Adrienne Rich

poeta, ensaísta e feminista americana

Adrienne Cecile Rich, nada en Baltimore (Maryland) o 16 de maio de 1929 e finada en Santa Cruz (California) o 27 de marzo de 2012, foi unha poeta, ensaísta e feminista americana: "unha das máis lidas e influentes do século XX",[1][2] recoñecida por "facer visible no discurso poético a opresión de mulleres e lesbianas."[3]

Infotaula de personaAdrienne Rich

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento16 de maio de 1929 Editar o valor em Wikidata
Baltimore, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte27 de marzo de 2012 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Santa Cruz, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Artrite reumatoide Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
ResidenciaSanta Cruz (pt) Traducir (–2012)
Baltimore Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
EducaciónRadcliffe College (pt) Traducir
Universidade Harvard Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía e ensaio Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpoeta , activista polos dereitos das mulleres , escritora , ensaísta , activista pola paz Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade Cornell (1981–1987)
Universidade de Columbia (1967–1969)
Universidade Brandeis Editar o valor em Wikidata
Membro de
Influencias
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeAlfred H. Conrad (pt) Traducir (1953–) Editar o valor em Wikidata
ParellaMichelle Cliff (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiArnold Rice Rich (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Páxina webadriennerich.net Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm1871108 Musicbrainz: 5f61e5fd-4338-4f89-a286-ad6ee5e0a514 Discogs: 2628066 WikiTree: Rich-5251 Genius: Adrienne-rich Editar o valor em Wikidata
Rich (dereita), coas escritoras Audre Lorde (esquerda) e Meridel Le Sueur (centro) en Austin, Texas, 1980

Traxectoria editar

Educación e contexto familiar editar

Filla de Arnold Rice Rich, xudeu e un reputado patólogo, e Helen Elizabeth (Jones) Rich,[4] sureña e pianista e compositora (antes de casar). Adrienne era a maior de dúas irmás, que foron educadas coma cristiás.

Dende sempre seu pai animouna a ler e escribir os seus propios poemas. Tiña á súa disposición a ampla e variada biblioteca paterna, por medio da que coñeceu a obra de escritores coma Henrik Ibsen, Arnold, Blake, Keats, Rossetti e Tennyson. Seu pai quería "facer un prodixio" dela. Adrienne Rich e súa irmá foron educadas na casa por súa nai ata que, no cuarto grado, asistiu a un colexio. Os poemas Sources e After Dark documentan a relación con seu pai, describindo o duro que tivo que traballar para cumprir as expectativas paternas.

Posteriormente, asistiu ao Roland Park Country School: o "típico colexio feminino pola vella que nos proporcionaba modelos de mulleres solteiras e intelectualmente apaixonadas.[5]" Despois de graduarse diplomouse no Radcliffe College, Harvard, onde se centrou na poesía e na escritura creativa. En 1951, o seu último ano en Radcliffe, A Change of World, o seu primeiro poemario, foi seleccionado por W. H. Auden para o Yale Series of Younger Poets Award. Logo de graduarse recibiu unha bolsa da Fundación Guggenheim para estudar un ano en Oxford, pero despois de visitar Florencia decidiu non volver a Oxford e empregou o tempo restante en Europa, escribindo e explorando Italia.

Primeira etapa: 1953–1975 editar

En 1953 casou con Alfred Haskell Conrad, un profesor de economía da Universidade Harvard: "casei, en parte, porque non coñecía un xeito mellor de desconectar da miña familia ... desexaba o que consideraba a vida plena dunha muller, na medida do posible." Establecéronse en Cambridge, Massachusetts e tiveron tres fillos: David en 1955 (coincidindo coa publicación de The Diamond Cutters, un libro do que se arrepentiu), Paul en 1957 e Jacob en 1959.

