Andoriña das barreiras

A andoriña das barreiras[2][3] (Riparia riparia) é unha ave paseriforme migratoria da familia das andoriñas. Ten unha ampla área de distribución en verán, que abrangue practicamente toda Europa, parte do norte de Asia e Norteamérica. Pasa o inverno no leste e sur de África, Suramérica e o subcontinente indio. En Galicia é unha ave estival escasa.[3]

Andoriña das barreiras

Voando en Escocia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Hirundinidae
Xénero: Riparia
Especie: Riparia riparia
(Linnaeus, 1758)

Subespecies
  • R. r. dolgushini
  • R. r. eilata
  • R. r. ijimae
  • R. r. innominata
  • R. r. kolymensis
  • R. r. riparia
  • R. r. shelleyi
  • R. r. taczanowskii
Sinonimia

Hirundo riparia Linnaeus, 1758
Riparia diluta (pero ver texto)

Taxonomía editar

Esta especie foi descrita por Linnaeus no seu Systema naturae en 1758, e orixinalmente deulle o nome de Hirundo riparia; a descrición constía simplemente en: H[irundo] cinerea, gula abdomineque albis—"unha andoriña cincenta coa gorxa e barriga brancas"—e a localidade tipo mencionada era simplemente "Europa".[4] O seu nome específico, riparia (e actualmente tamén o xenérico), significa 'das ribeiras'; que deriva do latín ripa, 'ribeira dun río'.[5]

As poboacións do norte da India e sur da China, que antes se consideraban desta especie, son agora normalmente separadas nunha especie distinta, Riparia diluta. Esta ten partes inferiores marróns agrisadas máis claras e unha banda no peito menos nítida e inverna en Paquistán e sur da India.[6]

Descrición editar

 
Andoriña das ribeiras mostrando a banda escura do seu peito
 
Adulto nun sitio de nidación en Dziwnówek, Polonia

É de 12 cm de longo e de cor marrón pola parte superior, branca na inferior cunha banda estreita marrón no peito, ten un bico negro e patas marróns. Os xoves teñen puntas marróns avermelladas nas plumas cobertoiras e marxes das secundarias.

O seu dorso negro, gorxa branca, pequeno tamaño e voo rápido e errático diferénciana de andoriñas similares, como a Delichon urbicum, Petrochelidon pyrrhonota ou as outras especies de Riparia. Só a Riparia cincta da África subsahariana é similar, pero a andoriña das ribeiras só aparece no norte desa zona en inverno.

A andoriña das ribeiras ten unha canción trilante que é continua cando está voando e pasa a un ton "conversacional" baixo cando está pousada. Emite unha chamada de alarma áspera cando pasa un falcón, un corvo ou outro posible predador que pide unha acción combinada para espantalo.

Ecoloxía editar

 
Colonia de reprodución activa

Linnaeus xa salientou os hábitos reprodutores desta especie: Habitat in Europae collibus arenosis abruptis, foramine serpentino—"vive en Europa, en buratos serpenteantes en outeiros de area abruptos". Observouse que prefiren o loes como tipo de tereo para facer o niño.[7] Encóntranse xeralmente preto de corpos de auga, como ríos, lagos ou mesmo o océano, durante todo o ano.[4][8]

É a primeira especie da súa familia que aparece nos seus terreos de reprodución, desde finais de marzo, xusto antes da Hirundo rustica. No norte de Ohio, chegan en cantidade a mediados de abril, uns 10 días antes do que o facían hai 100 anos.[9][10] Ao principio, voa sobre grandes corpos de auga en solitario, buscando as primeiras moscas que saen. Máis tarde acompañan a outras especies de andoriñas, pero durante un tempo, que varía segundo o tempo climatolóxico que faga, permanecen nestes grandes corpos de auga e non visita os seus lugares favoritos de nidificación. A andoriña das barreiras parte cedo, de todas formas dos seus lugares preferidos de máis ao norte. En agosto, as reunións de aves nos pousadoiros nocturnos increméntanse enormemente, aínda que a chegada e a partida de aves de paso causa unha grande irregularidade en canto á súa cantidade. A fins de setembro xa marcharon dos tereos de reprodución case todas.

 
Niño con ovos
 
Ovos desta especie na colección do Museo de Wiesbaden, Alemaña

O seu alimento consiste en pequenos insectos, principalmente mosquitos e outras moscas, cuxos estadios larvarios iniciais son acuáticos.

É unha ave sociable nos seus hábitos de nidificación, e poden xuntarse de ducias a moitos centos de parellas para nidificar preto nun mesmo lugar, segundo o espazo dispoñible. Os niños están ao final de túneles escavados dunhas poucas decenas de centímetros a máis dun metro de lonxitude, feitos en area ou grava. O niño propiamente dito é un leito de palla e plumas nunha cámara ao final da toqueira; pero axiña queda infestado de parasitos. Pon de catro a cinco ovos brancos a mediados ou finais de maio e é común que fagan unha segunda posta en todos os sitios de nidación menos os de máis ao norte.

Conservación editar

Non é un paxaro escaso e está clasificado como en estado "pouco preocupante" pola IUCN.[1] Goza dalgunhas proteccións legais locais, xa que certas poboacións declinaron ou están ameazadas pola perda de hábitat ou a fragmentación. Son considerados ameazados en California, onde hai poboacións no val de Sacramento[11] e en dous sitios costeiros, Ano Nuevo e Fort Funston.[12]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Riparia riparia". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 Linnaeus, Carl (1758). Laurentius Salvius, ed. 101.4. Hirundo riparia (PDF). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. vol. 1 (10th ed.) (Holmius [Stockholm]). p. 192. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. p. 336. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Turner, Angela; Rose, Chris (1989). Swallows and martins: an identification guide and handbook. Houghton Mifflin. ISBN 978-0-395-51174-9. 
  7. Smalley, I.J., Smalley, G.J., O'Hara-Dhand, K., Jary, Z. 2013. Sand martins favour loess: how the properties of loess ground facilitate the nesting of Sand Martins/Bank Swallows/Uferschwalben (Riparia riparia L1758) Quaternary International 296, 216-219. https://dx.doi.org/10.1016/j.quaint2012.03.059
  8. Accordi & Barcellos (2006)
  9. Henninger, W.F. (1906). "A Preliminary List of the Birds of Seneca County, Ohio". The Wilson Bulletin 18. 
  10. OOS (2004)
  11. Garrison, B.A. (1998). "Bank Swallow (Riparia riparia)". The Riparian Bird Conservation Plan: A Strategy for Reversing the Decline of Riparian-associated Birds in California. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 09 de agosto de 2019. 
  12. Fish, Allen (April 2012). "Bank Swallows of Fort Funston". Golden Gate National Parks Conservancy. Consultado o 26 October 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar