Agonismo (política): Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Lles (conversa | contribucións)
Tradución de [ːesːAgonismo (política)]
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 11 de marzo de 2020 ás 14:17

En filosofía política, o agonismo (do grego ἀγών, agón, "conflito, disputa") é unha teoría política que salienta os aspectos potencialmente positivos de certas (mais non todas) formas de conflito político, diferindo da descrición da democracia como a procura de consensos. Acepta a existencia dun espazo permanente para tal conflito, mais busca amosar como se pode aceptar e canalizalo positivamente. Esta tradición tamén se coñece como pluralismo agonista.

Conceptualización

O agonismo oponse a unha rama da concepción marxista da política coñecida como materialismo histórico. Marx estaría de acordo cos agonistas en que a sociedade sempre estivera chea de conflitos, cando escribiu: "A historia de toda a sociedade até agora existente é a historia das loitas de clases".[1] Tamén pensaba que as causas do conflito eran trazos ineludíbeis da sociedade actual, é dicir, capitalista. Mais, na súa opinión, a historia desenvolveríase de tal maneira que eventualmente destruiría o capitalismo e substituiríao cunha sociedade harmoniosa, que era a súa concepción do comunismo. Especialmente durante os anos sesenta e setenta, moitas persoas, incluíndo académicos, subscribiron unha análise aproximadamente marxista. Desde entón, algunhas desas persoas chegaron á conclusión de que a "concepción materialista da historia" non dá suficientes razóns para esperar que veña unha sociedade harmoniosa.[2] Chantal Mouffe e Ernesto Laclau están entre os que chegaron ao agonismo desde uns antecedentes no marxismo e nos movementos sociais da metade do século XX.[3]

Chantal Mouffe utiliza o concepto de pluralismo agonista para presentar unha nova forma de pensar a democracia, diferente da concepción liberal tradicional da democracia como unha negociación entre intereses, e tamén diferente do modelo desenvolvido por persoas como Jürgen Habermas e John Rawls, que teñen en común a idea de que o obxectivo da sociedade democrática é a creación dun consenso e que o consenso é posíbel só se as persoas poden deixar de lado os seus intereses particulares e pensar como seres racionais. Con todo, sinala Mouffe, de se desexar a fin do conflito e que a xente sexa libre, sempre se debe ter en conta a posibilidade de que o conflito poida aparecer e proporcionar un espazo onde as diferenzas poidan ser enfrontadas, como parte do proceso democrático.[4] O agonismo, entón, parte de que non hai fins obxectivos e universais, evidentes e bos para todos, sobre os cales edificar a democracia, entendida como o sistema que mellor pon de manifesto a pluralidade das sociedades contemporáneas. Para o agonismo, unha sociedade é máis democrática cando permite a loita entre proxectos alternativos que, no entanto, comparten determinadas regras do xogo.[5]

A política ten que ver co conflito e a democracia consiste en dar a posibilidade aos distintos puntos de vista para que se expresen, disintan. O disenso pódese dar mediante o antagonismo amigo-inimigo, cando se trata ao opoñente como inimigo –no extremo levaría a unha guerra civil– ou a través do que chamo agonismo: un adversario recoñece a lexitimidade do opoñente e o conflito condúcese a través das institucións. É unha loita pola hexemonía.
Chantal Mouffe[6]

De maneira similar, William E. Connolly acuñou o concepto de democracia agonista para identificar formas positivas de involucrar certos aspectos do conflito político. Connolly propón un ethos positivo de compromiso, que podería ser utilizado para debater as diferenzas políticas. O agonismo baséase na contestación, mais nun espazo político onde o discurso é máis de respecto que de violencia. Con todo, Connolly é cauteloso ao especular se esta imaxinación podería facerse realidade, porque afirma que o valor desa especulación está sobrevalorada. Ademais, as súas críticas á teoría da xustiza de John Rawls e á teoría de Jürgen Habermas sobre a democracia deliberativa xeraron unha gran cantidade de nova literatura nesta área. A súa obra “Identity\Difference” (Identidade/Diferenza) contén unha mirada exhaustiva ás posibilidades positivas a través da contestación democrática.[7]

As obras de Theodor Adorno e Michel Foucault invocaron tamén concepcións de agonismo e agón nun sentido máis crítico, máis aló da contrahexemonía política. Aínda que este uso do agonismo foi ignorado en gran medida, foi explorado en certa medida por Claudio Colaguori en "Agon Culture: Competition, Conflict and the Problem of Domination". Para Colaguori, o agon é literalmente o escenario da competencia e a contenda, e o lugar do conflito entre adversarios. A filosofía do agonismo afirma a idea de que a transcendencia, a verdade e o crecemento xéranse a partir do resultado de contendas. Considera que o concepto de agonismo é a miúdo entendido nun sentido positivo ou afirmativo, xa sexa como un principio xeral da economía (competencia económica), da sociedade (competición) ou mesmo da ecoloxía (competencia ecolóxica) e o crecemento persoal (competencia persoal), mentres que a súa relación instrumental ao modo de destrución rara vez se recoñece.[8] O agonismo forma parte da orde social instituída onde a sociedade "prodúcese e reprodúcese precisamente a partir da interconexión dos intereses antagónicos dos seus membros" (Adorno, 1974).[9]

Notas

  1. Marx & Engels, Manifesto of the Communist Party, 1848, Capítulo 1.
  2. [1]
  3. [2]
  4. Mouffe. The Democratic Paradox. Londres: Verso. 
  5. "Todos somos agonistas". 4 de marzo de 2015. Consultado o 20 de decembro de 2016. 
  6. "La democracia consiste en permitir puntos de vista". Página12. Consultado o 22 de outubro de 2016. 
  7. Connolly. Identity\Difference: Democratic Negotiations of Political Paradox. Minneapolis: University of Minnesota Press. ISBN 0-8166-4086-6. 
  8. Colaguori. Agon Culture: Competition, Conflict and the Problem of Domination. Whitby, Ontario: Sitter Publications. ISBN 978-1-897160-63-3. 
  9. Adorno. Minima Moralia. Londres: Verso. 

Bibliografía