Conversa:Manuel García Blanco: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Observacións encol dos contidos deste artigo.
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 2 de maio de 2014 ás 21:10

Levo un tempo refacendo este artigo e constantemente, a carón de modificacións oportunas realizadas por outros usuarios, atopo modificacións das que non acho xustificación (a miúde, meras opcións alternativas a unha redacción gramaticalmente correcta, non poucas veces perdendo algún pequeno dato no proceso); nin tan sequera, tales diletantes da corrección editorial se poñen en contacto comigo pra xustificalas. Cando si se puxeron en comunicación comigo alegando a necesidade dalgunha referencia, achegueina.

En calquera caso, quixera aclarar que como bisneto do persoeiro referenciado nesta entrada, a quen cheguei a coñecer directamente na infancia, e de quen sempre tiven información permanente por parte de toda a súa/miña familia, constitúo unha fonte primaria de información encol del; isto é, de meirande autoridade que a propia Wikipedia/Galipedia (é dicir, que calquera dos seus redactores), como esta propia enciclopedia advirte na súa normativa ao incidir en que ela propia non constitúe referencia ou fonte primaria da información que contén.

Por outra banda, esta miña cualidade de fonte primaria, que partillo cos meus familiares, ten sido académicamente recoñecida na recente publicación Consideracións sobre a decadencia e a rehabililtación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco da Revista Galega de Filoloxía, Monografía 7 (A Coruña 2012), editada pola Universidade da Coruña, na cal se nos cita en varios lugares, precisamente, como fontes primarias da información desta publicación universitaria.

Ligazóns á publicación: http://www.une.es/Ent/Products/ProductDetail.aspx?ID=151454 http://www.agapea.com/libros/Consideracions-sobre-a-decadencia-e-a-rehabilitacion-da-lingua-galega-homenaxe-a-Manuel-Garcia-Blanco-9788497495271-i.htm http://www.amazon.es/Consideraci%C3%B3ns-decadencia-rehabilitaci%C3%B3n-Monograf%C3%ADas-Filolox%C3%ADa/dp/8497495276

Ligazón ao texto completo: http://illa.udc.es/rgf/pdf/mon_7.pdf, onde se me recoñece o carácter como fonte primaria de información.

Dada a proliferación de estudos que sobre Manuel García Blanco se veñen producindo co gallo do centenario da súa obra Consideraciones sobre la decadencia y rehabililtación de la lengua gallega, que procederon á investigación, ordenamento e sistematización da información encol da súa vida e obra, tirándo á luz asemade gran parte dos seus escritos orixinais, teño intención de seguir aportando informacións pertinentes encol del na Galipedia segundo o tempo mo vaia permitindo, xa que á esta revalorización da súa obra corresponde a multiplicación dos estudos centrados nela, que aportan novos datos e enfoques.

En canto á inclusión e redacción de contidos pola miña banda, sempre sometidos a obxectiva revisión crítica, informo de que podo ser considerado enciclopedista a un nivel -digamos- profesional, xa que fixen parte do primeiro equipo redactor da Enciclopedia Galega Universal, editada por Ir Indo Edicións en 16 tomos e máis de 200.000 entradas durante os primeiros anos da década do 2000, en calidade de coordinador e redactor da súa Área de Ciencias Sociais e Humanidades (que, entre outros moitos contidos, abranguía as biografías de persoeiros), e como tal aparezo tamén citado no primeiro volume desta obra. A miña contribiución a esa enciclopedia realizouse unha vez superada a selección de candidatos e mediante contrato laboral. Indico con isto que non son un afeccionado nestes labores editoriais enciclopédicos, nin no relativo á selección de contidos nin no referente á súa redacción. Xa que logo, a miña aptitude nestas capacidades contan co aval dun recoñecemento e experiencia profesional, que coido me fan digno dunha mínima consideración das miñas contribucións por parte de quen as revise.

Por todo o antedito, se algún colaborador na Galipedia considera calquera obxección crítica, obxectivamente xustificada, aos textos que eu engada, tanto no referente á inclusión e redacción de contidos coma ao seu axeitamento ás normas editoriais desta obra, prego que denantes de perpetrar trocos significativos ou eliminar información, teña a ben poñerse en contacto comigo por este mesmo medio (nesta páxina de "Conversa", por exemplo, xa que non estou dado de alta como colaborador) ou no meu enderezo electrónico (mamuradolo@gmail.com) pra ver de mellorar entre todos as contribucións en prol da calidade da Galipedia.

Un saúdo.

Volver á páxina "Manuel García Blanco".