Albert Abraham Michelson

físico estadounidense

Albert Abraham Michelson, nado en Strzelno o 19 de decembro de 1852 e finado en Pasadena (California, nos Estados Unidos) o 9 de maio de 1931, foi un físico pruso, coñecido polos seus traballos acerca da velocidade da luz. Recibiu o Premio Nobel de Física en 1907.

Albert Abraham Michelson Premio Nobel
Albert Abraham Michelson
Datos persoais
Nacemento19 de decembro de 1852
Lugar Strzelno, Imperio Ruso
Falecemento9 de maio de 1931 (78 anos)
Lugar Pasadena (California, Estados Unidos)
Soterradovalor descoñecido
ResidenciaEstados Unidos de América Estados Unidos
Nacionalidade Estadounidense
CónxuxeMargaret Hemingway (1877–1898; divorciado; 3 fillos)
Edna Stanton (1899–1931; falecemento; 3 fillos)
Actividade
Campoespectroscopia, metroloxía
Alma máterAcademia Naval dos Estados Unidos, Universidade de Berlín
Director de teseHermann Helmholtz
Alumnos de teseRobert Millikan
Contribucións e premios
Coñecido porMedición da velocidade da luz
PremiosPremio Nobel de Física (1907)
Medalla Copley (1907)
Elliott Cresson Medal (1912)
Medalla Henry Draper (1916)
Medalla Albert (1920)
Medalla Franklin (1923)
Medalla Duddell (1929)
editar datos en Wikidata ]

Biografía editar

Fillo de Samuel Michelson e de Rozalia (filla de Abraham Przylubski) ámbolos dous de orixe xudía. Deixou a súa Prusia natal (onde hoxe é Polonia) cos seus pais en 1855. Viviu primeiro en Nova York, e máis adiante en Virginia City, Nevada e San Francisco, onde a súa familia prosperou nos negocios.

Aos 17 anos entrou na Academia Naval dos Estados Unidos en Annapolis, Maryland, onde aprendeu máis da ciencia que da arte marítima. Obtivo o grao de oficial en 1873 e prestou servizos como instrutor científico na Academia entre 1875 e 1879. Interesouse xa desde esa época no problema de tratar de determinar a velocidade da luz. Tras dous anos de estudos en Europa, deixou a Armada en 1881. En 1883 aceptou unha praza de profesor de Física en Case School of Applied Science de Cleveland e proxectou alí un interferómetro mellorado.

En 1892 Michelson, tras o seu paso como profesor de Física pola Clark University de Worcester, Massachusetts, desde 1889, foi Xefe do Departamento de Física da nova Universidade de Chicago, cargo no que permaneceu ata que se xubilou en 1929. En 1907 converteuse no primeiro estadounidense que obtivo o premio Nobel de Física. Entre 1923 e 1927 foi presidente da Academia Nacional de Ciencias.

A velocidade da luz editar

Primeiras medicións editar

Xa en 1877, cando aínda era oficial da Mariña dos Estados Unidos, Michelson empezou a estudar unha mellora do método para medir a velocidade de luz baseado en espellos rotativos, que inventara Léon Foucault, utilizando instrumentos ópticos mellores e de maior tamaño. Levou a cabo algunhas medicións preliminares con equipos improvisados en gran medida en 1878, período no que os seus traballos chamaron a atención de Simon Newcomb, director do Nautical Almanac Office, que xa estaba moi adiantado nos seus proxectos de medición. Michelson publicou os seus resultados de 299.910±50 km/s en 1879 antes de unirse ao equipo de Newcomb, en Washington. Iniciouse dese modo entre ambos unha longa colaboración profesional e amizade.

Simon Newcomb, unha vez obtivo financiamento para o seu proxecto, chegou ao valor de 299.860±30 km/s, practicamente no límite do intervalo proposto por Michelson, quen seguiu afinando o seu método e en 1883 publicou unha medición de 299.853±60 km/s, máis próxima á do seu mentor.

O monte Wilson, 1926 editar

 
Albert Abraham Michelson no ano 1907

En 1906, E. B. Rosa e N. E. Dorsey do National Bureau of Standards, utilizaron un novo método eléctrico e obtiveron un valor da velocidade da luz de 299.781±10 km/s. A pesar de que, como se demostrou máis adiante, este resultado estaba fortemente condicionado pola inseguridade nas características dos materiais eléctricos da época, esta medición iniciou unha tendencia á medición de valores á baixa.

A partir de 1920, Michelson empezou a planificar unha medición definitiva desde o Observatorio de "Monte Wilson", usando unha liña de medida ata a Lookout Mountain, unha cima relevante na crista meridional do monte San Antonio (Old Baldy), a unhas 22 millas de distancia.

En 1922, o Coast and Geodetic Survey iniciou dous anos de laboriosas medicións da liña de terra usando cintas de aceiro invar, recentemente descuberto. Coa lonxitude da liña de terra determinada en 1924, as medicións leváronse a cabo nos dous anos seguintes, obtendo o valor publicado de 299.796±4 km/s.

Esta famosa medición viuse prexudicada por diversos problemas, un dos máis importantes foi a escuridade producida polo fume dos incendios forestais, que ocasionou que a imaxe do espello quedase desenfocada. Tamén é probable que o heroico labor do Geodetic Survey, cun erro que se estima en menos dunha millonésima, quedase comprometido por unha descolocación dos puntos de referencia debido ao terremoto de Santa Bárbara, California, entre o 29 de xuño de 1925 (dunha magnitude estimada de 6'3 na escala de Richter).

Michelson, Pease & Pearson, 1932 editar

O período que seguiu a 1927 produciu novas medicións da velocidade da luz mediante novos dispositivos electro-ópticos, todas substancialmente inferiores ao valor de Michelson en 1926.

Michelson dedicouse a realizar máis medicións, pero esta vez nun tubo sen carga para evitar a dificultade de interpretar imaxes influenciadas polos efectos atmosféricos. En 1930 iniciou unha colaboración con Francis G. Pease e Fred Pearson para levar a cabo unha medición nun tubo de 1,6 km en Pasadena (California). Michelson morreu cando só se realizaron 36 das 233 series de medicións, xa que despois o experimento viuse obstaculizado pola inestabilidade xeolóxica e por problemas de condensación; chegouse ao valor de 299.774±11 km/s, coherente cos valores electro-ópticos prevalentes, que se publicou postumamente en 1935.

Interferometría editar

En 1887 colaborou co seu colega Edward Williams Morley no experimento Michelson-Morley. O seu experimento sobre o movemento relativo esperado entre a Terra e o éter, o hipotético medio no que se supuña que viaxase a luz, levou a resultados nulos. É practicamente seguro que Albert Einstein era coñecedor do traballo; o que axudou moito a aceptar a teoría da relatividade.

Michelson creou tamén un interferómetro para medir con gran precisión a lonxitude do metro baseándose nas lonxitudes de onda dunha das liñas espectrais dun gas establecendo así un patrón de medida universal.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar