Abd el-Kader o alxeriano (en árabe عبد القادرالجزائري), nado en Guetna o 6 de setembro de 1808 e finado en Damasco o 26 de maio de 1883, foi unha das personalidades alxerianas máis destacadas do século XIX. Está considerado o fundador da nación alxeriana, líder da resistencia fronte á ocupación francesa e creador dun estado moderno. Foi tamén escritor, poeta, sufí e estudoso da obra do gran mestre de orixe andalusí Ibn Arabi. A nota necrolóxica que The New York Times publicou tralo seu falecemento en 1883 cualificábao como un dos dirixentes máis capaces do século.[1]

Abd el-Kader
Nome completoعبدالقادر
Nacemento6 de setembro de 1808
Lugar de nacementoGuittena
Falecemento26 de maio de 1883
Lugar de falecementoDamasco
SoterradoDamasco e El Alia Cemetery
NacionalidadeImperio Otomán
RelixiónSunnismo e Islam
Ocupaciónpolítico, soldado, Muxahidin, científico, membro da resistencia, poeta e escritor
IrmánsAhmad ibn Muhyi al-Din al-Jaza'iri
PremiosGran cruz da Lexión de Honor, Order of the White Eagle, Orde da Aguia Negra, Ordem do Redentor e Ordem de Pio IX
Na rede
WikiTree: Muhieddine_al-Hasani-1 Find a Grave: 55503362 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Infancia e aprendizaxe editar

Naceu en Guetna, a vinte quilómetros de Mascara na vilaia de Orán, naquel tempo baixo dominación otomá. A súa familia, unha das máis destacadas dentro da tribo dos Banu hashim, contaba cunha xenealoxía que se remontaba ao profeta Mahoma.

Dotado dunhas extraordinarias capacidades e dunha intelixencia precoz, recibiu dende neno unha esmerada educación baixo a dirección dos seus pais. A súa nai Lalla Zohra, unha muller cultivada á que se sentiu especialmente unido toda a súa vida, ensinouno a ler e a escribir.

O seu pai Muhy al din ibn Mustafa al Hassani muqaddam da Qadiriyya iniciouno na vía sufí, vía que en diante guiou todos os aspectos da súa vida. Foi instruído en ciencias islámicas e a moi temperá idade alcanzou o grao de hafiz ao memorizar o Corán e o Hafiz. Tamén aprendeu filosofía, literatura, xeometría, xeografía, astronomía e farmacopea. Interesouse dende moi novo pola historia dos pobos cristiáns, a política e as ciencias europeas. Recibiu instrución dos homes máis notables da rexión, como Si Ahmad Ben Tahar al Rify, quen o introduciu no estudo doutras tantas materias ‘mundanas’ e do que os europeos denominaban "estratexia", ou Si Ahmad ben Jodja, coñecido como un dos grandes sabios do oeste alxeriano.[2] Excelente orador, sobresaíu tamén en disciplinas físicas como a ximnasia, a equitación ou a caza. Foi un extraordinario xinete e gran amante dos cabalos.

En 1825 xunto ao seu pai realizou a súa primeira viaxe a Oriente. Visitou Orán, Tunes e Exipto, onde quedou vivamente impresionado polo labor de modernización levado a cabo por Muhammad Ali. Visitaron tamén A Meca e Damasco onde coñeceron o sheij Khaled al Naqshabandi e visitou por primeira vez a tumba de Ibn ‘Arabi, ao que considerou durante toda a súa vida o seu mestre espiritual. Seguiu viaxe a Bagdad onde visitou a tumba doutro gran mestre do sufismo e epónimo da Qadiriyya Abdul Qadri Jilani. De alí volveron á Meca, onde realizaron o hajj ou peregrinación. En 1829 regresou xunto ao seu pai a Guetna.

Loita contra a invasión francesa editar

As tribos da rexión occidental de Alxeria manifestáronse especialmente activas na súa resistencia fronte ao dominio otomán. O pai de Abd el-Kader era un dos seus xefes. Neste clima de insurrección contra o que as tribos consideraban a ocupación estranxeira dos otománs o escenario cambiou rapidamente. En 1830 os franceses tomaron Alxer e o bei de Orán rendeuse ante os franceses ao ano seguinte.

As tribos negáronse a aceptar a autoridade dos novos ocupantes. O pai de Abd el-Kader xa enfermo deu paso ao seu fillo. As extraordinarias calidades que este demostrara fixeron que as tribos se unisen baixo o seu liderado: o 21 de novembro de 1832 cando contaba con 24 anos prestáronlle xuramento de fidelidade (bay’a) e proclamárono sultán. Abd el-Kader rexeitou o título, que considera aplicable ao xerife de Fez e adoptou o de emir. Ao ano seguinte morreu o seu pai.

As constantes vitorias do emir no campo de batalla concluíron en 1894 coa firma do tratado de Desmichels polo que se recoñeceu a autoridade do emir no interior de Orán e a de Francia nas zonas costeiras. A ambigüidade dos termos do tratado acabaron favorecendo as posicións de Abd el-Kader. Iso supuxo un certo descrédito para o xeneral Desmichels que foi substituído por Trézel. Con Trézel as tropas francesas seguiron acumulando derrotas ata o gran desastre que en 1835 supuxo a batalla de Macta. Ante o rumbo que tomaban os acontecementos Francia enviou a Thomas Robert Bugeaud, un militar de recoñecido prestixio que combatera na guerra da independencia española e coñecía ben a guerra de guerrillas que tan ben dominaba Abd el-Kader. O 6 de xullo de 1836 Bugeaud venceu as tropas de Abd el-Kader e o 30 de maio de 1837 ambas as partes asinaron o tratado de Tafna. En virtude do tratado Abd el-Kader conseguía un territorio máis extenso que no tratado Desmichels aínda que sempre baixo a soberanía formal de Francia que ademais se reservaba o control de certos enclaves costeiros.

Creación dun estado moderno editar

 
Mapa do estado do emir Abd el-Kader entre 1836 e 1839

Tralo tratado de Tafna o Emir dedicouse a afianzar a lealdade das tribos e a sentar as bases dun estado. Como sinalaron J. Berque e A. Laroui, Abd el-Kader creou un auténtico estado no sentido moderno do termo.[3]

Gran coñecedor do pensamento de Ibn Khaldun tivo sempre moi presente a tensión entre vida nómade e vida sedentaria. Ao longo dos seus anos de loita contra os franceses tivo que facer fronte á inestable fidelidade das tribos. Sempre declarou que o seu obxectivo foi tanto superar os egoísmos tribais como reformar o que consideraba a decadente herdanza otomá.

Abd el-Kader organizou un exército, así como un sistema de prazas fortes e fortificacións defensivas. Instaurou un sistema de recadación de impostos e chegou a acuñar moeda. Grande admirador da medicina andalusí, planificou un sistema sanitario con equipos que incluían médicos e enfermeiras. Planificou tamén un detallado sistema educativo dirixido a toda a poboación. Proveuse de múltiples canles de información grazas ás cales recibía puntualmente os xornais franceses e facíallos ler polo aquel entón amigo Léon Roches. A maioría dos seus súbditos xudeus foron empregados na negociación e o comercio de armas que con base en Xibraltar mantiña con Gran Bretaña e Francia. Os seus propios adversarios souberon destacar o trato que dispensou aos cativos por motivos de guerra. Abd el-Kader estableceu un código humanitario aplicable ao trato dos prisioneiros. Moitos deles foron visitalo persoalmente cando o emir se achaba exiliado en Pau.[4]

Nun principio fixou a capital en Tagdemt, antigo centro cultural e político da dinastía dos Banu Rustam. Máis tarde en maio de 1841 cando o avance do exército francés chegou ata as súas portas, a capital foi incendiada e abandonada polos seus habitantes. Foi entón cando Abd el-Kader planificou o seu Smala, auténtica capital nómade do estado. Unha organización onde as tendas beduínas se organizaban en círculos concéntricos. Todas tiñan asignado un lugar preciso segundo unha minuciosa orde. No centro da Smala situábase o xefe do estado, o emir Abd el-Kader.

Continuación da loita armada editar

Os termos do tratado de Tafna non eran claros e deron lugar a novos desacordos. Segundo B. Étienne o xeneral Bugeaud impuxera que o orixinal fóra en francés e ordenou traducilo ao árabe por tradutores franceses. Gardou o orixinal no seu poder e á súa morte o orixinal foi destruído pola súa esposa. Houbo que esperar aos estudos de Yver e de Emerit para coñecer que os franceses incumpriran os termos do tratado.

En 1839 os franceses lanzaron a ofensiva militar coñecida como Portas de Ferro . O Emir considerouno unha violación do Tratado e renovouse a loita armada entre ambos os bandos. Bugeaud exerceu unha feroz represión contra a poboación sobre a que practicou a estratexia de terra queimada e á que someteu a constantes fames negras. Segundo as súas propias palabras «non hai que correr tralos árabes, senón impedirlles sementar, apañar, pacer».

As vitorias francesas comezaron a sucederse a partir de 1842. En 1847 asestaron un golpe decisivo ao emir cando por azar un oficial francés atopou a Smala. O 16 de maio de 1843 as tropas francesas tomaron por sorpresa a capital nómade do emir mentres este estaba ausente. Abd el-Kader refuxiouse en Marrocos coas escasas tropas que lle seguían a ser fieis. Non cesou na súa loita e chegou a alcanzar algunha vitoria illada como a de Sidi Ibrahim pero achábase ao límite das súas forzas. Pediu protección ao sultán de Fez, mais este finalmente foi vencido polas tropas francesas na batalla de Isly o 12 de agosto de 1844. En setembro de 1844 Francia e o sultán de Marrocos asinaron o tratado de Tánxer polo que fixaron as fronteiras de Alxeria. O emir Abd el-Kader quedou fóra do tratado. Acurralado polo exército francés dirixirá diferentes misivas á raíña de Inglaterra e á raíña de España en solicitude de protección sen obter resposta. Finamente renderase o 23 de decembro de 1848 ante o xeneral Lamoricière. No momento da rendición, Abd el-Kader obsequiou co seu mellor cabalo de guerra o xeneral francés. Lamoricière deu a súa palabra ao emir de que podería instalarse xunto coa súa familia en terras do islam, en Alexandría ou en San Xoán de Acre.

Exilio en Francia editar

 
Tumba no castelo de Amboise de vinte e cinco membros do séquito de Abd el-Kader falecidos durante o cativerio, incluídos unha das súas esposas, un dos seus irmáns e dous dos seus fillos

Trala rendición do Emir, a II República non cumpriu a súa promesa. Abd el-Kader xunto á súa nai, as súas tres esposas, os seus fillos e o resto do seu séquito, foron embarcados na nave Asmodée en dirección a Toulon e de alí a Pau, onde foron instalados en Fort Lamalgue, unha fortaleza cunhas moi precarias condicións para aloxar os novos hóspedes. O emir permaneceu a maior parte do seu tempo na súa tenda. Segundo as súas propias palabras un árabe en xamais abandona a súa tenda.[5]

Dende a súa chegada a Pau o emir escribiu incansablemente en protesta pola falta de palabra dos franceses e ante as precarias condicións ás que se viu sometido. A súa presenza atraeu personalidades de todo tipo que acudían a entrevistarse con el. Alí recibiu o respecto e afecto de cantos o coñeceron. Finalmente despois de seis meses as autoridades francesas ordenaron o seu traslado a Amboise.

En 1848 chegou ao castelo de Amboise, onde se conserva exposto o seu retrato. Alí, el e a súa familia seguiron soportando difíciles condicións: o frío, a humidade, o illamento, o axexo de enfermidades como a tuberculose ou o cólera, ou a vixilancia dunha humillante escolta de seguridade sobre todas as actividades da súa vida cotiá. En Amboise perderon a vida vinte e cinco persoas do seu séquito, cuxas tumbas están no xardín do castelo. Do mesmo xeito que en Pau, o emir recibiu frecuentes visitas de diferentes personalidades da sociedade francesa. Con eles debatía e intercambiaba ideas sobre as cuestións máis variadas: literatura política, filosofía, ciencia ou relixión. A sociedade francesa deu testemuño da súa extensa erudición, da súa inesgotable curiosidade e da súa nobreza de carácter. O emir converteuse nun prisioneiro moi amado por Francia. Cando en 1852 abandonou Amboise, igual que ocorrera en Pau, a poboación despediu os seus hóspedes con sincero afecto e estimación.

Napoleón III, grande admirador do emir, considerou un asunto de honra cumprir a palabra dada e permitirlle exiliarse en Oriente. O 16 de outubro de 1852 anunciou o emir a súa liberación e a concesión dunha cuantiosa pensión. O emir comprometeuse a non volver presentar resistencia algunha fronte aos franceses. Máis tarde, en 1865 Napoleon III albergou a idea dun reino árabe unido baixo soberanía francesa co emir á fronte. Abd el-Kader rexeitou dita proposición.

En Damasco editar

Tras asistir en París aos actos de proclamación do Segundo Imperio convidado por Napoleón III, Abd el-Kader e o seu séquito partiron do porto de Marsella en dirección a Istambul. En 1853 instarónse en Bursa. En 1855 con motivo do terremoto que sacudiu a cidade, abandonou Turquía e instalouse definitivamente en Damasco, ausentándose só con motivo dalgunhas viaxes: en 1863 realizou unha nova peregrinación á Meca, en 1867 viaxou a París para asistir á Exposición Universal de París. Tamén viaxou a Xerusalén, Istambul, Europa e Exipto.

A elección de Damasco, onde residiu preto de 28 anos, estivo intimamente ligada á figura de Ibn ‘Arabi. O primeiro que fixo ao chegar a Damasco foi visitar a súa tumba, situada aos pés do monte Qasiún. Ademais, instalouse xunto con toda a súa familia na casa que ocupara o gran mestre andalusí ata a súa morte en 1240. En Damasco repartiu o seu tempo entre a súa familia, o estudo e o ensino. Cada día reuníase co seu círculo de estudantes máis próximo con quen comentaba as Futuhat al Makiyya de Ibn ‘Arabi e o seu propio Kitab al mawaqif. Na Gran Mesquita de Damasco continuaba o seu ensino cos estudantes que alí acudían. Con todo, Abd el-Kader non permaneceu illado do que sucedía ao seu arredor.

Os sucesos de 1860 editar

 
Regalo de Lincoln ao emir

Os otománs sempre consideraron os cristiáns de Oriente como a ponte que utilizaban as potencias europeas para a súa penetración na rexión. Esa tensión acabou por estalar nos enfrontamentos do monte Líbano que tiveron lugar entre drusos e maronitas en 1860. Os incidentes desembocaron nun masacre dos cristiáns residentes en Damasco. A intervención do emir apoiado pola comunidade de alxerianos residentes en Damasco logrou salvar a vida a un número considerable dos cristiáns residentes en Damasco. Por estes feitos recibiu numerosos recoñecementos. O goberno francés concedeulle a Gran Cruz da Lexión de Honra e aumentoulle a pensión; Abraham Lincoln regaloulle un par de pistolas expostas hoxe no Museo de Alxer, Gran Bretaña regaloulle un fusil con incrustacións de ouro, o Vaticano outorgoulle a Orde de Pío IX; Rusia concedeulle a Gran Cruz da Aguia Branca Rusa, o Imperio Otomán concedeulle a orde de Medjidie, Primeira Clase. O grande heroe do Cáucaso o imán Shamil, exiliado entón en Rusia dirixiulle unha emotiva carta en recoñecemento pola súa intervención.[6]

Canle de Suez editar

Abd el-Kader foi amigo persoal de Ferdinand de Lesseps. Coñecéronse en 1848 cando Lesseps era embaixador en Madrid e visitou o emir, entón exiliado en Pau. Abd el-Kader interesouse dende o principio no proxecto da canle e fíxose informar de todos os seus detalles técnicos. Lesseps pediulle axuda para convencer á poboación dos países musulmáns dos beneficios que lles achegaría a eles tamén a construción da canle. Convencido da bondade do proxecto e da necesidade que tiña o oriente musulmán dunha modernización técnica, o emir Abd el-Kader e o seu amigo e biógrafo Churchill tiveron un papel decisivo na construción.[7] O 17 de novembro de 1869 Abd el-Kader asistiu á inauguración da canle de Suez.

Relación coa francmasonería editar

O emir mantivo estreitas relacións con destacados membros da francmasonaría. Chegou a ser iniciado na loxa das Pirámides de Alexandría e visitou en 1865 a loxa Henri IV de París.[8]

Morte editar

Morreu en Damasco o 26 de maio de 1883 aos 75 anos de idade. Foi enterrado xunto á tumba de Ibn Arabi. En 1966, unha vez alcanzada a independencia, Alxeria reclamou os seus restos, que foron trasladados ao cemiterio El Alia de Alxer, na zona reservada aos mártires da resistencia alxeriana.

Legado editar

 
Retrato de Abd el-Kader (1864) por Stanisław Chlebowski

Ademais de home de acción, o emir Abd el-Kader foi un prolífico escritor. Deixou unha considerable obra escrita que abrangue temas variadísimos, dende a inxente correspondencia que escribiu ao longo de toda a súa vida, pasando por tratados de contido militar, obras de contido relixioso, espiritual e unha destacada obra poética.

O adaxio sufí “estar no mundo sen ser do mundo” describe á perfección a vida do Emir Abd el-Kader. O compromiso e a acción de toda a súa vida estiveron sempre orientados segundo os ideais do sufismo. Foi iniciado polo menos en catro tariqas ou escolas sufís, a Qadiriyya, a Naqshbandiyya, a Shadhiliyya e a Mevleví.[9] Sen o sufismo non é posible entender a súa vida nin o seu pensamento. Kitab al Mawaqif é a súa obra máis importante dedicada ao sufismo.

Foi ademais un profundo coñecedor da obra de Ibn ‘Arabi e o primeiro editor moderno da súa obra: rescatou os manuscritos orixinais existentes en Konya incluíndo os 37 volumes do seu monumental Futuhat al-makkiyya. Foi sobre estes manuscritos sobre os que realizou o seu labor de recompilación e investigación Osman Yahya.[10]

Notas editar

  1. "Emir Abdelkader collected news and commentary". The New York Times.
  2. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París, p. 50.
  3. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París p.181
  4. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París, p. 190.
  5. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París, p. 230.
  6. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París p. 319.
  7. Étienne B. (1994) Abdelkader. Hachette, París, p. 374.
  8. Étienne B. (2008) Abd el kader et la franc-maçonnerie. Paris Dervy
  9. "Blc notes de Jean-Laurent sur les spiritualités". Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2018. Consultado o 01 de decembro de 2018. 
  10. "A la recherche de l'émir Abdelkader". 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ahmed Bouyerdene, Emir Abd el-Kader: Hero and Saint of Islam, trans. Gustavo Polit, World Wisdom 2012, ISBN 978-1936597178
  • John W. Kiser, Commander of the Faithful: The Life and Times of Emir Abd El-Kader, Archetype 2008, ISBN 978-1901383317
  • Tom Woerner-Powell, Another Road to Damascus: an integrative approach to ʿAbd al-Qādir al-Jazā'irī (1808-1883), De Gruyter 2017, ISBN 978-3-11-049699-4
  • Elsa Marston, The Compassionate Warrior: Abd El-Kader of Algeria, Wisdom Tales 2013, ISBN 978-1937786106
  • Charles Henry Churchill, Life of Abd el-Kader: Ex-Sultan of the Arabs of Algeria: written and compiled from his own dictation from other Authentic Sources, Nabu Press 2014, ISBN 978-1294672289, Reimpresión de Chapman and Hall 1867
  • Danziger, Raphael. Abd al-Qadir and the Algerians: Resistance to the French and Internal Consolidation. Nova York: Holmes & Meier, 1977.
  • Étienne, Bruno. Abdelkader. París: Hachette Littérature, 2003.
  • Kiser, John W. Commander of the Faithful: The Life and Times of Emir Abd el-Kader (1808–1883). Rhineburg: Monkfish, 2008.
  • Jennifer Pitts, trans. and ed. Writings on Empire and Slavery by Alexis de Tocqueville. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2000.
  • Dupuch, Antoine-Adolphe (1849). Abd-el-Kader au château d'Amboise. Bordeaux: Imprimerie de H. Faye. OCLC 457413515. 
  • Dupuch, Antoine-Adolphe (1860). Abd-el Kader : Sa vie intime, sa lutte avec la France, son avenir. Bordeaux: Lacaze. OCLC 493227699. 

Ligazóns externas editar