Frank Gasparro: Diferenzas entre revisións

deseñador e gravador de moedas estadounidense
Contido eliminado Contido engadido
Moedagalega (conversa | contribucións)
Publícase o artigo.
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 14 de abril de 2021 ás 16:09

Frank Gasparro, nado o 26 de agosto de 1909 en Filadelfia e finado o 29 de setembro de 2001 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor e deseñador e gravador de moeda estadounidense, que entre 1965 e 1981 ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1][2]

Frank Gasparro
Placa en lembranza de Frank Gasparro
nunha rúa de Filadelfia


Nacemento26 de agosto de 1909
  Filadelfia
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento29 de setembro de 2001 (92 anos)
 Havertown.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaEscultura, deseño e gravado.
EducaciónPennsylvania Academy of the Fine Arts.
ObrasMoedas circulantes e conmemorativas dos EEUU.
NacionalidadeEstadounidense
editar datos en Wikidata ]

Entre os seus traballos máis significativos están o dólar co busto de Eisenhower (cuñado entre 1971 e 1978), o dólar co busto de Susan B. Anthony (1979-1999), o reverso do centavo que reproduce o Lincoln Memorial (1959-2008) e o reverso do medio dólar de Kennedy (1964-2021).[1][2]

A súa marca de gravador, que estampou nas súas moedas e medallas, é FG.[2]

Traxectoria

Infancia e formación

Frank Gasparro naceu en Filadelfia o 26 de agosto de 1909, o maior dos sete fillos dun pai músico que pretendía que el seguise os seus pasos, aínda que acabou por aceptar a verdadeira vocación de Frank cara ás artes plásticas. Aínda na súa adolescencia, entre 1924 e 1929 Gasparro foi aprendiz do escultor Giuseppe Donato, que traballara con anterioridade para Auguste Rodin. Logo de cursar a educación secundaria na South Philadelphia High School, onde se graduou en 1927, ingresou na Pennsylvania Academy of the Fine Arts e viaxou a Europa, coa axuda dunha bolsa de estudos, para perfeccionar as súas habelencias.[1][2]

Carreira profesional

 
Deseño de Frank Gasparro para o reverso da moeda dun centavo, feito en 1958, cando era gravador axudante.

En decembro de 1942 ingresou como gravador axudante na Casa da Moeda de Filadelfia, da US Mint, baixo os auspicios do daquela gravador xefe, John R. Sinnock. O seu primeiro traballo que acadou un amplo recoñecemento foi o reverso da moeda dun centavo que formaba parte da conmemoración do 150 aniversario do nacemento de Abraham Lincoln, deseñado en 1958 e cuñado por primeira vez en 1959. O deseño de Gasparro foi seleccionado entre os 23 presentados polos profesionais do departamento de gravado da ceca: nel reprodúcese o monumento Lincoln Memorial cunha imaxe de Lincoln sedente no medio, e na versión finalmente cuñada engadíronse as iniciais FG (Frank Gasparro) á dereita do monumento. A cantidade total de exemplares cuñados desta moeda desde o inicio da súa produción ata a súa substitución en 2008 polo novo modelo, deseñado por Joseph Menna, supera os cen mil millóns.[1][2][3]

Nomeado xa gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (cargo que exerceu de 1965 a 1981), Gasparro creou o deseño de varias moedas que aumentaron o seu recoñecemento profesional, entre as que poden destacarse os seguintes:

 
Proposta de Frank Gasparro para o dólar de S. B. Anthony, ollando á esquerda.
  • 1 dólar "Susan B. Anthony" (1979): cando se lle encargou o deseño dunha moeda na honra desta líder do sufraxio feminino, Gasparro contaba con dúas fotografías desta, unha de cando tiña 28 anos e outra aos 84 anos, e aínda que el propuxo reproducir a primeira delas, finalmente decidiuse facelo coa segunda. Para o autor, esta moeda foi o maior dos seus logros profesionais; no entanto, non gozou de aceptación popular, dada a súa semellanza coa moeda circulante dun cuarto de dólar.[1][2][3][6]

A obra artística de Frank Gasparro complétase con outras moitas creacións, entre as que se inclúen medallas dedicadas a personaxes como Winston Churchill, Albert Gallatin, Douglas MacArthur ou mesmo estrelas do béisbol, así como as medallas presidenciais correspondentes a todos os presidentes entre Lyndon B. Johnson e Ronald Reagan. Unha das súas medallas máis populares é a emitida polo Congreso dedicada á figura de John Wayne.[1][7]

Ademais das moedas estadounidenses, Frank Gasparro foi o responsable do deseño de moedas cuxa cuñaxe se produciu na ceca de Filadelfia por encarga doutros estados, como as Bahamas, Filipinas ou Panamá.[3][8]

Gasparro deseñou as súas moedas e medallas partindo, en moitos casos, de motivos, obxectos e personaxes obtidos de reproducións fotográficas e recortes de xornais e revistas. A partir delas reproducíaas coa súa impresora Xerox e utilizaba o papel de calco para trazar a forma e transferir os datos ao papel do bosquexo, que logo completaba co engadido doutros trazos e atributos, como cascos, coroas, frechas, etc., alusivos ao tema principal. O resultado era un esbozo final que servise de referencia para a elaboración do molde.[9]

Últimos anos

Logo da súa xubilación na Casa da Moeda dos Estados Unidos, Gasparro continuou deseñando medallas tanto por encarga privada como para institucións e entidades públicas, e tamén dedicou parte do seu tempo ao ensino da arte no Philadelphia's Samuel S. Fleisher Art Memorial, ata unhas semanas antes da súa morte. Gasparro faleceu aos 92 anos o 29 de setembro de 2001 en Havertown, Pennsylvania.[1][2]

Escolma de traballos de Frank Gasparro

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Martin, D. (2001).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Frank Gasparro". USA Coin Book.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Remembering a Master Engraver. Frank Gasparro's Legacy Circulating Worldwide". Legacy.npr.org
  4. "Half Dollar". United States Mint.
  5. "Description of the New Eisenhower Dollar Coin". United States Mint.
  6. "First Production Strike of Susan B. Anthony Dollar Coin Announced by Mint Director Stella B. Hackel". United States Mint.
  7. "John Wayne Congressional Medal". En The E-Sylum. Vol. 8. Nº 4. 23 de xaneiro de 2005.
  8. Exemplos de moedas deseñadas por Gasparro para outros países: Bahamas (10 dólares, 25 dólares), Filipinas (1 piso); Panamá (2½ centésimos, 5 balboas). Numista.com
  9. "Art of Frank Gasparro: 10th United States Mint Chief Engraver". National Museum of American History. Smithsonioan Institution.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos