A albita é un mineral do grupo dos silicatos, subgrupo tectosilicatos e dentro destes pertence aos feldespatos denominados plaxioclasios. É un aluminosilicato de sodio, que pode levar calcio ou potasio substituíndo ao sodio na rede cristalina, pero por definición de albita debe ter máis sodio (máis do 90%) que calcio e potasio xuntos (menos do 10%).

Albita
Fórmula químicaNaAlSi3O8
ClaseSilicatos
SubclaseTectosilicatos
Sistema cristalinoTriclínico, pinacoidal
CorBranca, e rara vez azulada, gris ou rosa.
BrilloVítreo
Dureza6 a 6,5 (escala de Mohs)
FracturaFractura perlada, irregular a concoidal
RaiaBranca
Densidade2,61 g/cm3

Características editar

Presenta un aspecto de cristais ben formados albos, case sempre maclados. A macla de cristais aplanados xuntos crea o efecto de estriacións na superficie do cristal, sendo tan característica que se designa como macla de albita.

É o extremo con sodio de dúas series de solución sólida distintas. Por un lado a serie dos plaxioclasios, á cal se considera que pertence, cuxos extremos son a albita (plaxioclasio de sodio) e a anortita (plaxioclasio de calcio). Por outra parte a serie dos feldespatos potásicos, cuxos extremos son a albita (NaAlSi3O8) e o ortoclasio (KAlSi3O8), con toda unha serie de minerais intermedios con proporcións variables de sodio e potasio.

O seu nome procede do latín albus, que significa branco aludindo á súa cor máis usual. Sinónimos moi pouco usados son: hiposclerita, olafita e zigadita.

Unha variedade de albita é a cleavelandita, que aparece asociada á turmalina e forma cristais brancos tan extremadamente finos que ás veces son transparentes.

Ambiente de formación editar

 
Capas de albita de 0,4 mm no interior dun mineral de pertita

A serie de minerais feldespatos potásicos só existe cando o ambiente de cristalización se produce a alta temperatura. Cando a temperatura é baixa prodúcese a exsolución, na que a albita se separa do resto de masa mineral formando capas de albita no interior dos cristais de feldespato potásico. Ás veces estas capas brancas son visibles ao ollo humano e o espécime denomínase pertita.

A albita é un constituínte moi típico das rochas ígneas de tipo granito ou sienita. Os minerais aos que normalmente aparece asociada en ambos tipos de rocha son cuarzo, turmalina e moscovita.

Tamén se pode atopar nas rochas metamórficas, como as formadas baixo condicións de presión e temperaturas relativamente baixas, e en certas rochas sedimentarias.

Localización, extracción e uso editar

Encontráronse importantes depósitos na península do Labrador e na península Escandinava. Tamén hai grandes depósitos de albita na rexión do monte Branco, na Suíza, no Tirol austríaco e en todo o norte da Italia.

Este sólido é usado na fabricación de vidro e cerámica, así como na industria de materiais refractarios.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar