Disco celeste de Nebra: Diferenzas entre revisións

Contido eliminado Contido engadido
Hugo22 (conversa | contribucións)
Nova páxina: "{| style="float:right" |[[Ficheiro:Nebra-1.jpg|thumb|200px|'''Estado orixinal:''' á esquerda a lúa chea, á dereita o cuarto crecente, na parte de arriba, entre as lúas, atópans..."
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 2 de xullo de 2009 ás 11:28

O disco celeste de Nebra é, ata o presente ano, a representación máis antiga que se coñece da bóveda celeste e dos fenómenos astronómicos. Trátase dun achádego arqueolóxico descuberto no ano 1999 no monte Mittelberg, preto de Nebra (estado de Saxonia-Anhalt, Alemaña). É unha praca de bronce, case redonda, que pesa preto de 2 kg e ten aproximadamente un diámetro de 32 cm. Pertence a unha cultura de fai 3.600 anos cuxos coñecementos en astronomía proviñan de Babilonia, grazas ás relacións comerciais que mantivo esta civilización con Europa. Os expertos din que representa o firmamento, con representacións de elementos abstractos.

Estado orixinal: á esquerda a lúa chea, á dereita o cuarto crecente, na parte de arriba, entre as lúas, atópanse as Pléiades (Todas as representacións están simplificadas)
Segundo estado: complétase cos arcos do horizonte para a saída do sol e o Solpor. Estrelas individuais foron desprazadas ou cubertas
Terceiro estado: completada coa barca solar
Estado actual: o arco do horizonte da esquerda xa faltaba cando se agochou o disco, os buracos do bordo xa existían. Os danos na parte superior esquerda e na lúa chea foron causadas por mor dos excavadores
Solsticio de verán: apuntando do monte Mittelberg ao monte Brocken axústase o disco. Amósase o Solpor
Comezo do outono e da primavera: vista da posta do Sol no equinoccio. O monte Brocken está neste momento a 41° á dereita do Sol.
Solsticio de inverno: a posta do Sol alcanza o seu punto máis ao sur. O monte Brocken está a 82° á dereita do Sol.

Historia do descubrimento

No verán de 1999 os señores Harry W. e Mario R. dedicábanse a buscar municións e armas militares no bosque de Ziegelroda (a parte forestal do monte Mittelberg, de 252 metros de altura), coa axuda de detectores de metais. Foi así como bateron, sen sospeitar a súa importancia, cos restos dalgunha civilización prehistórica que máis tarde dataríanse en 1.600 anos adC. Os achádegos foron os seguintes: Un disco cravado verticalmente no chan, canda dúas espadas, dúas machetas, uns brazaletes e un escoplo; todo iso rodeado por grandes pedras que protexían o depósito. Tralo achádego non deron importancia ningunha ao disco, mais o resto vendérono no mercado negro por 31.000 marcos (16.000 euros do ano 2000).

Houbo un comprador, que o ofreceu aos museos de prehistoria de Berlín e Múnich os obxectos atopados. Foi entón cando o director do museo de Berlín, Wilfried Menghin recibiu unhas fotos nas que se vía o disco celeste bastante sucio e algunhas pezas máis. Por todo iso, o mercader anónimo pedía un millón de marcos alemáns. Menghin contestou que o propietario lexítimo do tesouro prehistórico era o patrimonio nacional e que xa que logo, debían dirixirse ao Museo de Prehistoria de Múnich. Logo desta conversa, o achado desapareceu por un tempo.

No ano 2002 outras persoas acoden a Menghin con propostas de venda, pero nesta ocasión o director do museo non quixo perder de novo a pista e acodiu ao Ministerio de Cultura de Saxonia-Anhalt que á súa vez dá parte do suceso á policía. Trala investigación policial lógrase poñer a salvo o disco celeste e unha das espadas. Máis tarde atoparon todo o demais tras un rexistro en casas particulares de Alemaña. En setembro dese mesmo ano, os implicados foron detidos e condeados a unha multa ou arresto menor. Foi neste intre cando os descubridores do tesouro fixeron unha confesión en regra, revelando o lugar e as circunstancias do achádego.

Lugar do descubrimento

O xacemento arqueolóxico atopouse, segundo confesión dos implicados, no bosque de Ziegelrodaer, no monte Mittelberg que está a 252 m de altitude e que domina sobre o río Unstrut. Este lugar atópase preto de Nebra (estado de Saxonia-Anhalt, Alemaña). Fixéronse análises químicas do chan que coincidiron cos feitos na terra que estaba adherida no disco celeste; deste xeito os arqueólogos puideron confirmar que os descubridores dixeran a verdade. O monte Mittelberg é tradicionalmente rico en xacementos arqueolóxicos de varias etapas da humanidade e ofrece un dos recintos europeos con maior densidade de soterramentos da Idade de bronce; calcúlanse uns 800 túmulos.

A partir dese intre, a oficina federal de Saxonia-Anhalt impulsou unha campaña para a excavación do lugar que obtivo moi bos resultados. Pescudouse que non se trataba de ningún soterramento senón dun depósito onde se abandoaron as pezas dentro dunha cista (vaso metálico con tapa que se empregaba pra gardar obxectos preciosos), sen ningunha orde. Este tipo de depósito adoita ser bastante común entre os homes da Idade do Bronce e coñécense bastantes exemplares. Crese que poidan ser ofrendas aos deuses.

