Diferenzas entre revisións de «Conversa usuario:Marcio»

Ola, Marcio. Os nomes comúns das especies son un gran problema en moitos casos. Eu son partidario de usar os nomes científicos para as especies exóticas ata que haxa unha estabilidade nas referencias, pero unha excepción son os nomes das especies que viven en Galicia, que creo que deberían ter o nome común. De todos modos están suxeitas a que na fala popular adoita haber unha gran confusión sobre a que especie exacta se asigna cada nome, varía duns lugares a outros, moitos nomes danse a xéneros enteiros (non a especies) etc. As necesidades dos falantes e as necesidades de extrema precisión dos taxónomos non coinciden. En canto aos nomes dados en obras de temática zoolóxica publicadas, os autores atopáronse cos mesmos problemas cos que nos atopamos nós na wikipedia. Moitas veces tiveron que tomar decisións e elixir un nome para distinguir unha especie doutra (xeralmente sen seren eles lexicólogos nin ter feito traballo lingüístico de campo), e, na miña opinión, non sempre estiveron acertados. Por exemplo, o traballo de Conde Teria cos nomes de aves paréceme bastante coidadoso e, aínda así, non estou nada de acordo con media ducia de escollas que fixo, pero polo menos os seus nomes foron elixidos pola Sociedade Galega de Historia Natural, polo que teñen a sanción favorable dun colectivo importante (que, de todos modos, teño entendido que aprobou todos os nomes en bloque, é dicir, sen examinar un por un como deberían ter feito) e xeralmente son os que aparecen no DRAG. No caso da Chave dan tamén a súa opinión particular, sen que teña sanción oficial, polo que non hai que tomalo como a Biblia, pero é unha (outra) referencia. En xeral concordo pouco coa Chave porque creo que ten unha tendencia bastante lusista, por exemplo usan os nomes das famílias en -ídeos, como en portugués, cando o DRAG usa a terminación -idos (frinxilídeos/frinxílidos, ranídeos/ránidos), e usan para os animais moitísimos nomes amerindios brasileiros (máis do 80% dos nomes de animais en Brasil son de orixe amerindia), ás veces afastándose do que é máis común no conxunto das linguas máis coñecidas. O problema é que na wikipedia non podemos inventar ou propoñer nós os nomes, por razoables que sexan, senón que temos que aternos ás referencias publicadas, e tamén ao DRAG (que non é unha obra especializada en zooloxía ou botánica). Aínda así, para facer algunhas páxinas é inevitable usar algún dos nomes que internacionalmente se lle dan a un animal, porque se non é case imposible facer a páxina, pero outra cousa é poñelo no título; nese caso é mellor o nome científico, penso. Por se iso non fose xa dabondo, os cambios taxonómicos recentes complican a cousa aínda máis. As sinonimias son especialmente odiosas; por exemplo, mofo significa balor (fungo) e musgo (planta), polo que é un termo inútil para o seu uso científico, e totalmente inapropiado para o seu uso na docencia (aínda así o libro de Anaya de Bioloxía de 1º de ESO, por poñer un exemplo, que usan en moitos institutos úsao para ambos, é dicir, mofo escrito en títulos moi grandes para falar dos fungos e unha lección máis adiante outra vez mofo escrito en títulos moi grandes para falar dos musgos ou carrizas; un auténtico despropósito innecesario!)
 
Dito isto, en canto ás ''Hyla''., Creocreo que está ben manter rela europea (''Hyla arborea'') e rela meridional (''Hyla meridionalis''). O DRAG dálle o nome de rela a ''H. arborea'' e a ''H. meridionalis'' porque antes eran a mesma especie e despois os taxónomos dividíronas en dúas especies, polo que ten a súa lóxica. Pero nós temos o problema agora do nome para ''H. molleri''. O lóxico é chamarlle rela e poñerlle algún apelido, pero non está referenciado e nós non o podemos inventar, e eu non me atrevo a recomendar ningún. Podemos chamarlle rela común, pero a verdade é que a especie é pouco "común" en Galicia e mesmo está en perigo de desaparición en moitas áreas. Outra opción é chamarlle ra de Santo Antón, que se menciona como exemplo no DRAG (na entrada rela). Como non podemos chamarlle simplemente rela (porque hai outras relas), o máis conservador e prudente sería polo momento ra de Santo Antón. Pero dá pena, que o nome máis normal destes animais sexa rela e que non se lle poida poñer, polo que rela común tampouco me parece disparatado. Sinto non poder dar unha opinión contundente sobre isto, que che sirva de axuda, pero as cousas están sí. En canto a estroza, aparece en obras zoolóxicas (puxen unha referencia na páxina), pero probablemente é a escolla peor e non é o termo máis apropiado para o título da páxina. Usouna un taxónomo pero non sei en que dicionario pode estar nin de onde a sacou. Ás veces inventan palabras, como en corvo "viaraz" (viaraz?).--[[Usuario:Miguelferig|Miguelferig]] ([[Conversa usuario:Miguelferig|conversa]]) 27 de novembro de 2016 ás 17:00 (UTC)
194.364

edicións