A década de 1960 iniciou un período de cambios na súa vida. Publicou Snapshots of a Daughter-in-Law, unha obra onde examinaba a súa identidade feminina e que reflectía as tensións que sentía como nai e cónxuxe, marcando tamén un cambio substancial en canto a estilo e temática. No seu ensaio "Split at the Root: An Essay on Jewish Identity" (1982) afirma que "a experiencia da maternidade, co tempo, me radicalizaría." O libro recibiu moitas críticas: "percibíuseme coma 'amargada' e 'persoal'; e ser persoal supuña ser inmediatamente desautorizada, e iso foi moi desacougante ..., e non volvín a intentar algo semellante durante moito tempo."

Trasladáronse a Nova York en 1966 e Rich empezou a participar en actividades da New Left: protestando contra a Guerra de Vietnam, loitando polos dereitos civís e asociándose ao movemento feminista. En 1968 asinou a “Writers and Editors War Tax Protest”, que rexeitaba pagar taxas se estas servían para sufragar a participación dos Estados Unidos na Guerra de Vietnam.[6] Poemarios desta época son Necessities of Life (1966), Leaflets (1969), e The Will to Change (1971), que reflicten un interese crecente pola forma poética e un contido político cada vez máis radical.

De 1967 a 1969 iniciou actividades coma docente en diversas institucións académicas e seguiu a recibir premios. O seu compromiso político levouna a organizar actividades no seu apartamento para recadar fondos contra a guerra e en favor dos Panteras Negras. As tensións coa súa parella agudízanse cada vez máis (Conrad temía que ela perdera a cabeza), acabando por separarse a mediados da década de 1970. Pouco despois Conrad suicidouse.

Diving into the Wreck, un poemario exploratorio mereceu o National Book Award for Poetry de 1974 xunto coa obra de Allen Ginsberg, The Fall of America.[7] Rexeitou aceptalo invidualmente; só aceptou cando foi acompañada polas outras dúas poetas feministas nomeadas ao premio, Alice Walker e Audre Lorde, que o recibiron en nome de todas as mulleres.

Segunda etapa: 1976–2012 editar

En 1976, Rich iniciou unha relación coa novelista e editora xamaicana Michelle Cliff. No seu controvertido Of Woman Born: Motherhood as Experience and Institution, publicado o mesmo ano, Rich admitiu que, para ela, o lesbianismo era un asunto tanto político como persoal: "a lesbiana reprimida que levaba dentro de min dende a adolescencia comezou a estarricarse." O panfleto Twenty-One Love Poems (1977), incluído en Dream of a Common Language (1978), supuxo a primeira vez que se trataba o desexo e sexualidade lésbicas na súa escrita, temas que percorren o seu traballo posterior, especialmente en A Wild Patience Has Taken Me This Far (1981) e algúns dos seus últimos poemas en The Fact of a Doorframe (2001).[8] En Adrienne Rich: the moment of change, Langdell argumenta que estas obras representan un rito central de pasaxe para a poeta, cando Rich inicious unha "nova relación co universo".[9]

Neste período tamén escribiu algúns ensaios chave dende o punto de vista socio-político, incluíndo "Compulsory Heterosexuality and Lesbian Existence", un dos primeiros en tratar o tema da existencia lésbica. Nesta obra pregúntase "como e por que que unha muller elixa outra muller como compañeira sentimental, parella, colega no traballo, amante, [é un feito que] foi esmagado, invalidado, agochado á forza". Algúns ensaios publicáronse de novo en On Lies, Secrets and Silence: Selected Prose, 1966–1978 (1979). Ao integrar estas pezas na súa obra, Rich reivindicou a súa sexualidade e xogou un papel importante no liderado a prol da igualdade sexual.

En 1990 contribuíu a fundar Bridges: A Journal for Jewish Feminists and Our Friends, unha publicación da que foi editora. Explorou a relación entre as esferas pública e privada da historia, especialmente no caso dos dereitos das mulleres xudías. Sobre o papel das poetas escribiu que "podemos sentir amargor polo pouco que os nosos poemas son quen de facer á vista dun poder tecnolóxico fóra de todo control e unha avaricia corporativa aparentemente sen límites, inda que sempre foi certo que a poesía pode rachar o illamento, mostrarnos a nos mesmas cando se nos proscribe ou se nos fai invisibles, nos lembra a beleza alí onde esta non é posible, nos lembra as afinidades alí onde todo se representa como separación."[10]

