Afluenza, affluenza, como préstamo do inglés, é un neoloxismo conformado polas palabras afluencia e influenza, usado polos críticos do capitalismo e do consumismo, principalmente polos de fala inglesa, que acuñaron o termo por vez primeira. Dúas fontes defínena do seguinte xeito:

affluenza, condición dolorosa, contaxiosa, socialmente transmitida, de sobrecarga, débeda, ansiedade e vacuidade resultante da obstinada persecución de máis.[1]
affluenza, 1. Sentimento pesado e lento de insatisfacción como resultado dos esforzos de manterse ó ritmo da clase social e bens materiais dos veciños. 2. Epidemia de estrés, sobrecarga de traballo (karoshi), despilfarro e endebedamento causado por perseguir o "Soño Americano". 3. Adicción insostible ó crecemento económico.[2]

Os defensores do termo consideran que o prezo dun crecemento sen fin en riqueza material pode conducir a sentimentos de inutilidade e insatisfacción máis que a experiencias dunha mellor calidade de vida, e que estes síntomas poden ser englobados baixo a metáfora dunha doenza. Defenden que aqueles que se enriqueceron, acadan o éxito económico á custa de deixarse a si mesmos insatisfeitos e famentos de máis riqueza, atopándose incapaces de conseguir pracer dos produtos que consomen, e que cada vez máis os bens materiais poden chegar a determinar o seu tempo e pensamentos, en detrimento das súas relacións persoais e a súa sensación de felicidade. A condición é considerada particularmente aguda entre aqueles con riqueza herdada, dos que se di que experimentan culpabilidade, falta de propósito e comportamento disoluto, así como unha obsesión de manter o nivel de riqueza percibido.

Teoría psicolóxica e social editar

O psicólogo británico Oliver James afirma que hai unha correlación entre a natureza crecente da afluenza e o aumento da desigualdade material: canto máis desigual é unha sociedade, maior é a infelicidade dos seus cidadáns.[3] Facendo referencia á tese de Vance Packard "The Hidden Persuaders" ('Os persuasores agochados'), sobre os métodos de manipulación usados pola industria da publicidade, James relaciona a estimulación de necesidades artificiais ao incremento da afluenza. Para ilustrar a extensión da afluenza na sociedade con diversos niveis de desigualdade, James entrevistou a xente en varias cidades, como Sidney, Singapur, Auckland, Moscova, Shanghai, Copenhaguen e Nova York.

James tamén cre que as altas porcentaxes de enfermidades mentais son consecuencia da excesiva busca de riqueza propia dos países consumistas.[4] Nun gráfico creado a partir de datos de diversas fontes, as variables de James "Prevalencia de algunha aflición emocional" e "Desigualdade de ingresos" tendían a amosar que os países de fala inglesa teñen preto de dúas veces máis estrés emocional que o resto do continente europeo e o Xapón: 21,6% contra 11,5%.[5] James define a afluenza como 'o feito de outorgarlle un alto valor ao diñeiro, ás posesións, á aparencia (física e social) e á fama', e isto convértese na base detrás do incremento de enfermidades mentais na sociedade de fala inglesa. El explica a grande incidencia de afluenza como resultado do capitalismo egoísta ('Selfish Capitalism'), as políticas de goberno de liberalismo económico encontradas nos países de fala inglesa en comparación co capitalismo menos egoísta do resto de Europa. James afirma que estas sociedades poden amosar o efecto negativo do consumismo buscando as necesidades reais en vez dos desexos percibidos, e definíndose a si mesmos como tendo un valor independente das súas posesións materiais.

Base filosófica editar

Como metáfora, presenta unha crítica social subxectiva como unha enfermidade obxectiva. Pode dicirse que toma o seu corpo crítico da unión dos conceptos elaborados por Karl Marx de alienación e reprodución do capital, sendo que o home non se comporta humanamente, senón que se identifica cunha cantidade de capital que como tal debe reproducirse a si mesma para seguir activa nos ciclos de crecemento económico. Neste senso, unha vez o diñeiro é manexado como capital, este comporta unha fame de riqueza que nunca poderá ser saciada, debido a que é unha abstracción que non se corresponde coa realidade: unha vez xorde a ansia de riqueza, coménzase a ter unha visión do diñeiro como capital, coma se este fose un investimento rendible en potencia e non simplemente un medio de cambio, sentindo culpabilidade no caso de non ser capaz ou non esforzarse en medrar a cantidade inicial, pois percíbese como inmoral. Así, o sistema socioeconómico deriva, dende o máis primitivo progreso material e humano que usa o diñeiro como medio de cambio, nun crecemento do capital que utiliza os recursos materiais e humanos para a súa reprodución. A superposición das características do sistema económico capitalista: abstracto, eterno, ideal...; sobre as do material real: concreto, finito, real..., derivaría seguindo a Deleuze, nun capitalismo esquizofrénico.

Neste senso, esta doenza tamén pode verse complementada co concepto de utilidade marxinal decrecente e o platonismo. Así, cando un ben material comeza a proporcionarnos menos beneficio, achacámolo a un platonismo da nosa necesidade, que require moito máis, un obxecto ideal e perfecto, para ser satisfeita, e buscamos o seu remedio noutro ben material de maior tamaño ou mellor calidade; e cando a necesidade é máis abstracta, como por exemplo unha necesidade de conciencia tranquila, buscámolo nun amplo abano de bens suxeridos pola industria publicitaria. Pero resulta que deste xeito a satisfacción será sempre imposible, debido ao dualismo ontolóxico instaurado por Platón, e que conforma un aspecto básico da nosa cultura occidental; esta distinción radical que sitúa un abismo (jorismós) entre dous mundos. Co cal estamos fronte a un círculo vicioso, un tipo de amor platónico que nunca poderá ser satisfeito.

Notas editar

  1. de Graaf, John. Affluenza: The All-Consuming Epidemic. ISBN 1-57675-199-6. (en inglés)
  2. Vídeo Affluenca (en inglés)
  3. Oliver, James (2007). Affluenza: How to Be Successful and Stay Sane. ISBN 978-0-09-190011-3. (en inglés)
  4. Oliver, James (2008). The Selfish Capitalist. ISBN 978-0-09-192381-5. (en inglés)
  5. Oliver, James (2007). ""Appendix 2: Emotional Distress and Inequality: Selfish vs Unselfish Capitalist Nations"". Affluenza: How to be Successful and Stay Sane. p. 344. ISBN 978-0-09-190010-6. The mean prevalences of emotional distress for the six English-speaking nations combined is 21.6%. The mean for the other nations, mainland Western Europe plus Japan, is 11.5%. (en inglés)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar