Diego Cornide Saavedra: Diferenzas entre revisións

avogado galego
Contido eliminado Contido engadido
Nova páxina: "Diego Cornide Saavedra foi membro dunha prominente familia da Coruña do século XVIII. Exerceu como avogado da Real Audiencia da Coruña. Entre 1766 e 1771 serviu en México como..."
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 5 de xaneiro de 2021 ás 11:54

Diego Cornide Saavedra foi membro dunha prominente familia da Coruña do século XVIII. Exerceu como avogado da Real Audiencia da Coruña. Entre 1766 e 1771 serviu en México como asesor do vicerrei. Foi pai do ilustrado coruñés José Cornide. Mandou edificar na Cidade Vella da Coruña a Casa Cornide.

Biografía

Diego Antonio Cornide Saavedra Becerra (A Coruña, 1699-1776) naceu nunha familia fidalga con orixes en San Pedro de Bendia. O seu pai, Manuel Antonio Cornide Saavedra y Gayoso, casou na Coruña con Isabel Magdalena Becerra y Llamas.

Cornide, que herdaría do pai os títulos de señor de Mariz, Saá, Amoeiro e Cebreiro, estudou Dereito en Santiago de Compostela. Exerceu como avogado da Real Audiencia da Coruña, onde desempeñaría, entre outros, o cargo de Alcalde da Sala do Crime.

O 29 de outubro de 1731 casou na Colexiata de Santa María do Campo con Francisca Folgueira Bermúdez de Santiso (1692–1762), filla do seu curmán e tamén avogado Agustín Folgueira y Cornide. O único descendente, José, nacería en 1734.

O período de maior actividade de Cornide correspóndese coa designación en 1756 como Capitán Xeneral de Galicia de Carlos Francisco de Croix, marqués de Croix, cargo que aparellaba a Presidencia da Real Audiencia. Cornide debeu de ser un home de confianza do marqués, pois figura entre os promotores do Arquivo da Real Audiencia ou do Colexio de Avogados da Coruña. Deste último foi escollido como o seu primeiro decano en 1761. Neses anos mandou edificar a casa familiar na Cidade Vella da Coruña, coñecida como Casa Cornide.

O marqués de Croix foi designado vicerrei de Nueva España en 1765. Ao ano seguinte tomou posesión do cargo, levando consigo Cornide como asesor. Cornide permaneceu en México até o relevo do vicerrei en setembro de 1771. De regreso na Coruña ocupou o cargo de Alcalde Maior da Real Audiencia.

Finou na súa residencia da Coruña o 3 de setembro de 1776.

Referencias externas

  • Pedro López Gómez: José Cornide, el coruñés ilustrado. Vía Láctea, 1997.
  • Pedro López Gómez y María de la O Suárez Rodríguez, “Diego Cornide, asesor del Virrey de la Nueva España”, en Boletín del Archivo General de la Nación, núm. 1 (enero-abril 2019), pp. 155-183.