Diferenzas entre revisións de «Foro (contrato)»

m
Bot - borrado de comas antes de etcétera [http://academia.gal/dicionario#searchNoun.do?nounTitle=etc%C3%A9tera]; cambios estética
m (Bot: Substitución automática de texto (-nomeadamente +especialmente))
m (Bot - borrado de comas antes de etcétera [http://academia.gal/dicionario#searchNoun.do?nounTitle=etc%C3%A9tera]; cambios estética)
O foro naceu nos tempos medievais, pero mantívose en vigor ata o [[século XX]], cando un decreto lei de [[1926]] regulou de modo definitivo a súa extinción mediante o procedemento da súa redención por parte do foreiro, a cambio do pago dunha indemnización ao forista. A desaparición deste sistema foi un proceso relativamente rápido e fixouse logo na Compilación del Derecho civil especial de Galicia de [[1963]] o seu cesamento absoluto en [[1973]]. A vixencia legal do foro rematou daquela, despois de máis de oito centurias de existencia. Pero a súa historia non resultou uniforme, senón que viviu xeiras ben diferentes que se poden agrupar en varias fases. Con todo, as cuestións esenciais redúcense a dúas: a condición temporal ou perpetua e as obrigas que debían cumprir os foreiros ou levadores da terra. Ámbalas dúas, especialmente a primeira, foron obxecto de conflitos en diversos momentos da historia do foro.
 
== Período de formación ==
Como forma de cesión agraria, os primeiros foros apareceron a finais do [[século XII]], sobre todo na documentación de mosteiros cistercienses. Logo, durante o [[século XIII]], a adopción desta práctica xeneralizouse no seo dos señoríos eclesiásticos e tamén nos laicos, fixándose entón algunhas das características básicas que mantivo ata o final: a cesión a longo prazo, cando non perpetua, condición frecuente no século XIII, e o pago dun canon ou renda, que debía ir acompañado do recoñecemento de vasalaxe por parte do foreiro. Durante os séculos XIV e XV, nos que se produciron as crises demográficas e o abandono dos campos, os foros perpetuos deixaron de ser hexemónicos, impoñéndose a tendencia á limitación temporal (daquela, en forma de voces sucesivas na titularidade das labranzas, e non de reis). Malia estas mudanzas, non foi substituído por outras formas de cesión da terra.
 
O foro xurdiu como expresión dunha madurez da sociedade rural medieval, na que tanto os grandes dominios monásticos coma as aldeas gozaban de clara estabilidade. Comportou o abandono progresivo da explotación directa por parte dos señores da terra, entre eles aqueles que moitos documentos titulan de frades lavradores. Supuxo tamén a existencia de mecanismos de coerción capaces de garantir os requisitos establecidos nos documentos forais. Era común o vencello da condición de foreiro coa de [[vasalo]], de modo que en moitos foros medievais se estipulaba o deber de "fazer foro et vasalía". Regulaba, pois, non só as relacións coa terra, senón tamén as sociais establecidas entre os señores e os vasalos. Moitas das obrigas propias do réxime señorial, dende os traballos agrarios (vendimas, seituras, mallas...) ata as hospedaxes do señor e o pago da [[loitosa]], debían cumprilas os foreiros na súa condición dupla de vasalos "boos et obedentes". En realidade, reunía en si mesmo as características propias dun contrato de natureza romana (temporalidade, renda, reversión da leira ó dominio directo...) e xermánica ou manifestamente feudal (vasalaxe, servizos persoais, loitosa, etc.).
 
== Contrato territorial ==
A natureza do foro medieval experimentou unha dobre muda nos primeiros séculos da época moderna. Por unha banda, consolidouse como forma de cesión da terra, nun tempo no que na [[coroa de Castela]] se fora impoñendo ó abandono das cesións a longo prazo, os chamados fetosines. No canto de devalar, o foro volveuse máis vizoso. Pola outra, cambiaron as condicións do contrato, sobre todo no referente ás obrigas de carácter vasalático que arrastraba dende os tempos medievais. As dúas mudanzas poden ser explicadas en virtude das transformacións sociais que tiveron lugar nos séculos XVI e XVII. O resultado xeral do proceso foi que o foro se converteu nun contrato agrario de base territorial e perdeu progresivamente a súa condición señorial ou xurisdicional.
 
