Antártida Occidental

Coordenadas: 79°S 100°O / -79, -100 A Antártida Occidental, ou Antártida Menor é unha das dúas grandes rexións en que se divide a Antártida, correspondendo á beira das Montañas Transantárticas que enfronta ao océano Pacífico e que comprende basicamente a Terra de Marie Byrd, a Terra de Ellsworth e a Península Antártica. Toda a Antártida Occidental queda dentro do Hemisferio Occidental. Está separada da masa principal do continente (Antártida Oriental) polo Mar de Ross e o Mar de Weddell, semellando unha xigantesca península que se estreita desde o Polo Sur cara ao extremo sur de América do Sur. Ás veces tamén se denomina Antártida Occidental a toda a parte do continente que está dentro do Hemisferio Occidental. O nome existiu por máis de 90 anos (Balch, 1902; Nordenskjöld, 1905), pero o seu uso xeneralizado comezou co Ano Xeofísico Internacional (1957-58) xa que as exploracións revelaran que as Montañas Transantárticas constitúen unha útil separación rexional entre a Antártida Occidental e a Antártida Oriental. O Advisory Committee on Antarctic Names (US-ACAN, Estados Unidos) aprobou o nome (en inglés, West Antarctica) en 1962.