Diccionario de escritores en lingua galega: Diferenzas entre revisións

dicionario biográfico de Francisco Fernández del Riego
Contido eliminado Contido engadido
Nova páxina: "'''Diccionario de escritores en lingua galega''' é unha obra escrita por Francisco Fernández del Riego, un dos principais artífices da editorial Galaxia. A primeira edi..."
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 9 de abril de 2019 ás 15:15

Diccionario de escritores en lingua galega é unha obra escrita por Francisco Fernández del Riego, un dos principais artífices da editorial Galaxia. A primeira edición foi publicada no ano 1990, e houbo unha segunda no ano 1992. É un dicionario sobre os principais escritores en lingua galega, basado nun criterio idiómatico, é dicir, menciona a todos os escritores que se expresaron en galego. Mais non tivo moito impacto no seu tempo.

Criterios de selección dos autores que aparecen

Os criterios de selección dos autores que aparecen débense a diferentes motivos. A particularidade deste dicionario, débese principalmente ao problema da fala. Non só en razón do idioma no que está redactado, senón porque del exclúense a aqueles autores que sendo naturais do país e tratando temas galegos, expresáronse exclusivamente en castelán.

En función da calidade literaria que posúa cada autor, atribúeselle un espazo determinado. Case todos teñen un posto aquí, por modestos que sexan o seu enxeño e saber. Non existe un criterio filolóxico, o concepto deste dicionario defínese pois, segundo un criterio idiomático.

Abrangue a todos aqueles escritores que se expresaron en galego sobre calquera asunto e con calquera característica. Polo tanto, non se refire soamente á produción puramente artístico-literaria, senón que tamén se ocupa da que é a expresión lóxica das ideas e das súas relacións coas diversas manifestacións da cultura.

Análise do libro

Canto as partes deste dicionario podemos diferenciar dúas. Por un lado, hai un breve limiar ao comezo que consta de dúas follas, no que se fai unha pequena introdución para pórnos en situación antes de comezar a ler. E por outro lado, todo o restante sería o contido do dicionario.

O libro organízase nun conxunto heteroxéneo de escritores e materias que na obra se reflexa, mais non tenta, por outra banda, ningunha finalidade crítica. Ofréceselle ao lector unha panorámica da nosa cultura de onte a hoxe, na que aparece alfabetizada a nómina de autores, tanto literarios como científicos, ou grandes e pequenos, que traballaron coa ferramenta do idioma propio nas diversas ramas das letras e das ciencias.. É bastante abundante a cantidade de nomes e de datos, moitos dos cales saen agora á luz por primeira vez. O seu propósito só é divulgar os nomes e as obras daqueles que escribiron en galego. Intenta pór á disposición do público unha información sumaria sobre a vida e o labor de cada un dos autores que sobre o tema que sexa, se expresaron en galego. Mesmo por iso, vén ser como un conxunto de datos e noticias, un arquivo que sintetiza informacións sobre a existencia e os traballos (literarios-científicos e de pescuda), de todos aqueles que lle emprestaron un servizo á cultura de Galicia desde os vellos tempos até os nosos días.

Figuran nas páxinas que seguen, centos de notas que nutren os artigos breves ou menos breves. Ao corpo principal da obra engádeselle un apéndice coa nómina doutros escritores que fixeron un labor máis limitado. O dicionario non é, nin pode ser por propia definición, unha obra de lectura seguida. O seu propósito redúcese ao que caracteriza a publicacións deste tipo: o de servir de información e de consulta.

Impacto do libro

A obra non aparece mencionada en ningunha fonte da bibliografía, nin en ningún manual de literatura galega, polo que pode deducirse que non tivo moito impacto na súa época. E tampouco resultou relevante para ningún escritor máis contemporáneo xa que non existen ensaios nin estudos sobre el actualmente.

Isto pode ser debido a que non trata un tema novidoso. Manuel Murguía xa publicara Dicionario de escritores galegos no ano 1862 e nos anos posteriores houbo multitude de obras similares como o Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos escrito por Antonio Couceiro Freijomil en 1935 ou a Gran Enciclopedia Gallega de Ricardo Carballo Calero. Estas obras, entre outras,  foron tomadas como referencia por Francisco Fernández del Riego para a creación deste dicionario. Aínda que no prólogo aclara que “debemos sinalar tamén que as máis das notas aquí inxeridas proceden dun labor persoal e dun esforzo de recadádiva de primeira man”, é dicir, que tamén inclúe información recadada por el mesmo.

Mais, a pesar do seu esforzo, o seu traballo non obtivo moita resposta por parte da comunidade intelectual, nin conseguiu converterse nunha obra de referencia para a consulta de datos sobre escritores galegos. Non aparece mencionado nin no Diccionario da literatura galega de Vilavedra, nin recollida nos documentos do Centro Ramón Piñeiro, entre outros.

Bibliografía

Real Academia Galega, Dicionario da Real Academia Galega, Xerais, Vigo

Francisco Fernández del Riego, Diccionario de escritores en lingua galega, Ediciós do Castro, A Coruña, 1992

Digalego, Dicionario de Galego (2016)

Centro Ramón Piñeiro: http://www.cirp.es

Vilavedra, Dolores (coord.), Diccionario da Literatura Galega, Galaxia, Vigo, 1995-2000.

https://dialnet.unirioja.es/