Grazas a esta complicada relación existente entre os diversos grupos sociais con intereses agrarios e á penetración progresiva do dereito común establecido pola xurisprudencia da Real Audiencia, o foro galego camiñou directamente cara á súa contractualización. De estar baseado nunha dependencia persoal foi pasando cara a un dereito real, con fundamento ou base territorial, cunha duración certa (3 vidas de reis e 29 anos máis) e unha renda sabida e fixa en especie, con algún engadido en diñeiro. Esta foi a imaxe que foi adquirindo o réxime foral na Galicia dos séculos modernos. Pero ficaba en pé o problema da súa temporalidade. Isto abriu un magno conflito a mediados do [[século XVIII]], que marcou a situación do foro ata a súa fase final.
 
=== Temporalidade perpetua ===
En [[1863]], cando se levantou a polémica sobre unha posible lei de redención dos foros, o xurista [[Fermín de Muro]] cuñou a idea de que o foro galego vivía nunha contradición evidente. Constituía claramente un contrato agrario de carácter temporal, con data certa de extinción por moi alongada no tempo que estivese estipulada. Pero tamén era tradición xurídica asentada o feito de que non se podía producir a reversión do dominio útil, isto é, que non era viable o desafiuzamento dos foreiros nin dominios útiles a favor dos dominios directos e perceptores das rendas forais. Esta situación foi o resultado dun proceso histórico que comezou coa provisión de [[1763]] e que proseguiu en boa parte da lexislación que as reformas liberais produciron en materia agraria, dende as grandes medidas da abolición dos señoríos e da desamortización, como nas disposicións concretas sobre os censos e os foros, ata a codificación civil e o propio Código civil de [[1889]]. Todas estas medidas tiveron que enfrontarse con esta temporalidade perpetua, que non se rompeu ata a lexislación redencionista definitiva de [[1926]]. Os pasos seguidos neste proceso foron varios.
 
Durante o proceso revolucionario aberto en [[1808]] produciuse un segundo paso na perpetuación de facto do foro. No decreto abolicionista de [[1811]] non se mencionaban de forma explícita as rendas forais, o que permitía entender que se consideraban como expresión de contratos establecidos entre particulares e, polo tanto, exentos de todo perigo abolicionista. Aínda que houbo litixios ben ruidosos nesta época, nos que os veciños de diversas comarcas alegaron que as rendas forais procedían do exercicio da xurisdición dos señores, as sentenzas xudiciais foron sistematicamente favorables ós perceptores de rendas. Logo, na [[Desamortización|lexislación desamortizadora]] da época de Mendizábal, as rendas forais consideráronse como bens nacionais susceptibles de venda en poxa pública, limitando no posible a súa eliminación mediante o procedemento da redención. A reforma liberal reforzou a posición do foro, que mesmo se utilizou para converter as percepcións evidentemente xurisdicionais (pagos de cuartos e quintos) en pensións asimiladas a rendas forais, como amosou o coñecido preito da [[casa de Alba]] cos veciños de [[Iñás, Oleiros|Iñás]], [[Dexo, Oleiros|Dexo]] e [[Serantes, Oleiros|Serantes]] ([[Oleiros]]), en [[1857]]. Con todo, no curso da codificación civil, a lexislación liberal tratou de darlle unha solución á cuestión foral, resolvendo a vella contradición da súa temporalidade perpetua. Comezaba así a fase final do foro, que se alongaría ata o século XX.
 
== Demorada desaparición ==
Aínda que o proxecto do Código civil de [[1851]] non chegou a aprobarse, a lexislación sucesiva en materia de propiedade territorial (principalmente, a Lei hipotecaria de 1861) foi modificando a natureza do foro. Dende os anos 60 do [[século XIX]] apareceu unha tendencia doutrinal e política que pretendía darlles unha solución definitiva ós daquela denominados foros de Galicia e Asturias. Isto abriu un debate en torno ó foro que tivo como primeira expresión o proxecto de lei de redención dos foros elaborado polo deputado galego [[Justo Pelayo Cuesta]] en [[1864]]. Tratouse dunha aposta a favor dunha solución redentora que, non obstante, se topou cunha forte resistencia da sociedade galega, como amosaron os debates que tiveron lugar no Congreso Agrícola Gallego, desenvolvido en Santiago de Compostela no verán daquel ano. O resultado máis rechamante das discusións do congreso foi xustamente o de manter o statu quo na cuestión foral. Dado que non era posible unha solución de carácter reversionista (favorable ós dominios directos), evitouse a saída do redencionismo.
 
393.002

edicións