Gilroy Roberts: Diferenzas entre revisións

medallista e gravador de moeda estadounidense
Contido eliminado Contido engadido
Moedagalega (conversa | contribucións)
Publícase o artigo.
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 21 de abril de 2021 ás 16:24

Gilroy Roberts, nado o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia e finado o 26 de xaneiro de 1992 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor, gravador e deseñador de medallas e moedas, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1948-1964).[2][3][4]

Gilroy Roberts
Presentación do anverso do 1/2 dólar co busto de Kennedy, autografada polo seu autor Gilroy Roberts (colección E. P. Newman).[1]

Nacemento11 de marzo de 1905
  Filadelfia.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento26 de xaneiro de 1992 (86 anos)
 Havertown.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaDeseño e gravado.
ObrasMoeda de 1/2 dólar co busto de Kennedy.
NacionalidadeEstadounidense
editar datos en Wikidata ]

A súa marca de gravador, que estampou nas moedas e medallas da súa creación, é GR.[3][4][5]

Traxectoria

Gilriy Roberts naceu o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia, fillo de John Taylor Roberts (1978-1922) e de Blanch Dawson Gilroy (1872-1954).[2] Desde os seus primeiros anos estivo en contacto coa arte, xa que o seu pai era tamén escultor profesional. Isto permitiulle aprender a esculpir xa desde neno. Na súa adolescencia perfeccionou a súa técnica asistindo a clases nocturnas cun escultor chamado Paul Remy, en tanto que cursaba o ensino secundario.[3]

 
Selo co busto de Stephen Foster (1940), deseñado por Gilroy Roberts.

En 1936 produciuse un paso moi salientable cara á súa profesionalización, cando Roberts solicitou o seu ingreso na Casa da Moeda dos Estados Unidos, como gravador e escultor axudante. A súa solicitude foi aceptada, mais por vontade proia abandonou a ceca estadounidense logo dun ano e medio de exercicio, e marchou a ocupar un posto como titular na Oficina de Gravado e Impresión, en Washington, onde se imprimen os billetes e os selos de correo dos EEUU. Nesa institución acadou sona polo deseño de retratos para selos de personaxes como Stephen Foster, Eli Whitney ou Ralph Waldo Emerson.[3][4][5][6]

Entre 1939 e 1943 continuou a súa formación na escola da Galería de Arte Corcoran, na cidade de Washington.[4]

O 1 de maio de 1944 reingresou na Casa da Moeda como axudante principal de gravado, no equipo do daquela gravador xefe, John R. Sinnock.[4] Logo duns anos traballando xuntos, a saúde de Sinnock resentiuse e en 1947 faleceu, cando estaba en proceso de concluír unha moeda de medio dólar co busto de Benjamin Franklin; o anverso estaba concluído, mais non así o reverso, e Roberts tivo que asumir a culminación do deseño e o gravado da tradicional campá da liberdade que o caracteriza.[3][5]

Logo do falecemento de Sinnock, o daquela presidente dos EEUU, Harry Truman, designou a Gilroy Roberts como sucesor no posto de gravador xefe da US Mint, o 22 de xullo de 1948.[4] Ao longo dos 16 anos que ocupou este posto foi o responsable da cuñaxe de diversas medallas presidenciais, como as de Harry Truman, Dwight Eisenhower, John F. Kennedy e Lyndon Johnson. Nesa época, a US Mint recibiu encargas para o deseño e a cuñaxe de moedas para outros países, labor que o propio Roberts asumiu persoalmente en moitos casos.[5] Entre estes países están Colombia, Dinamarca (para Groenlandia), Cuba, Etiopía, Haití, Liberia, Líbano, o Salvador e Uruguai.[3][4][6][7]

 
Anverso do 1/2 dólar co busto de Kennedy, deseñado por Gilroy Roberts e cuñado, con diferentes reversos, desde 1964 ata a actualidade.[8]

O 1/2 dólar de Kenedy

O asasinato de John F. Kennedy o 22 de novembro de 1963 foi o detonante para a creación dunha moeda na súa memoria, que por decisión da súa viúva foi a de medio dólar. Como base para o deseño da nova moeda escolleuse unha medalla presidencial xa existente, obra do propio Roberts (anverso) e do seu axudante Frank Gasparro (reverso), e ambos encargáronse de facer as modificacións oportunas para o deseño do medio dólar, para o que contaron coas suxestións e coa aprobación de Jackie Kennedy. Esta moeda atribuíulle a Roberts moita notoriedade, xa que se mantén en circulación (con diferentes reversos) desde 1964 ata os nosos días, e está considerada como o seu traballo cumio como gravador da US Mint.[3][5]

Tan só uns meses despois da posta en circulación desta moeda, Gilroy Roberts xubilouse como gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 8 de outubro de 1964, e o ata entón axudante, Frank Gasparro, sucedeuno no cargo. A partir dese momento, Roberts continuou traballando como medallista independente; pouco despois pasou a presidir a compañía General Numismatics Corporation e tamén tivo vinculación coa ceca privada The Franklin Mint, desde a súa fundación no propio 1964 ata 1972, na que ocupou postos de dirección.[3][4][5] Na Franklin Mint deseñou e gravou moedas por encarga de países como Belize, as Illas Virxes Británicas e Panamá.[7]

A súa xubilación completa non se produciu ata 1980, cando tiña 75 anos. No entanto, en 1986 recibiu a encarga da Encyclopaedia Britannica para a elaboración dunha medalla que servise como Premio Britannia; este foi un dos seus derradeiros traballos.[3]

Gilroy Roberts finou o 26 de xaneiro de 1992, un ano despois de doar a súa colección de ferramentas de gravado á American Numismatic Association.[3] Roberts foi soterrado no cemiterio Ivy Hills, de Filadelfia, xunto coa súa esposa, Lilian Sharpless Pancoast (1908-1989), coa que casara o 25 de novembro de 1927.[2][4][6]

Recoñecementos

Outros traballos de Gilroy Roberts

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
John R. Sinnock
 
Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1948 - 1964
Sucesor:
Frank Gasparro