Adán e Eva (Dürer)

Adán e Eva (en alemán: Adam und Eva) é unha parella de pinturas realizada polo artista alemán Albrecht Dürer. Están pintadas ó óleo sobre táboa. Datan do ano 1507, segundo consta nun cartel xunto a Eva. Ambas miden 209 cm de alto, e en canto á anchura, unha mide 81 cm e a outra 80. Exhíbense no Museo do Prado de Madrid (España).

Adán e Eva
ArtistaAlbrecht Dürer
Data1507
Técnicaóleo sobre táboa
Dimensións209 cm × 81-80 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Descrición editar

Durero representou, en dúas táboas independentes, a Adán e Eva. Na de Adán preséntase a figura deste sobre un fondo escuro, de xeito que toda a atención se centra na figura masculina que está de pé, pintado de corpo enteiro, sobre un terreo irregular cheo de pedras. O corpo de Adán presenta un lixeira inclinación. Suxeita unha póla da maceira no que se atopa enrolada a cobra, de tal xeito que os seus xenitais quedan cubertos con esta póla con follas e unha mazá. O seu rostro é novo, de faccións proporcionadas, amosando unha expresión de sorpresa. Os seus rizos louros ondean ó vento.

 
Copia de ambos os cadros, realizada por Hans Baldung Grien cara a 1520 (Galería dos Uffizi de Florencia).

Eva permanece á beira da árbore, véndose a serpe enrolada ó redor dunha das pólas. Tamén está representada de corpo enteiro, pero a súa postura é distinta. Preséntase de fronte, adiantando a perna dereita. O seu sexo, como o de Adán, está tapado; no caso de Eva, coas follas dunha póla que se atopa na zona esquerda da composición. Como é tradicional na arte, a cor da pel de Eva é máis claro que o de Adán. O rostro de Eva é claro, e aínda desprende inocencia. A súa longa melena loura tamén ondea ó vento.