En 1997, Rich rexeitou a National Medal of Arts como protesta contra o voto favorable da Casa de Representantes á liquidación do National Endowment for the Arts así coma outras políticas da Administración Clinton ao respecto das artes en xeral e da literatura en particular: "non podía aceptar un recoñecemento do Presidente Clinton ... porque o mesmo significado de arte, tal e como eu o entendo, é incompatible coas políticas cínicas desta administración ... A arte non significa nada se simplemente, á hora da cea, adorna a mesa do poder que a mantén coma refén".[11] O que publicou a continuación foi unha mestura de poesía e ensaio: Midnight Salvage: Poems 1995–1998 (1999), The Art of the Possible: Essays and Conversations (2001) e Fox: Poems 1998–2000 (2001).

A inicios da década de 2000, Rich manifestouse contra a guerra de Iraq, con lecturas públicas e outras actividades. Seguiu a recibir numerosos e prestixiosos premios e formou parte de importantes institucións culturais, como a Academy of American Poets.

Finou á idade de 82 anos. Pablo Conrad, fillo seu, informou que a causa foran as secuelas da artrite reumatoide que levaba tempo padecendo.[12] O seu último poemario publicouse en 2011 e sobrevivíronlle os seus fillos e Michelle Cliff.[13]

Obra publicada editar

  • A Change of World, 1951
  • The Diamond Cutters, 1956
  • Snapshots of a Daughter-in-Law, 1963
  • Necessities of Life, 1966
  • Leaflets, 1969
  • Will to Change, 1971
  • Diving Into the Wreck, 1972
  • Of Woman Born: Motherhood, 1976
  • Twenty-One Love Poems, 1974-1976, publicado en 1977
  • Dream of a Common Language, 1978
  • A Wild Patience Has Taken Me This Far, 1981
  • The Fact of a Doorframe, 2001
  • On Lies, Secrets and Silence: Selected Prose 1966-1978, 1979
  • Blood, Bread, and Poetry: Selected Prose 1979-1985
  • An Atlas of the Difficult World, 1991
  • Dark Fields of the Republic, 1995
  • Telephone Ringing in the Labyrinth: Poems 2004-2006

Notas editar

  1. Nelson, Cary, editor. Anthology of Modern American Poetry. Oxford University Press. 2000.
  2. "Poet Adrienne Rich, 82, has died". Los Angeles Times. 28 de marzo de 2012. Consultado o 29 de marzo, 2012. 
  3. Flood, Alison (29 de marzo, 2012). "Adrienne Rich, award-winning poet and essayist, dies". The Guardian. Consultado o 29 de marzo, 2012. 
  4. "Adrienne Cecile Rich". Jewish Women's Archive. Consultado o 29 de marzo de 2012. 
  5. Martin, Wendy (1984) An American triptych: Anne Bradstreet, Emily Dickinson, Adrienne Rich The University of North Carolina Press p174 ISBN 0-8078-4112-9
  6. “Writers and Editors War Tax Protest” 30 de xaneiro de 1968 New York Post
  7. "Poets.org". Adrienne Rich. Consultado o 12 de decembro de 2011. 
  8. Aldrich and Wotherspoon (2000) Who's Who in Gay and Lesbian History, Vol 2. Routledge p352 ISBN 0-415-22974-X.
  9. Langdell, Cheri Colby (2004) Adrienne Rich: the moment of change. p. 159 Praeger Publishers ISBN 0-313-31605-8
  10. "Adrienne Rich: Online Essays and Letters". English.illinois.edu. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2012. Consultado o 28 de marzo de 2012. 
  11. "In a Protest, Poet Rejects Arts Medal", The New York Times, 11 de xullo de 1997. Recuperado o 10 de febreiro de 2012.
  12. "Poet Adrienne Rich, 82, has died". Los Angeles Times. 28 de marzo de 2012. Consultado o 28 de marzo de 2012. 
  13. "Adrienne Rich". The Daily Telegraph. 29 de marzo de 29, 2012. Consultado o 29 de marzo de 2012.