Álex Bergantiños

futbolista galego

Alejandro "Álex" Bergantiños García, nado na Coruña o 7 de xuño de 1985, é un exfutbolista galego. Xogaba de mediocentro defensivo e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, club do que foi capitán e xogador histórico. É o oitavo futbolista con máis partidos na historia do club (336) e o único en ter defendido a súa camiseta en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira RFEF).

Álex Bergantiños
Información persoal
Nome Alejandro Bergantiños García
Nacemento 7 de xuño de 1985 (38 anos)
Lugar de nacemento A Coruña
Altura 1,77 m.
Posición Mediocentro defensivo
Carreira xuvenil
1993–2002 Imperátor
2002–2004 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2004–2008 Fabril 152 (12)
2008–2023 Deportivo da Coruña 322 (12)
2008–2010Xerez (cedido) 57 (0)
2010–2011Granada (cedido) 6 (0)
2011Nàstic (cedido) 22 (1)
2017–2018Sporting de Gijón (cedido) 38 (1)
Selección nacional
2008–2016 Galicia 2 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Formado futbolisticamente no Imperátor, entrou na canteira do Deportivo con 17 anos. Tras pasar polo equipo xuvenil militou durante catro anos no Fabril, disputando 152 encontros e exercendo como capitán. A continuación saíu cedido ao Xerez, logrando o ascenso a Primeira División e debutando na máxima categoría. Despois de dúas novas cesións ao Granada e ao Nàstic, debutou con 26 anos no primeiro equipo do Deportivo, adestrado por José Luis Oltra, e foi un habitual nas aliñacións do equipo na seguinte década, coa excepción da tempada 2017/18, na que foi cedido ao Sporting de Gijón. Viviu dous ascensos e tres descensos co club coruñés, ao que capitaneou nos momentos máis difíciles da súa historia.[1] Retirouse en 2023, despois de 21 anos ao servizo do Deportivo, e continúa no club como conselleiro.

Traxectoria editar

Inicios (1985-2008) editar

Naceu o o 7 de xuño de 1985 no barrio coruñés da Sagrada Familia. Seus pais, Emilio Bergantiños e Fina García, naturais de Vilasantar, emigraran á Coruña para traballar, el como albanel e ela como empregada do fogar.[2] Comezou xogando ao fútbol no Imperátor e ao mesmo tempo ao fútbol sala no Breogán,[3] co que gañou dous campionatos nacionais en categoría cadete.[4][5] Posteriormente deixou o fútbol sala para centrarse no fútbol e tras outra tempada no Imperátor foi chamado polo do Deportivo da Coruña, a pesar de ter sufrido unha rotura de tibia e ter dúbidas sobre a súa recuperación.[2]

Fabril editar

Xogou unha tempada no equipo xuvenil e na 2004/05 pasou ao Fabril, da Terceira División. no que xogou entre 2004 e 2008, e do que foi o capitán.[5] Titular indiscutible para Tito Ramallo, disputou de inicio case todos os partidos do filial durante os seguintes catro anos e en abril do 2005 Javier Irureta convocouno para un partido do primeiro equipo do Deportivo fronte ao Levante, aínda que non chegou a debutar.[6]

Foi o xogador con máis minutos do equipo na tempada 2006/07, na que o Fabril se proclamou campión de Terceira e ascendeu á Segunda B. Repetiu como xogador con máis minutos na histórica campaña 2007/08, na que o Fabril conseguiu o mellor resultado da súa existencia, ao acabar cuarto na categoría de bronce. Bergantiños foi titular nas 38 xornadas de liga e na posterior promoción de ascenso a Segunda que o filial coruñés perdeu ante o Écija. Cun total de 152 partidos, é o 11º xogador con máis encontros na centenaria historia do Fabril.[7]

Cesión ao Xerez (2008-2010) editar

As súas boas intervencións co filial abríronlle as portas para asinar un contrato profesional co Deportivo. Na tempada 2008–09 foi cedido ao Xerez CD de Segunda División, facendo unha boa campaña e logrando o ascenso a Primeira División. Ese ano xogou 32 partidos, a maioría deles como titular, no equipo que adestraba Esteban Vigo.

Na tempada 2009–10 foi cedido novamente ao Xerez, adestrado esta vez polo "Cuco" Ziganda. Debutou en Primeira División o 30 de agosto de 2009, xogando os derradeiros 30 minutos dun partido que enfrontaba ao Xerez co RCD Mallorca en Son Moix e que rematou con derrota (2–0). Despois dunha mala campaña, e de que pasase polo banco tamén o arxentino Néstor Gorosito, o Xerez descendeu a Segunda División, ao quedar na última posición da táboa.

