Also sprach Zarathustra

Also Sprach Zarathustra. Ein Buch für Alle und Keinen (Así falou Zarathustra. Un libro para todos e para ninguén) é un libro do filósofo alemán Friedrich Nietzsche e foi escrito entre os anos 1883 e 1885. Foi despois de dúas visións, unha en Surlei en agosto de 1881 e outra en Rapallo en xaneiro de 1883, a partir das cales Nietzsche concibiu o seu poema filosófico Zaratrusta. A intuición do eterno retorno e a concepción do personaxe chamado Zaratrusta son a inspiración desta obra, coa cal Nietzsche pretendía chegar a un público universal, xa que segundo as súas palabras escribirao para todos e para ninguén.

Also sprach Zarathustra
Portada da primeira parte na súa primeira edición (1883)
Autor/aFriedrich Nietzsche
OrixeAlemaña
Lingualingua alemá
Xénero(s)romance filosófico
Data de pub.1885
editar datos en Wikidata ]

Estrutura da obra editar

A obra divídese en catro partes que foron publicadas en tres anos; en 1883 publicáronse as dúas primeiras partes, en 1884 apareceu a terceira parte e en 1885 publicouse a cuarta parte. Trata sobre a vida dun profeta, desde que este ten trinta anos ata a súa vellez.

Contido da obra editar

Ten un contido argumentativo, dominante nas dúas primeiras partes, e á vez un contido narrativo, que domina nas outras dúas.

Primeira parte editar

Na primeira parte, que inclúe un prólogo que introduce na escena ao último home dos tempos modernos, un home pouco ambicioso e mediocre. A continuación, o protagonista con só trinta anos, busca a soidade e a tranquilidade e para iso retírase ás montañas acompañado dunha aguia e dunha serpe. Despois de dez anos sente a necesidade de volver cos humanos, e polo amor que lles profesa, ensínalles todo o que aprendeu durante a súa ausencia, entre o que está a morte de Deus, manifestándolles que lles falaba dun superhome. Pero ninguén o entendía, co que chega a conclusión de que precisa discípulos. Neste momento a aguia e a serpe sérvenlle tanto de compañía como de guía. Na cidade de A vaca multicolor, traducida por Kummasuddamam, ensinou a doutrina das tres transformacións do espírito -a autorresponsabilidade, a autosuperación e a autolexislación-, e realizou unha crítica da súa propia doutrina sobre o sentido da Terra, da que non está plenamente convencido e reflexiona sobre a idea de que a verdade estea máis alá dos homes, por detrás das cousas, que se trate da verdade do mundo, das cousas.

Segunda parte editar

A segunda parte comeza coa estancia do protagonista durante anos nas montañas, e como da primeira vez, sente a necesidade de transmitir e ensinar aos demais o que aprendeu e intenta facerlles ver a aguia e a serpe a felicidade de regresar cos humanos. Nas Illas Afortunadas fálalles aos seus amigos de Deus como algo enfrontado o que fai que o home sexa creativo, e lévao a conclusión de que os homes deben orientarse segundo as directrices do superhome. As razóns que aporta para isto están en que este ser é o sentido da Terra, isto é, o sentido das cousas desde a capacidade de creación do ser humano a partir do continxente, da corporeidade, do devir e do tempo, fronte a orientación divina que se move desde os principios do ilimitado, do imperecedoiro e do eterno, é dicir, desde a consideración da idea da transcendencia.

Ademais de continuar con temas da súa doutrina nos discursos, tamén compón cancións, nas cales expresa a dúbida de conseguir un obxectivo de autosuperación. Son cancións nas que manifesta que a solución a ese estado encóntrase na vontade, aínda que tamén expresa o amor que sente. A personalidade do protagonista vaise perfilando cada vez máis, precisamente mediante o trazo de sentirse poeta; por un lado chega a entender que as comparacións e a linguaxe que emprega son propias dos poetas, e por outro, manifesta a contradición de sentirse fastíado deles polo feito de que se sente un espírito libre. Nas Illas Afortunadas segue cos seus discursos e desenvolve o concepto da vontade de poder. Isto explícao como a forza dinámica que fai que o home se poña en movemento e se supere tendo en consideración o intercambio de obediencia e mandato. Do contido dos seus discursos son destacables os que tratan sobre os compasivos, os sacerdotes, os virtuosos,... e en canto a forma do discurso ensina temas como a superación de si mesmo, os sublimes, o país da cultura, o inmaculado coñecemento, os deuses, os poetas, etc.

