Basílica de Nosa Señora do Pilar de Zaragoza: Diferenzas entre revisións

Co-catedral e basílica menor da Igrexa Católica Romana de Zaragoza, España
Contido eliminado Contido engadido
Imxavitooh (conversa | contribucións)
tradución e adaptación da wikipedia en castelán
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 17 de xaneiro de 2015 ás 12:34

Coordenadas: 41°39′24″N 0°52′42″O / 41.65657735, -0.87836981

A Catedral-Basílica de Nosa Señora do Pilar de Zaragoza é un importante templo barroco situado na cidade de Zaragoza, en Aragón, xunto ao río Ebro.

Vista do conxunto
A Basílica do Pilar xunto ao río Ebro.

Segundo a tradición, trátase do primeiro templo mariano da Cristiandade, posto que nel se conserva e venera o piar -en realidade, unha columna de xaspe- que foi posto pola Virxe María quen, vivindo aínda en Xerusalén, se tería aparecido en carne mortal ao apóstolo Santiago o 2 de xaneiro do ano 40. Documentalmente non hai probas do consignado na tradición, cuxos pormenores datan de 1297 (nunha bula do papa Bonifacio VIII) e 1299 (nunha declaración dos Xurados de Zaragoza), onde por primeira vez se testemuña a advocación de «Santa María do Pilar», tras emprender en 1293 o bispo Hugo de Mataplana unha rehabilitación do edificio que ameazaba ruína, grazas ás doazóns propiciadas pola mencionada bula papal.

A historia documentada do templo remóntase ao século IX, cando segundo a Historia do traslado de San Vicente de Aimoino, se testemuña a existencia dunha igrexa mozárabe en Saraqusta dedicada a Santa María no mesmo lugar no que actualmente se encontra a basílica barroca. En torno a este templo articulábase unha das comunidades de cristiáns da cidade.

Arquitectonicamente, o templo articúlase en tres naves, de igual altura, cubertas con bóvedas de canón, nas que se intercalan cúpulas e bóvedas de prato, que descansan sobre robustos piares. O exterior é de ladrillo, seguindo a tradición de construción en ladrillo aragonesa, e o interior revogado en estuco. A nave central áchase dividida pola presenza do altar maior baixo a cúpula central. O altar está presidido polo gran retablo maior da Asunción, pertencente á Igrexa anterior, realizado polo escultor Damián Forment no século XVI, seguindo os modelos impostos do retablo gótico da veciña catedral zaragozana do Salvador (A Seo). Baixo as outras dúas cúpulas elípticas da nave central, dispúxose a Santa Capela da Virxe do Pilar, e o coro e órgano, que tamén procedían da igrexa gótica predecesora. Actualmente encóntranse desprazados ao tramo dos pés do templo, para dotar de maior espazo os fieis que ocupan a nave dende o altar maior.

O Pilar ostenta o rango de catedral dende a Bula de Unión de 1676, compartindo dende entón a sede do arcebispo de Zaragoza coa veciña catedral do Salvador. En 1948, o Papa Pío XII concedeulle o título de Basílica. É ademais dende 2007, un dos 12 Tesouros de España.

Galería de imaxes

Véxase tamén

Ligazóns externas