Granada e Nástic (2010-2011) editar

Tras rematar a súa cesión no Xerez, o 14 de xullo de 2010 anunciouse unha nova cesión do xogador, esta vez ao Granada CF.[8] Aínda que comezou a tempada como titular, o técnico do equipo, o galego Fabri González, deixou de aliñalo despois da oitava xornada, polo que só disputou sete encontros co club granadino.[9]

O 10 de xaneiro de 2011 anunciouse que deixaba o Granada, que acabaría por ascender esa tempada, para saír nunha nova cesión ata o final da campaña ao Gimnàstic de Tarragona.[10] No equipo de Juan Carlos Oliva si tivo protagonismo, disputando como titular case todos os encontros restantes e marcando contra o Albacete o seu primeiro gol na categoría de prata.[11]

Regreso ao Deportivo (2011-2017) editar

Na tempada 2011-2012 e tras o descenso do Deportivo á Liga Adelante, regresou ao club da súa cidade. Ese ano rendeu a un gran nivel, conseguiu xogar os 42 partidos de liga e ademais o equipo acabou campión con récord de puntos.[12][13] Disputou co Deportivo a tempada 2012-2013 en Primeira División, sendo titular en máis da metade dos partidos e xogando incluso de porteiro nun partido contra o Levante, tras a expulsión de Dani Aranzubía.[14] Ademais ese ano marcou o seu primeiro gol en Primeira División, na derrota do seu equipo contra o FC Barcelona por 4-5.[15] Con todo, o equipo volveu descender. Na seguinte tempada xogou case todos os partidos, colocándoo Fernando Vázquez na posición de central na primeira volta,[16] e o club volveu ascender á Primeira División.[17]

Xogou dende o inicio na maioría de partidos nas dúas seguintes tempadas do Deportivo en Primeira, pero perdeu a titularidade na tempada 2016-17, na que o adestrador Gaizka Garitano apenas contou con el.[18] Tras a destitución deste e a chegada de Pepe Mel en marzo, Bergantiños volveu á titularidade, estreándoa no partido contra o FC Barcelona, no que ademais marcou o gol da vitoria, o terceiro gol que lle facía ao Barça dos catro que levaba en total en Primeira.[19]

Cesión ao Sporting (2017-2018) editar

O 11 de xullo de 2017 o Deportivo anunciou a renovación de Bergantiños até 2019, así como a súa saída cedido por unha temporada ao Sporting de Gijón, en Segunda División.[20] No club asturiano foi un dos xogadores con máis minutos, disputando como titular 35 dos 42 partidos de liga.[21]

 
Bergantiños en 2017, cando militaba no Sporting.

Capitán do Deportivo (2018-2023) editar

O 16 de xuño de 2018 o Deportivo da Coruña anunciou a reincorporación do xogador,[22] que se converteu ademais no capitán do equipo, sucedendo a Pedro Mosquera.[23][24] Foi o centrocampista con máis minutos disputados do equipo, que acabou clasificándose para as eliminatorias de ascenso. Tras marcar un gol nas semifinais fronte ao Málaga,[25] sufriu unha dura patada na cara por parte de Marc Pedraza no primeiro partido da final contra o Mallorca, sendo sometido logo a unha intervención cirúrxica e recibindo 70 puntos de sutura.[26][27] Por este motivo non puido xogar o partido de volta, no que o Deportivo caeu derrotado por 3 a 0 e non puido consumar o ascenso.[28]

Na tempada 2019/20, marcada polo inicio da pandemia de COVID-19, foi titular na maioría de encontros, tanto con Anquela no banco como cos seus dous sucesores, Luis César Sampedro e Fernando Vázquez, nunha campaña na que o Deportivo acabou descendendo á Segunda División B por segunda vez na súa historia. A tempada 2020/21 foi a segunda de Bergantiños na categoría de bronce, despois da que xogara co Fabril 13 anos antes. Xogou 21 dos 24 partidos e foi o terceiro xogador con máis minutos, só por detrás de Borja Granero e Mujaid. O equipo, dirixido ese ano por Vázquez primeiro, e por Rubén de la Barrera despois, quedou lonxe do ascenso.