Despois das primeiras experiencias na Illa do Volcán, comeza a idea do eterno retorno do idéntico, e ante o convencemento de que o que pode ofrecer coas súas doutrinas é un froito aínda non maduro, decide abandonar os seus amigos na busca da soidade como medio para profundar os seus coñecementos.

Terceira parte editar

Ao comezo da terceira parte nárrase a nova marcha de Zaratrusta. Aos catro días de abandonar as Illas Afortunadas diríxese a si mesmo falando sobre a boaventura non querida e de antes da saída do sol. Zaratrusta bótase a chorar antes de abandonar as illas xa que sente a soidade e o desexo de amar sen esquecerse de si mesmo.

Xa na viaxe, en barco desde as illas, conta a quen desexa escoitalo o contido do seu soño. Alí chama dunha maneira especial a identificación do personaxe coas experiencias e vivencias que está tendo a medida que a súa vida evoluciona. Deste modo, ten a oportunidade de seguir reflexionando sobre as ideas dos tres males: o egoísmo, a ambición de poder e a voluptuosidade. A partir do soño coa serpe á cal lle arrinca a cabeza, comeza a sentir que vai sandar o mal do fastío que sempre o acompañou. Zaratrusta volve actuar como poeta que canta poemas nos que expresa a felicidade que lle proporciona o estado en que se sente, son unha loanza ao concepto de eterno retorno do idéntico.

Cuarta parte editar

Na cuarta parte a acción faise máis complexa e máis novelesca no sentido clásico do termo. O autor comeza narrando como o protagonista se queda nas montañas desfrutando da soidade e do tempo de moitos meses e anos que fan del un ancián cuxos cabelos tornan brancos. A felicidade de Zaratrusta expresada ao final da terceira parte pode conducir a pensar que dese modo e nese momento remataría a obra, con todo, o autor non parece satisfeito e segue narrando o que pasa dentro do protagonista despois dese momento que non parece movelo máis alá do anhelo de regresar outra vez xunto aos homes, pero si a necesidade de falar de si mesmo e da súa doutrina. Zaratrusta está cheo de felicidade e quere servir de atractivo para que sexan os homes quen veñan xunto del, e non ao revés, como ata agora fora. Sobe entón a unha montaña a realizar a ofrenda do mel e ao día seguinte encóntrase co adiviño e escoita o berro de socorro do home superior, a cuxo encontro se pon en camiño en contra da opinión do propio adiviño. Na marcha cara ao lugar de onde procede o berro atópase con diferentes homes aos que invita a que o vaian visitar durante a noite na cova. En primeiro lugar encóntrase cunha corte na que viaxan os dous reis que queren velo, pois non se deixaron influenciar polo pobo e buscaban tamén a ese ser que é mellor que eles; logo ao concienciudo do espírito que manifesta que se sente seguidor de Zaratrusta; logo ao mago a quen invita a súa cova; ao xubilado, un ancián que busca ao verdadeiro Zaratrusta; ao último Papa, que non ten nada que facer despois de que Deus morrese e busca ao Zaratrusta máis piadoso de todos os ateos; ao máis feo dos homes que matou a Deus e lle agradece a Deus o seu desprezo pola compaixón; ao mendigo voluntario que deixou as súas riquezas para servir aos pobres e para quen Zaratrusta é o único home que admira; a súa propia sombra na que recoñece a eliminación dos seus valores periclitados, pero tamén a desorientación a que pode levalo o exceso de autonomía.

