Alameda (xardinaxe)

Unha alameda é un lugar poboado de álamos, aínda que tamén se estende o uso do termo a outro tipo de árbores como o carballo, lodoeiro, tileiro, moreira ou plátano de sombra.

Cando crece na ribeira dun río e é espontánea forma parte da paisaxe natural. Pola contra se foi planificada, pensada e plantada polo ser humano forma parte da xardinaría, con frecuencia estes paseos ou parques arborados foron o tipo máis antigo de xardín público e popular.

Basicamente coñecemos dous tipos de alamedas: as plantadas con frecuencia nos bordos dos camiños, sinxela aliñación de árbores. As primeira aliñacións, como simples liñas nos bordos dos camiños comezaron a ser plantadas en torno ás murallas das cidades medievais europeas como aconteceu na cidade italiana de Lucca (Toscana).

Outro tipo de alamedas eran as formadas con numerosas aliñacións para crear un grande espazo de sombra, nos lugares nos que se realizaban concentracións de calquera tipo. Os grandes espazos sombreados con chopos estaban destinados aos mercados e a ser escenario das máis diversas actividades lúdicas entre elas, as romaxes, os bailes e o adestramento atlético, militar e hípico.

Na xardinaría centroeuropea, especialmente en Flandres e en Francia, ademais de en Italia, adornáronse tamén os camiños de acceso das grandes vilas nobiliarias e aristocráticas con aliñacións de árbores e así mesmo dispuxéronse como paseos principais dos xardíns. Dende o século XVI, co progreso dos novos coches de cabalos foron o escenario destinado aos pracenteiros paseos cos coches e carrozas. A máis antiga alameda plantada, e por iso xardín, e aberta a todo o mundo, e por iso pública, que se conserva en Europa na actualidade é a Alameda de Hércules de Sevilla (1574).[1]

Galería editar

Notas editar

  1. Albardonedo Freire, Antonio (2002) “La alameda, un jardín público de árboles y agua. Origen y evolución del concepto”, Anuario de Estudios Americanos, vol. 72, Nº 2, 2015, 421-452.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar