José María Chao Rodríguez: Diferenzas entre revisións

farmacéutico e político galego
Contido eliminado Contido engadido
Xas (conversa | contribucións)
Nova páxina: "'''José María Chao Rodríguez''', nado en Lebosende (Leiro) o 30 de marzo de 1790 e finado en Vigo o 1 de novembro de 1858, foi un f..."
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 18 de novembro de 2012 ás 15:02

José María Chao Rodríguez, nado en Lebosende (Leiro) o 30 de marzo de 1790 e finado en Vigo o 1 de novembro de 1858, foi un farmacéutico e político galego.

Traxectoria

Fillo dunha familia de labregos ricos, estudou no colexio de Farmacia de Santiago de Compostela. Durante a invasión francesa alistouse no Batallón Literario. Participou en varias accións e ingresou como voluntario no Exército, servindo como practicante de farmacia ata 1814. Rematada a guerra, acabou os seus estudios de farmacia e estableceuse en Ribadavia, onde iniciou a actividade política antiabsolutista. Contribuíu a que Galicia fose das primeiras en proclamar o establecemento da Constitución e durante a etapa constitucional (1820-1823) participou, como miliciano nacional voluntario en Ribadavia, en varias liortas cos absolutistas.

En 1826 abriu a súa farmacia en Vigo que se converteu nun centro de conspiración política polo que trala caída do réxime liberal, foi encarcerado ata 1829. Atribuíuselle o protagonismo do episodio do atentado ao Capitán Xeral Nazario Eguía, carlista e obsesionado cos liberais, moitos dos cales foran fusilados baixo o seu mandato. En 1829 perdeu unha man ao estalarlle un explosivo que contiña unha carta dirixida ao seu nome e que segundo todas as sospeitas só podía ter sido fabricada por un químico experto en explosivos, como era Chao, que unía aos seus coñecementos de química a experiencia adquirida na Guerra da Independencia.

Marchou a Santiago de Compostela onde foi nomeado socio da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Regresou a Vigo e, a finais de 1835, o gobernador de Pontevedra deulle unha comisión para realizar as fumigacións dos buques sospeitosos de ser focos de contaxio de enfermidades infecciosas. Nos anos seguintes sufriu prisión varias veces por cuestións políticas, o que lle supuxo graves problemas económicos.

A Xunta Gobernativa de Santiago de Compostela nomeouno boticario do Gran Hospital compostelán, e en 1843 a Xunta Central de Galicia designouno catedrático de Farmacia Experimental do colexio de Farmacia que se pretendía reabrir na Universidade. En 1850, o Ministerio nomeouno profesor de química e historia natural da Escola do Porto de Vigo.

Tivo unha destacada actuación na epidemia de cólera morbo que padeceu a provincia de Pontevedra arredor en 1854, polo que recibiu o recoñecemento da Xunta de Sanidade. Por este motivo publicou Específico contra el cólera (1854), na que expón os síntomas do cólera e o emprego dun medicamento co que obtivo beneficiosos resultados entre a poboación afectada. A preocupación polo tema sanitario, manifestada tamén nas denuncias contra a violación das disposicións sanitarias e as irregularidades que se cometían no lazareto da illa de San Simón, fixo que en 1858 a Xunta provincial de Sanidade lle confiase a dirección facultativa do botiquín que debía establecerse neste lazareto e a subministración das fumigacións.

Pai de Eduardo Chao Fernández.

Obras

Véxase tamén

Ligazóns externas