En agosto de 2021, foi titular na primeira xornada da nova Primeira División RFEF, a vitoria por 5-0 sobre o Celta B, converténdose no único xogador da historia do Deportivo en defender a súa camiseta en catro categorías diferentes (Primeira, Segunda, Segunda B e Primeira RFEF). Disputou un total de 36 partidos, case todos como titular, nunha tempada na que o equipo adestrado por Borja Jiménez, rematou segundo por detrás do Racing de Santander, accedendo así á promoción de ascenso. Na semifinal contra o Linares, Bergantiños marcou o terceiro dos catro goles do seu equipo (4-0), grazas a un forte disparo dende fóra da área.[29] A continuación capitaneou o equipo na final ante o Albacete en RIazor, disputando completos os 90 minutos regulamentarios e os 30 de prórroga, na que o Deportivo caeu eliminado tras unha histórica remontada do equipo albaceteño, dirixido por Rubén de la Barrera.[30]

Comezou a tempada 2022/23 como titular, pero acabou caendo das aliñacións iniciais de Óscar Cano co paso das xornadas. Volveu á titularidade trala destitución de Cano e o regreso de Rubén de la Barrera, co que o Deportivo disputou de novo sen éxito a promoción de ascenso a Segunda. O partido de volta das semifinais, no que o club galego caeu eliminado fronte ao Castellón en Nou Castàlia, foi o derradeiro encontro oficial de Bergantiños, pois dúas semanas despois anunciouse a súa retirada.[31] Colgou as botas con 38 anos e como o oitavo xogador con máis partidos na historia do club, despois de ter superado na súa última campaña a Jorge, Loureda, Vicente, Domínguez e Pancho García.

Vestiu por última vez a camiseta do Deportivo na 78ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte ao equipo sub-23 do Bragantino do Brasil. Entrou como titular e foi substituído no minuto 21, momento no que o partido se detivo para lle render homenaxe.[32]

Selección galega editar

Foi convocado pola selección galega para o partido contra Irán disputado no estadio de Riazor o 27 de decembro de 2008, que finalizou con vitoria para os irmandiños (3–2). Repetiu convocatoria para o partido contra Venezuela disputado tamén no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1), e onde exerceu como capitán.[33]

Trala retirada editar

No comunicado do Deportivo da Coruña no que se anunciou a súa retirada, en xuño de 2023, confirmouse que continuaría vencellado ao club, como estaba previsto dende a súa última renovación.[7] Uns días despois converteuse nun dos catro membros do novo Consello de Administración do Deportivo, xunto a Carlos Ballesta, Michelle Clemente e Vicente Fernández, e con Álvaro García Diéguez como novo presidente.[34]

Outras actividades editar

Dende 2013[35] organiza todos os anos no concello de Vilasantar, de onde é nativa a súa familia, un campus de fútbol base para nenos.[36]

Vida persoal editar

Coñeceu á súa parella sentimental, Lorena, cando ambos estudaban no IES Salvador de Madariaga. Con ela tivo dous fillos: Teo e Daniela.[37]

Estatísticas editar

Club Tempada Categoría Liga Copa Outros[N 1] Total
Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles
Fabril 2004/05 Terceira 33 2 - - - - 33 2
2005/06 Terceira 35 1 - - 3 0 38 1
2006/07 Terceira 37 6 - - 4 0 41 6
2007/08 Segunda B 38 3 - - 2 0 40 3
Total club 143 12 0 0 9 0 152 12
Xerez 2008/09 Segunda 31 0 1 0 - - 32 0
2009/10 Primeira 26 0 2 1 - - 28 1
Total club 57 0 3 1 0 0 60 1
Granada 2010/11 Segunda 6 0 1 0 - - 7 0
Nàstic 2010/11 Segunda 22 1 - - - - 22 1
Deportivo 2011/12 Segunda 42 3 1 0 - - 43 3
2012/13 Primeira 29 1 0 0 - - 29 1
2013/14 Segunda 37 0 1 0 - - 38 0
2014/15 Primeira 33 0 1 0 - - 34 0
2015/16 Primeira 22 2 2 0 - - 24 2
2016/17 Primeira 8 1 1 0 - - 9 1
Sporting de Gijón 2017/18 Segunda 36 1 2 0 2 0 40 1
Deportivo 2018/19 Segunda 35 1 0 0 3 1 38 2
2019/20 Segunda 38 1 1 0 - - 39 1
2020/21 Segunda B 21 0 2 0 - - 23 0
2021/22 Primeira RFEF 33 0 1 0 2 1 36 1
2022/23 Primeira RFEF 20 0 1 0 2 0 23 0
Total club 318 11 11 0 4 1 336 11
Total carreira 582 23 17 0 18 2 617 25
  1. Inclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira, a Segunda e a Segunda B.

