Alfred Wegener

científico alemán que desenvolveu a teoría da deriva continental

Alfred Lothar Wegener, nado en Berlín o 1 de novembro de 1880 e finado en Groenlandia o 2 de novembro de 1930, foi un científico interdisciplinario alemán que desenvolveu a teoría da deriva continental. Non obstante, tal teoría xa estaba enunciada, polo que a súa tarefa principal foi a de perfeccionala.

Alfred Wegener
Nome completoAlfred Lothar Wegener
Nacemento1 de novembro de 1880
Lugar de nacementoBerlín
Falecementonovembro de 1930
Lugar de falecementoGroenlandia
CausaInsuficiencia cardíaca
NacionalidadeImperio Alemán
Alma máterUniversidade Humboldt de Berlín e Köllnisches Gymnasium
Ocupaciónxeólogo, explorador, astrónomo, meteorólogo, profesor universitario, polar explorer, físico, xeógrafo, xeofísico e climatólogo
CónxuxeElse Köppen
IrmánsKurt Wegener
Coñecido porThe Origin of continents and oceans
PremiosCarl-Ritter-Medal
Na rede
WikiTree: Wegener-222
editar datos en Wikidata ]
Alfred Wegener, arredor de 1925

Traxectoria editar

Alfred Wegener estudou meteoroloxía nas universidades de Heidelberg, Innsbruck e Berlín. En 1906 iniciou unha viaxe de dous anos ao nordeste de Groenlandia, acompañando a unha expedición dinamarquesa dedicada á investigación meteorolóxica. Ao seu regreso en Alemaña foi designado Privatdozent de astronomía e meteoroloxía na Universidade de Marburgo e escribiu un coñecido manual de meteoroloxía. En 1912 emprendeu unha segunda e pouco exitosa expedición a Groenlandia con J. P. Koeh. Despois da primeira guerra mundial, na que serviu como oficial e recibiu feridas no brazo e no pescozo, Wegener volveu á vida académica en Hamburgo. En 1924 ofrecéronlle e aceptou a cátedra de meteoroloxía e xeofísica acaba de crear na Universidade de Graz, en Austria. Morreu no xeo continental en 1930, no curso da súa terceira expedición a Groenlandia.

Deriva continental editar

 
Neste diagrama, Wegener teorizaba sobre como os continentes podían separarse adoptando a súa presente forma.

Wegener tivo a sospeita de que os continentes buliran lateralmente cando advertiu, en 1910, a notable coincidencia dos contornos continentais a ambos as dúas beiras do Atlántico. Con todo, desestimou inicialmente a idea, considerándoa improbable, pero no ano seguinte leu un traballo sobre paleontoloxía que explicaba o achado de fósiles idénticos en estratos xeolóxicos actualmente separados por océanos. Wegener supuxo que os animais viviran algunha vez nunha única masa de terra que posteriormente se separou. A busca de novas evidencias deste tipo foi tan frutífera e corroborou de tal maneira a súa idea inicial que se sentiu na obriga de desenvolver as hipóteses, que expuxo por vez primeira nunha conferencia en Frankfurt, en xaneiro de 1912. Ese mesmo ano, máis tarde, publicou dúas breves comunicacións sobre o tema. Wegener usou faccións da paisaxe, fósiles e climogramas para evidenciar e apoiar a súa hipótese da deriva continental. Exemplos de trazos da paisaxe son as montañas de África e Suramérica aliñadas e xacementos de carbón en Europa aliñados con xacementos en Norteamérica.

A primeira versión da teoría en forma de libro, máis extensa, apareceu en 1915. Chamábase Die Entstehung der Kontinente und Ozeane. Nela expuña que todos os continentes estiveran unha vez unidos nunha única masa de terra á que denominou "Panxea", que significa "Todas as Terras", que posteriormente se fragmentou e deu orixe aos continentes actuais, que seguirían desprazándose. En 1920, 1922 e 1929 publicáronse edicións revisadas: a de 1922 atraeu a máxima atención e foi traducida en 1924 ao inglés, francés, ruso e castelán. A edición inglesa recibiu o título de The origin of continents and oceans. Nesa edición fálase do desprazamento continental. Porén, a expresión creada posteriormente, deriva continental, cundiu no acto por todo o mundo de fala inglesa.

É interesante comparar o primeiro traballo publicado coas últimas edicións do libro. No artigo do Petermanns Mitteilungen, Wegener explica ao comezo que se limita a adiantar unha hipótese de traballo que, segundo el, esixirá modificacións co transcurso do tempo. No canto de destacar o "axuste do crebacabezas" e as comprobacións paleontolóxicas, arrebólase directamente á argumentación xeofísica, indicando o que ve como erros ou contradicións da teoría ortodoxa. Só máis adiante expón probas xeolóxicas na defensa da súa idea de que os continentes, anteriormente unidos, se separaran e se afastaran. Tiña a esperanza de que futuras observacións xeodésicas demostraran que o movemento aínda continuaba, e deducía o movemento dos polos do desprazamento das antigas liñas climáticas. Wegener dixo moi pouco verbo do mecanismo que controlaba a deriva continental, aínda que propuña como posibilidades as forzas das mareas e "a fuga dende os polos".

Na última edición, publicada antes da súa morte, tanto o carácter dos principais argumentos como a súa presentación, mantéñense notablemente similares, tendo en conta que transcorreran dezasete anos. As principais diferenzas coas súas obras anteriores son unha maior elaboración e o engadido de numerosas evidencias, como a importante observación de que os océanos pouco profundos eran xeoloxicamente os máis novos, e particularmente interesantes no campo da paleoclimatoloxía. Como correspondía a un meteorólogo, Wegener interesárase en forma crecente polos climas antigos, e en 1924 escribiu un libro sobre o tema en colaboración con W. Köppen.

 
Wegener en Groenlandia, inverno de 1912-1913.

Teoría da deriva continental editar

Alfred Wegener tamén intentou explicar unha teoría da deriva continental, aínda que tamén se equivocou. A súa teoría da deriva continental propuña que a forza centrífuga moveu os pesados continentes ata o ecuador debido á rotación terrestre. El pensaba que a inercia, debida ao movemento centrífugo combinado co movemento das mareas, moveu aos continentes.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar