Panfilia: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Servando2 (conversa | contribucións)
Nova páxina: '''Panfilia''' foi unha rexión da costa suroeste de Asia Menor, ao leste de Licia. Limitaba con Licia (ao oeste), Psidia (ao norte), Cilicia (ao leste) e o [[mar Medit...
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 9 de xaneiro de 2007 ás 18:19

Panfilia foi unha rexión da costa suroeste de Asia Menor, ao leste de Licia. Limitaba con Licia (ao oeste), Psidia (ao norte), Cilicia (ao leste) e o mar Mediterráneo (ao sur). A zona da costa formaba un golfo coñecido como Pamphylius Sinus ou Pamphylium Mare. Tiña unha costa extensa pero cara ao interior non se prolongaba demasiado, pero os romanos a veces consideraron a Panfilia incluíndo Psidia.

Panfilia non foi provincia romana ata a división de Constantíno I o Grande no século IV, e antes formou parte da provincia chamada Licia e Panfilia con fronteira entre ambas rexións nos montes Clímax e fronteira con Cilicia no río Melas, pero os límites non eran moi estritos xa que Olbia e Perge, ao leste dos montes Clímax, serían consideradas a miúdo como parte de Licia e, en cambio, Perge, alén do río Melas, sempre foi considerada cidade de Panfilia.

O país era en xeral montañoso polas estibacións das montes do Tauro que se achegaban ata a mesma costa. O promontorio principal da costa era o Leucotheum ou Leucolla.

Os ríos principais eran o Catarrhactes, o Cestrus, o Eurímedón e o Melas, todos navegábeis. Había un lago, chamado Capria, entre o Cestro e o Eurímedón.

A súa lingua presentaba influencias gregas. As súas moedas tamén mostran unha forte influencia artística grega. Os seus deuses eran os deuses gregos, especialmente Zeus, Artemisa e Dioniso.

As principais cidades serían Lirnas ou Lirnessos, Ténedos, Olbia, Córico, Aspendo, Perge, Silion, Side, Cibira e Ptolemais.

Segundo Plinio o país chamouse antes Mopsopsia, de Mopso, o xefe dun grupo de gregos que se estableceron alí despois da guerra de Troia.

Sometido o país por Persia, os panfilios serían un pobo pouco importante que só aportou 30 barcos á guerra contra Atenas ao comezo do século -V. (os licios aportaron 50 e os cilicios 100). Sometidos facilmente a Alexandre o Grande, á súa morte quedaron no poder de Antígono e, despois do -301 dos seléucidas. Despois da paz de Apamea pasou a Roma (-188) e a rexión foi incorporada ao reino de Pérgamo co que pasou a Roma o -133, formando parte da provincia de Asia. Os panfilios participaron a miúdo nas piraterías dos seus veciños cilicios e os seus portos serían unha especie de refuxio de seguridade para os cilicios. Cando se creou a provincia de Cilicia foi incluída nela, pero retornou a Asia o -43; o -31 foi incorporada a Galacia e o ano 70 creouse unha provincia que se chamou Licia e Panfilia, da que formou parte. Baixo Constantíno I o Grande, antes do 325, a provincia dividiuse nas de Licia e de Panfilia.

As colonias gregas de Aspendo e Side ficaron como estados independentes en alianza con Persia, e despois con Macedonia e cos seléucidas, e serían cidades libres baixo os romanos ata o tempo de Vespasiano.