Juan Durán: Diferenzas entre revisións

compositor galego
Contido eliminado Contido engadido
Nova páxina: Foi profesor numerario do Conservatorio Superior de Música da Coruña (1987-1997), no que desenvolveu os cargos de Xefe de Estudos e Director. Desde 1997 a 2005 foi Asesor-técnico de...
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 19 de outubro de 2007 ás 06:43

Foi profesor numerario do Conservatorio Superior de Música da Coruña (1987-1997), no que desenvolveu os cargos de Xefe de Estudos e Director. Desde 1997 a 2005 foi Asesor-técnico de Ensinanzas Artísticas da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. No 2006 exerceu o cargo de Xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial. Na actualidade, pertence ao Corpo de Inspectores de Educación, na especialidade de Ensinanzas Artísticas, e desempeña o cargo de Subdirector Xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

Desenvolveu unha certa actividade como instrumentista de piano, no campo do acompañamento e a música de cámara. Pero a súa verdadeira dimensión atópase na creación musical. Socio fundador da Asociación Galega de Compositores, é autor de case un centenar de obras. Cultiva preferentemente o xénero liederístico e a música de cámara.

A súa producción camerística está orientada a todo tipo de combinatorias instrumentais: dúos para distintos instrumentos con piano, tríos, cuartetos, quintetos, etc. Polo que se refire á música escénica é autor dunha ópera (O arame con texto orixinal de Manuel Lourenzo), dúas cantatas e unha importante producción de lieder con gran variedade de poetas e estilos, que inclúen cancións en castelán, galego, portugués, italiano e francés. Atende tamén a producción de carácter didáctico, con distintos traballos orientados tanto á materia de Linguaxe Musical como a obras instrumentais. Entre estas últimas cabe destacar: Album de Orquesta (Premio de Composición outorgado pola Universidade Carlos III de Madrid), O xardín de Margarita, O Señor Biscuit, etc.

Recibiu encargos da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (Longa noite de pedra, cantata para barítono, coro e orquestra), Concello de Ferrol (Juegos tímbricos para quinteto de metais), Orquestra Sinfónica de Galicia (Cantiga Finisterrae para múltiples voces de luz, cantata para soprano, barítono, coro e orquestra, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello), Festival Mozart (felizcumpleañosmozart.com), Real Filharmonía de Galicia (Divertimento), etc.

O seu compromiso coa música galega maniféstase, tamén, en traballos de recuperación do patrimonio histórico, como orquestracións de obras de Juan Montes, Juan José Castro “Chané” ou Marcial del Adalid, de quen reconstruiu a súa ópera Inés e Bianca, por encargo do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

A case totalidade da súa producción está editada por “VISO Editorial”. Existen tamén obras súas en “Arte Tripharia”, “Real Musical”, “Dinsic”, etc. Pódense atopar rexistros da súa música en RNE e en varios CDs con intérpretes como Albert Nieto, Joaquín Pixán, Alejandro Zabala, Marina Shamagian, Carlos Casado, Tatiana Prejvalskaya ou Antoni Ros Marbá.