No camiño de regreso escoita o berro que sae da súa cova e ve a todos os que encontrou pola mañá en dirección ao lugar do cal procede o berro e saúdanse. Dentro todos xuntos, incluídos os animais e un asno, celebran a cea. Nela mediante vinte discursos, fálalles aos seus comensais sobre a realidade do home superior e remata aconsellándolles que se superen aínda máis. É a última celebración con todos os homes superiores antes de abandonar por terceira vez as montañas. Zaratrusta sae da súa cova. O mago canta a canción da melancolía; atopándose Zaratrusta fóra, os invitados falan da ciencia para rematar por enfrontarse a el e rirse del unha vez que regresou e se atopara con eles dentro. O viaxeiro a sombra de Zaratrusta pídelle que se quede e ponse a tocar coa arpa a canción entre fillas do deserto, a festa segue co espertar. Logo ocorre o inesperado: despois do ambiente de festa sae da cova, atopándose a volta con que todos os convidados están adorando ao asno e en plena noite decide expulsalos do lugar. Entón, acompañado da lira, recita a canción do noctámbulo, na que glorifica a lei do eterno retorno do idéntico. Pola mañá espera a chegada do gran mediodía coa felicidade e a esperanza de atopar aos compañeiros adecuados.

Personaxes da obra editar

O personaxe máis importante desta obra é o protagonista, Zaratrusta; a relación que este mantén cos demais limítase a unha acción que se centra nunha actividade dirixida por el e na que os seus discípulos, amigos ou compañeiros limítanse a mostrar unha actitude soamente pasiva ao longo da maior parte do argumento. Por outro lado, entre os personaxes débese ter en conta aos animais, cuxa actividade é máis activa en ocasións cá doutros personaxes humanos.

De comezo, podemos pensar que Zaratrusta é o profeta persa do mesmo nome, unha simbolización de Xesús de Nazaret ou unha simbolización do autor da obra.

Así falou Zaratrusta é unha obra de fición aínda que nela haxa personaxes e acontecementos protagonizados por personaxes reais. Neste sentido pode dicirse que Zaratrusta é un personaxe de ficción e a narración que se fai da súa vida é tamén ficción. Podemos tamén pensar que se trata da figura de Xesús de Nazaret adaptada á nova doutrina. É tamén se pode pensar que sexa o profeta persa, a realidade é que o lector atópase cunha forma de enmascaramento detrás da cal se esconde o autor da obra e que Zaratrusta é sen máis unha forma de expresión literaria de Nietzsche e, en consecuencia, a expresión ficticia referencial desta persoa.

Hai un personaxe real que é a referencia do contido fundamental da obra que constitúe a doutrina do protagonista. Se así fose, detrás de Zaratrusta pódese identificar tanto ao autor como a persoa da historia que outorga o fundamento filosófico da obra. Trataríase dun filósofo da antigüidade grega, cuxo pensamento Nietzsche coñece ben a consecuencia da súa actividade inicial como investigador.

En resumo, a estrutura da obra xira arredor de Zaratrusta e é el quen determina que esta se desenvolva nunha dirección determinada. É profesor, mestre dunha doutrina e a súa acción móvese co obxectivo de comunicala aos humanos.

Os animais editar

Despois de que Zaratrusta na novena parte do prólogo da obra lle fálase ao seu corazón sobre o estado no que se atopa tras o seu fracaso como mestre, advertindo que para a obra non serve calquera persoa, se non seres, compañeiros que sexan capaces de colaborar na súa actividade máis alá do ben e do mal. No final do prólogo aparecen dous animais, unha aguia e unha serpe; son animais perigosos aos que Zaratrusta cualifica: a aguia como o máis altivo e a serpe como o máis intelixente que existe baixo o sol. Ambos queren saber se Zaratrusta aínda vive.

A partir deste momento, os animais entran na acción da obra como se fosen dous personaxes que desempeñan unha función nela. A relación do protagonista cos animais consiste en que estarán con el na cova e preocuparanse do seu estado anímico e corporal.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar