A Monteira (periódico)

semanario cultural galego editado en Lugo entre 1889 e 1890 e dirixido por Amador Montenegro Saavedra

A Monteira foi un semanario cultural galego editado en Lugo de 1889 a 1890 e dirixido por Amador Montenegro Saavedra (1864-1932) e Manuel Pardo Becerra (m. 1921). O seu obxectivo rexionalista quedaba evidenciado no subtítulo que acompañaba á cabeceira: "Somanario de intreses rexionales e literatura".

A Monteira
PaísEspaña
Lugar de publicaciónLugo
Lingualingua galega
Fundación1889
Na rede
Galiciana: 3812
editar datos en Wikidata ]

Publicáronse en total só 65 números, entre o 5 de outubro de 1889 e o 27 de decembro de 1890. En 1989, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicou un facsímile coa colección completa. A numeración das páxinas era correlativa ó longo do ano, non para cada número publicado. Así, os 52 primeiros números (ano I) numeraron as páxinas desde a 1ª ata a 416. A partir do nº 53 (ano II) reiniciouse a numeración, para rematar na páxina 104 do nº 65, último publicado.

Liña editorial e obxectivos editar

Daquelas primeiras publicacións periódicas que naceron en diversos puntos de Galicia a finais do século XIX, A Monteira era das poucas que se editaron desde o principio integramente en galego (incluíndo a publicidade) e cómpre destacar que xa desde o primeiro número apoiou e promoveu o uso da lingua galega en tódolos ámbitos, defensa na que insistirá en moitas ocasións máis.

A vencer esa repunancia ô noso idioma, popularizando o en canto poida e d'a sua parte esteña, ven A MONTEIRA â pubricidá.[1]
Espresémonos en gallego onde queira que teñamos gallegos con quén conversar.[2]
Comprendemos tamén que muitas presonas pensan que c'o gallego non se poden expoñer asuntos séreos... seguiremos traballando n-o pouco que poidamos tendo en conta as nosas débeles forzas, porque crémos qu'a fala gallega sirve pra todol-os asuntos.[3]

Esta constante defensa do galego faise desde diferentes puntos de vista:

  • Estético: Qu'a nosa léngua (non dialeuto) é rica, doce, maxestuosa y armoniosa naide pode negal-o.
  • Histórico: ... moitos anos xa fai qu'un Rey Sábeo... a colleron pra cantar â Virxen.
  • Literario: O mesmo que servíu, en fin, n-os nosos días á Rosalía Castro e tantos outros vates.
  • Académico: O ilustre prebendado [López Ferreiro], que non tén a menos esquirbir n-a nosa doce lingoa.

Á parte disto, tamén apareceron outras iniciativas nesta mesma dirección, como a repetida reclamación da necesidade da creación dunha norma lingüística da que carecía daquela quen quixese escribir en galego. Outro detalle foi o de poñer á venda entre os seus subscritores o Diccionario gallego-castellano de Cuveiro Piñol (1876) a metade de prezo.

No número 35, publicado o 31 de maio de 1890 aparece o texto do poema que se converteu no himno galego, Os Pinos de Eduardo Pondal. A poesía fora escrita para un certame que convocara en tal ocasión o Orfeón Coruñés.

Outra liña editorial d'A Monteira foi a recompilación e divulgación de diversos aspectos da cultura tradicional galega, o que converte este semanario nunha fonte de información etnográfica case pioneira. Neste aspecto destacan as coleccións de contos, cantigas e refráns que se publicaron ó longo da súa breve vida, recompilados polo propio Amador Montenegro, Saco y Arce, Marcial Valladares e outros.

Colaboradores editar

A relación de colaboradores n'A Monteira é ben longa para a supervivencia que tivo. Sen esquece-lo amplo traballo como redactores de Amador Montenegro Saavedra e Manuel Pardo Becerra (os dous fundadores do periódico),[4] entre os máis coñecidos están entre outros: Saco y Arce, Manuel Amor Meilán, Alfredo Brañas, Xoán Cuveiro Piñol, Antonio de la Iglesia, Xosé Pérez Ballesteros, Eladio Rodríguez González, Xesús Rodríguez López ou Marcial Valladares. Outras moitas colaboracións ían asinadas simplemente pola inicial ou iniciais dos autores, o que impide identificalos (como tal, A., A.M., M.A.S., J.A., P., S., S.R., X., X.S.P., Z.), así como por numerosos pseudónimos (Manoel d'a Cabana, Galaicus, P. d'as F., Semibáarbaro, Un Xan, Xílgaro).

Desaparición editar

A Monteira deixou de publicarse en 1890. No último número despediuse dos lectores cun editorial titulado Paréntesis, no que se expresa a vontade de continuidade. De feito, rexurdiu en 1891 cunha nova cabeceira, O Labrego, editada tamén en Lugo, pero sen éxito pois desapareceu en 1893.

A enfermedá que padecen seres que nos son moi quiridos, á pouca salú que disfrutamos algús de nosoutros mesmos y-as ocupaciós crecentes d'outros, causas son de que non poidamos atender, como se debe, â pubricación d'o noso somanario e de qu'a suspendamos indefinidamente y-hastra qu'as forzas nos dían novos alentos pra siguir n-unha empresa que consideramos grande: a defensa de Galicia y-a propaganda d'unhos ideás que creemos salvadores.[5]

Notas editar

  1. A Monteira, I, 2.
  2. A Monteira, LII, 410.
  3. A Monteira, LIII, 3.
  4. Teijeira, Mari Paz; de la Torre, María (1997). A prensa en Lugo, dous séculos de historia. Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial de Lugo. p. 89. ISBN 84-8192-110-6. 
  5. A Monteira, LXV, 97.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • A Monteira. Edición facsimilar. Xunta de Galicia, Pontevedra 1989. ISBN 84-453-0068-7.
  • ALONSO MONTERO, Xesús: "A Monteira" en Gran Enciclopedia Galega, 2003, 30, 137.

Outros artigos editar