Palmarés editar

Fabril
Xerez
Deportivo

Notas editar

  1. "Álex Bergantiños, el pendón del Deportivo que sujetó la corona blanquiazul" (en castelán). 27 de xuño de 2023. Consultado o 27 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 "«Tengo muy clavada la espina del derbi»" (en castelán). 22 de febreiro de 2018. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  3. "Álex Bergantiños, con la base del Imperator". La Opinión A Coruña (en castelán). 11 de xuño de 2019. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  4. "El orgullo de la Sagrada" (en castelán). 24 de abril de 2013. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  5. 5,0 5,1 "Bergantiños por fin sale en la foto" (en castelán). 16 de marzo de 2012. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  6. "Entrevista". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de abril de 2005. p. 42. 
  7. 7,0 7,1 "Álex Bergantiños colgará as botas no Teresa Herrera antes de incorporarse á estrutura do Dépor". 26 de xuño de 2023. Consultado o 31 de xullo de 2023. 
  8. "Álex Bergantiños se va cedido al Granada"
  9. "Álex Bergantiños, que inició la Liga cedido en el Granada, recala en el Nàstic de Tarragona". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xaneiro do 2011. p. 34. 
  10. "O Dépor autoriza ao Granada a ceder a Alex ao Nastic ata final de Liga". Deportivo da Coruña. 10 de xaneiro de 2011. Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  11. "El Nàstic remontó y certificó la permanencia". Marca (en castelán). 29 de maio de 2011. Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  12. "Álex Bergantiños confía en sus posibilidades" (en castelán). 15 de xuño de 2012. Consultado o 14 de maio de 2018. 
  13. "O Deportivo remata a liga con récord de puntos en Segunda". 4 de xuño de 2012. Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2012. Consultado o 14 de maio de 2015. 
  14. "Dúas lesións e o porteiro expulsado condicionan a derrota do Depor". Galicia Confidencial. 18 de novembro de 2012. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  15. "La magia de Cesc y Messi da la victoria al Barça en el festival de goles de Riazor (4-5)". RTVE (en castelán). 20 de outubro de 2012. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  16. "Vaya dónde vaya, vaya con Álex Bergantiños" (en castelán). 15 de novembro de 2013. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  17. "Uno por uno, la plantilla al detalle" (en castelán). Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  18. "Bergantiños, principal lunar de Gaizka Garitano" (en castelán). 10 de xaneiro de 2017. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  19. "Bergantiños y el efecto Mel tumban al Barça" (en castelán). 12 de marzo de 2017. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  20. "O Deportivo e Álex amplían un ano a súa vinculación e acordan a cesión ao Sporting a próxima temporada". Deportivo da Coruña. 11 de xullo de 2017. 
  21. "Plantilla del Sporting de Gijón 2017-18". BDfutbol (en castelán). Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  22. "Álex volve a casa". Deportivo da Coruña. 16 de xuño de 2018. 
  23. "El Dépor 2018-19 ya tiene capitán". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xuño de 2018. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  24. "Bergantiños xa exerce como capitán en Abegondo". CRTVG. 9 de xullo de 2018. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  25. "Álex Bergantiños y el gol que tumbó definitivamente al Málaga" (en castelán). 16 de xuño d e2019. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  26. "Bergantiños hiela el corazón de Riazor tras una brutal patada de Pedraza en la cara". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xuño de 2019. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  27. "Bergantiños, dado de alta tras recibir 70 puntos de sutura en el labio" (en castelán). 21 de xuño de 2019. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  28. "El Mallorca remonta al Deportivo y estará en LaLiga Santander (3-0)" (en castelán). 23 de xuño de 2019. Consultado o 7 de xullo de 2020. 
  29. "O Dépor borra ao Linares en seis minutos máxicos (4-0)". 5 de xuño de 2022. Consultado o 27 de xullo de 2023. 
  30. "El Albacete vuelve a Segunda: heroica remontada ante el Deportivo de La Coruña en Riazor (1-2)" (en castelán). 11 de xuño de 2022. Consultado o 27 de xullo de 2023. 
  31. "Álex Bergantiños deixa o fútbol e convértese en lenda do Deportivo". 27 de xuño de 2023. Consultado o 30 de xullo de 2023. 
  32. "La despedida de Álex Bergantiños del Deportivo en Riazor: entre lágrimas y con beso final al césped" (en castelán). 5 de agosto de 2023. Consultado o 7 de agosto de 2023. 
  33. Pardo, Miguel (21 de maio de 2016). "Galicia brilla e promete continuidade na festa do fútbol da terra". Praza.gal. Consultado o 22 de maio de 2016. 
  34. Silveira, Xane (17 de xullo de 2023). "El Deportivo nombra a Álvaro García nuevo presidente: Bergantiños y Ballesta, al consejo" (en castelán). Consultado o 31 de xullo de 2023. 
  35. "Alex Bergantiños presentó esta mañana en Vilasantar la segunda edición de su Campus de fútbol base" (en castelán). 20 de xuño de 2014. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  36. "VII CAMPUS FÚTBOL ALEX BERGANTIÑOS". www.vilasantar.gal. Consultado o 10 de outubro de 2019. 
  37. Fernández, Xurxo (6 de agosto de 2023). "Álex Bergantiños, el hijo de Fina apaga la luz". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de agosto de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar