Os amiloplastos son un tipo de plastos non pigmentados que se atopa nalgunhas células vexetais. Estes orgánulos son responsables da fabricación e almacenamento de gránulos amidón, por medio da polimerización da glicosa orixinada na fotosíntese, que chega ao orgánulo procedente dos cloroplastos das partes verdes da planta.[1] Os amiloplastos tamén hidrolizan este amidón de novo en azucre cando a planta precisa enerxía. Son moi abundantes os amiloplastos en tecidos de almacenamento como tubérculos, como é o caso da pataca, cotiledóns das sementes, endospermo de froitos, e en células dos meristemas e células da pilorriza ou caliptra da raíz asociadas co xeotropismo ou gravitropismo.

Amiloplastos nunha célula de pataca.
Tipos de plastos

Os amiloplastos son plastos do grupo dos leucoplastos (incoloros, sen pigmentos). Os plastos son un tipo especializado de orgánulos que posúen o seu propio xenoma e pénsase que descenden de cianobacterias, que estableceron unha relación de endosimbiose cunha célula eucariota.

A síntese e almacenamento de amidón tamén ten lugar, aínda que non de forma tan masiva, nos cloroplastos, un tipo de plasto pigmentado encargado de facer a fotosíntese. Os amiloplastos e os cloroplastos están moi relacionados, xa que os plastos poden transformarse uns noutros. Un exemplo deste tipo de conversións é a dos amiloplastos do tubérculo da pataca, que se poden transformar en cloroplastos (adquiren clorofila), cando as patacas están expostas á luz. Os amiloplastos poden orixinarse tamén directamente a partir dos proplastidios por medio do depósito de amidón no seu interior, ou por rediferenciación dos cloroplastos. [2]

Os gránulos de amidón que se observan nos amiloplastos teñen forma moi variada, hainos esféricos, ovais, alongados con forma de fémur, e normalmente están formados por capas concéntricas depositadas arredor dun punto, o hilo, que pode ser céntrico (gramíneas e leguminosas) ou excéntrico (Solanum). Cando hai máis dun hilo fórmanse grans compostos (Avena, Oryza). O gran de amidón é un esferocristal que con luz polarizada mostra a figura da cruz de Malta; tínguese de azul-negro con compostos iodados.

Estatólitos: percepción da gravidade editar

Na pilorriza ou caliptra (un tecido protector situado na punta da raíz da planta) hai un conxunto especial de células, chamadas estatocitos. Dentro de cada estatocito hai certo tipo especial de amiloplastos, que están implicados na percepcion da gravidade por parte da planta, fenómeno chamado gravitropismo. Este tipo de amiloplastos especializados, chamados estatólitos, son máis densos ca o citoplasma e poden sedimentar de acordo coa dirección da forza de gravidade. Os estatólitos están enredados nunha malla de actina e pénsase que a súa sedimentación transmite o sinal gravitrópico activando canais mecanosensitivos, que son proteínas de membrana capaces de xerar un fluxo eléctrico ou iónico. O sinal gravitrópico causa entón a redistribución das correntes de auxina (hormona vexetal) na pilorriza ou caliptra e en toda a raíz no seu conxunto. O cambio nas concentracións de auxina conduce a un crecemento diferencial dos tecidos da raíz. En consecuencia, a raíz medra torcéndose seguindo a dirección do estímulo gravitatorio (xeotropismo positivo). Tamén se atoparon na capa endodérmica do talo das inflorescencias. A redistribución de auxina causa que o gromo creza na dirección oposta do estímulo gravitatorio (xeotropismo negativo do talo).[3][4]

Notas editar

  1. Wise, Robert R. (2007). Wise, Robert R.; Hoober, J. Kenneth, eds. The Diversity of Plastid Form and Function 23. Dordrecht: Springer Netherlands. pp. 3–26. ISBN 978-1-4020-4060-3. doi:10.1007/978-1-4020-4061-0_1. 
  2. Anstis, P. J. P.; D. H. Northcote (1973). "Development of chloroplasts from amyloplasts in potato tuber discs". New Phytologist 72 (3): 449–463. doi:10.1111/j.1469-8137.1973.tb04394.x. 
  3. D. Volkmann & M. Tewinkel for the European Space Agency (April 1997). "Position of Statoliths in Statocytes from Cress Roots under Changing Gravity Conditions". European Space Agency. Consultado o 2008-12-12. The statolith theory of Nemec and Haberlandt predicts that intracellular dense particles such as starch-filled plastids trigger the gravitropic stimulus response chain." ("A teoría dos estatólitos de Nemec e Haberlandt predí que partículas intracelulares densas como plástidos cheos de amidón desencadean a cadea de respostas aos estímulos gravitatorios.) 
  4. Chen, Rujin; Rosen, Elizabeth & Masson, Patrick H. (1999-06-01). "Gravitropism in Higher Plants". Plant Physiology 120 (2): 343–350. ISSN 0032-0889. doi:10.1104/pp.120.2.343. In higher plants the gravity susceptors, or statoliths, are believed to be dense amyloplasts that sediment in specialized cells, or statocytes." ("En plantas superiores os susceptores de gravidade, ou estatólitos, crese que son amiloplastos densos que sedimentan en células especializadas, ou estatocitos.") 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar