seguinte volveu a Exipto, comprometido con desenvolver o seu programa misioneiro, mentres estaban a piques de volver a abrir as portas do Sudán; fixou a súa residencia en Asuán, e logo da derrota dos mahdistas en 1898, trasladouse en 1900 a Omdurman-Khartún, estabelecendo a base para os futuros proxectos misioneiros.

Entón, emprendeu unha viaxe de animación misionera por toda Europa, que deu como froito novas vocacións para as misións; foi en peregrinación a Lourdes e a Paray-le-Monial (centro do culto ao Sagrado Corazón); ademais, cos fondos recadados, podería mercar un barco para navegar polo Nilo.

Completou outras dúas expedicións misioneras de envergadura para levar o Evanxeo ás tribos dos recunchos máis remotos da vigairía. Coa primeira, en febreiro de 1901, fundou as estacións de Lul entre os scilluk no sur do Sudán; coa segunda, en xaneiro de 1902, chegou á fronteira con Uganda, coa intención de abrir unha misión entre os lotuko, mais non obtivo autorización do goberno, e tivo que volver a Khartún agardando unha mellor oportunidade.

Algúns meses máis tarde, mentres viaxaba en tren ao Cairo, caeu enfermo e finou o 2 de maio de 1902 con só 43 anos, mentres o tren paraba en Barbar, en territorio sudanés.

Veneración editar

A súa causa de beatificación foi aberta o 16 de decembro de 1954.[1]

Notas editar

  1. Catrice, Paul (1964). Un audacieux pionnier de l'Église en Afrique: Mgr. Comboni et l'évangélisation de l'Afrigue centrale: vie et caractère d'un précurseur, idées et méthodes missionnaires, le drame de l'Église du Soudan, les Comboniens. Éditions Vitte. p. 65. Le procès de béatification de Mgr Roveggio a commencé en 1954