Ao redor da cista había unha muralla circular e lisa, de 160 m de diámetro. Dous panos da preto rodeaban o espolón da montaña. O seu estudo amosou que fora ergueita un milenio logo da fabricación do disco, na Idade do Ferro, quizais no intre do depósito. Pescudouse tamén que non había pegadas de asentamento de ningún pobo e que o lugar non tiña sinal de ser unha fortificación. As conclusións finais foron que se trataba dun punto escollido para culto relixioso, polo seu extraordinario emprazamento e as súas relacións astronómicas.

Descrición do disco celeste

 
O disco celeste de Nebra, descuberto en Alemaña é unha das representacións máis antigas que se coñecen da bóveda celeste.[1]

Ten un diámetro de 31 por 32 cm e un grosor que medra dende o exterior ata o interior, desde 1,5 mm a 4,5 mm. Está arqueado e é lixeiramente cóncavo. Pesa 2050 g. Non se sabe cal era a súa cor orixinal pois ao cabo de 3.600 anos de estar soterrado adquiriu unha coloración verdosa por mor do revestimento do carbonato de cobre. Atopouse no chan, en posición vertical e co seu anverso orientado cara ao norte.

O estudo feito sobre o disco celeste atopado veu demostrar que non era exactamente o orixinario, senón que sobre este fixéronse unha serie de modificacións ao longo dos anos con arranxo aos coñecementos e quizais tamén ao seu uso. Puidéronse constatar ata 4 fases:

  • Incrustación dun disco solar, máis unha lúa crecente, máis 32 estrelas.
  • Incrustación de disco solar, máis lúa crecente, máis 30 estrelas, máis dous arcos no horizonte orientados leste-oeste.
  • Incrustación de 30 estrelas, máis lúa crecente, máis disco solar, máis unha nave entre os dous arcos do horizonte.
  • O mesmo disco que o anterior, coa variante das perforaciones do bordo. Son 38 taladros, realizados dende o anverso e distribuídos en espazos regulares, o que podería supoñer un intento de periodización. Pode verse moi ben no anverso o traballado levado a cabo pra facer os buracos. Estes taladros veñen demostrar que o uso do disco tamén sufriu diversas modificacións.

Os arcos do horizonte que foron engadidos e nalgún punto ata taparon algunhas estrelas das fases anteriores, son característicos da época do neolítico e puidéronse ver en bastantes xacementos arqueolóxicos. Amosan o coñecemento avanzado daquelas xentes no eido da astronomía. Un dos arcos representa a saída do sol e o outro ao Solpor. O angulo que abranguen, oitenta e dous grados, equivale ao angulo que forman o orto e o solpor solar entre o solsticio de inverno e o de verán na latitude no que foi atopado.

A barca solar (da que existen versións para o deus grego Helios ou pra o exipcio Ra) ten máis relación coa relixión que coa astronomía. Atópase como símbolo en toda Europa, en xacementos que corresponden á Idade do Bronce e adoita ser frecuente nas pinturas rupestres de Escandinavia. Está representada como un arco dourado e plumeado.

As estrelas tamén foron obxecto de estudo e de especulación. As Pléiades son visibles dende Centro Europa dende a Idade do bronce e aparecen citadas como tales estrelas nos calendarios de varias culturas en todo o mundo. Mais canda esta interpretación xurdiron controversias e opinións dispares. Os arqueoastrónomos saben que dende Centroeuropa e xa dende a Idade do Bronce podían verse tres grupos de estrelas: Pléiades, Pesebre e Delfín. Con arranxo a estes tres grupos, algúns astrónomos supuxeron que a constelación representada no disco debía atoparse preto da eclíptica, xa que logo queda descarta o Delfín; ais as outras dúas, Pléiades e Pesebre son suficientemente próximas á Eclíptica. O señor Wolfhard Schlosser, catedrático de Astronomía, decantouse pola interpretación das Pléiades, constelación que se sabe que, polo menos na Grecia arcaica, servía de marcador para a confección do calendario agrario. O tema de devandita interpretación baséase pois en suposicións e especulacións coas que moitos outros astrónomos e profesores non están de acordo. No que si están todos de acordo é en sinalar que o disco de Nebra é un obxecto precioso que debeu ter un gran valor decorativo e ritual.

As espadas

As espadas aparecidas xunto ao disco celeste son dunha gran calidade. As empuñaduras e as follas están traballadas con gran esmero e decoradas coa mesma técnica que o disco. O contraste de cores fai que o efecto decorativo sexa moi atractivo.


Referencias

  1. "Disco celeste de Nebra". Deutsche Welle 22.02.2006 (en español). 2006.  Parámetro descoñecido |dataaacceso= ignorado (suxírese |data-acceso=) (Axuda)

Véxase tamén


Ligazóns externas

Bibliografía

Declaracións feitas á revista Investigación y Ciencia (Prensa Científica) polos señores:

  • Harald Meller, arqueólogo do Land de Saxonia-Anhalt, director do museo de Prehistoria de Halle-Saale, coordinador, investigador e restaurador do disco celeste de Nebra.
  • Wolfhard Schlosser, catedrático de Astronomía da Universidade de Bochum no Ruhr. Estudioso dos coñecementos astronómicos na prehistoria.
  • María García Esperón. El Disco del Cielo (novela). México, 2006.
  • Arturo Ortega Blake. Nebra. Historia de los lectores de astros de la edad de bronce (novela). Grijalbo. México. 2008. (Finalista Premio Azorín de novela 2006).

Modelo:Link FA Modelo:Link FA

Modelo:Link FA