Perífrase verbal: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Lmbuga (conversa | contribucións)
Category:Lingüística
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 8 de decembro de 2005 ás 23:59

Entendemos por perífrase verbal a unión de dous verbos que sintacticamente constitúen un só núcleo do predicado. Dese conxunto verbal, o verbo principal ou auxiliado debe ser unha forma non persoal; o outro verbo é sempre un mero auxiliar, pero será a forma que poderá conxugarse.

Os verbos auxiliares, polo feito de selo, están inhabilitados para seleccionar suxeitos e complementos; a forma que selecciona tales funcións é sempre a auxiliada. Así na secuencia O tempo vai mellorar o que selecciona o suxeito é ‘mellorar’ e non ‘vai’ aínda que sexa o verbo auxiliar quen porte a noción de persoa. Obsérvese que ocorre exactamente o mesmo co complemento directo (Vou mellora-los resultados).

Se os verbos que preceden ás formas non persoais seleccionan suxeito e complementos non serán verdadeiras perífrases verbais. Contrástese O Brais quere ir ó teatro con Ó Brais quere doerlle a cabeza.

A selección dun suxeito por parte do verbo auxiliado e non do auxiliar, nas perífrases verbais, percíbese perfectamente nos casos en que o verbo auxiliado é haber, por ser este verbo unipersoal (Vai haber dez alumnos en clase, pode haber dez alumnos en clase, debe haber dez alumnos en clase,...)

Sóese dicir que un verbo para ser auxiliar ten que estar total ou parcialmente gramaticalizado, isto é, debe de ter perdido todo ou parte do seu significado léxico. Con todo, este criterio non é fiable por varias razóns:

  • Existen perífrases verbais formadas con verbos auxiliares que manteñen o seu significado orixinario e pleno (Empeza a chover, segue chovendo, Acabou de chover).
  • Non é doado saber sincronicamente cando un verbo empeza a desemantizarse. Así verbos como andar ou levar semellan presenta-lo mesmo significado cando actúan como verbos auxiliares ca cando actúan como verbos plenos ou principais:
Sempre andas latricando / Sempre andas con contos
Levo estudando esta cuestión varios anos / Levo con esta cuestión varios anos
  • Hai construcións con infinitivo e participio nas cales o verbo precedente está usado metaforicamente ou parece claramente desemantizado, e non por iso se pode falar de perífrases verbais (O Xoán lanzouse a recoller datos, O Xoán anda namorado, Deino por feito, Deume por rir, Boteino a perder,...)

Ligazóns relacionadas