Un aduto (do latín adductus) é o produto único dunha soa reacción de adición directa de dúas ou máis moléculas distintas, que contén todos os átomos de todos os compoñentes que interviñeron na reacción.[1] O produto resultante desta reacción é considerado unha especie molecular distinta. Exemplos son o aduto formado entre o peróxido de hidróxeno e o carbonato de sodio, que é o percarbonato de sodio, ou a adición de bisulfito de sodio a un aldehido para dar un sulfonato.

Fórmanse adutos a miúdo entre ácidos de Lewis e bases de Lewis.[2] Un bo exemplo é a formación de adutos entre o ácido de Lewis borano e o átomo de oxíxeno da base de Lewis tetrahidrofurano (THF): BH3•O(CH2)4 ou entre o borano e a base de Lewis dietil éter: BH3•O(CH3CH2)2.

Os compostos ou mesturas que non poden formar un aduto debido a impedimentos estéricos denomínanse pares de Lewis frustrados.

Os adutos non son necesariamente de natureza molecular. Un bo exemplo da química en estado sólido é o aduto do etileno ou o monóxido de carbono con CuAlCl4. Este último é un sólido cunha estrutura en rede estendida. Despois da formación do aduto, fórmase unha nova fase estendida na cal as moléculas de gas son incorporadas (inseridas) como ligandos dos átomos de cobre na estrutura. Esta reacción pode tamén considerarse unha reacción entre unha base e un ácido de Lewis co átomo de cobre no papel de receptor de electróns e os electróns pi da molécula de gas no papel de doantes de electróns.[3]

Segundo a IUPAC, pode formarse un aduto intramolecular cando as entidades químicas que reaccionan son grupos que forman parte da mesma molécula.[1]

Ións adutos editar

Un ión aduto está formado a partir dun ión precursor e contén todos os átomos constituíntes dese ión e ademais átomos ou moléculas adicionais.[4] Os ións adutos fórmanse con frecuencia nas fontes de ións de espectroscopia de masas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 GoldBookRef A00138 - adduct
  2. Housecroft, Catherine E.; Sharpe, Alan G. (2008). "Acids, bases and ions in aqueous solution". Inorganic Chemistry (3rd ed.). Harlow, Essex: Pearson Education. p. 199. ISBN 978-0-13-175553-6. 
  3. Capracotta, M. D.; Sullivan, R. M.; Martin, J. D. (2006). "Sorptive Reconstruction of CuMCl4 (M = Al and Ga) upon Small-Molecule Binding and the Competitive Binding of CO and Ethylene". Journal of the American Chemical Society 128 (41): 13463–13473. PMID 17031959. doi:10.1021/ja063172q. 
  4. GoldBookRef A00139 - adduct ion (in mass spectrometry)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar