A ciencia no século das luces

A historia da ciencia durante a Ilustración estivo caracterizada polos avances científicos e tecnolóxicos propios da Era da Razón cando as ideas ilustradas estaban sendo divulgadas por toda Europa e América do Norte. Esta etapa abrangue dende a revolución científica dos séculos XVI e XVII ata aproximadamente o século XIX, despois da Revolución Francesa (1789) e a era napoleónica (1799-1815). A creación das primeiras sociedades científicas, o auxe do copernicanismo, así como o abandono da filosofía natural aristotélica e a doutrina médica de Galeno foron algúns dos feitos de maior relevancia desta revolución. Cara ó século XVIII, a relixión ficou desprazada e disciplinas como a alquimia e a astroloxía perderon credibilidade.

Táboa de astronomía na Cyclopaedia, 1728.

Aínda que ningunha disciplina ou ámbito destacou de xeito significativo, é xusto subliñar o papel determinante da ciencia no pensamento e discurso da época. Algúns pensadores ilustrados relacionaban o avance científico co derrocamento das autoridades tradicionais relixiosas en prol do desenvolvemento da liberdade de expresión e pensamento. En termos xerais a ciencia valoraba en gran medida o empirismo e o pensamento racional e estaba fortemente ligada o ideal de progreso e avance. Non obstante, como a maioría das ideas ilustradas, os beneficios da ciencia non eran recoñecidos universalmente. Jean-Jacques Rousseau, por exemplo, criticou este ámbito do saber por distanciar o ser humano da natureza e non contribuír á súa felicidade.

As sociedades e academias, que xa substituíran as universidades como centros de investigación e desenvolvemento, dominaban a ciencia durante esta época. Estes colectivos foron clave no proceso de maduración da profesión científica, que se viu moi favorecido pola divulgación da ciencia entre unha poboación cada vez máis alfabetizada. Os philosophes (un grupo de intelectuais) achegaron moitas teorías científicas, de xeito máis notable a través da Encyclopédie e da popularización do newtonismo levada a cabo por Voltaire e por Émilie du Châtelet (tradutora dos Principia de Newton).

Malia que certos historiadores cualifican o século XVIII como un período anódino, esta época foi testemuña de avances significativos na práctica da medicina, das matemáticas, da física e do desenvolvemento da taxonomía biolóxica. Do mesmo xeito, deu orixe a unha nova comprensión do magnetismo e da electricidade, e ao desenvolvemento da química, consolidándoa como a disciplina que estableceu as bases da química moderna.