Pedro Tenorio, nado en Talavera de la Reina en 1328 e finado en Toledo o 18 de maio de 1399, foi un nobre e relixioso castelán medieval.

Pedro Tenorio
Nacemento1328
Lugar de nacementoTalavera de la Reina
Falecemento18 de maio de 1399
Lugar de falecementoToledo
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónsacerdote católico
editar datos en Wikidata ]
Escudo de Pedro Tenorio como arcebispo de Toledo.
Torreón de Tenorio, no Palacio Arzobispal de Alcalá de Henares (Madrid).

Traxectoria editar

Era descendente de Diego Alonso Tenorio, nobre galego, señor de Tenorio, instalado en Toledo tras sérenlle concedidas terras na zona por Afonso X, logo de campañas militares polo sur da Península Ibérica. A súa familia tiña fortes intereses económicos na zona de Talavera, onde exercían como auténticos oligarcas.

Iniciou a súa carreira eclesiástica como arquediano en Toro, obtendo máis tarde unha prebenda en Zamora para pertencer ao cabido, que lle reportou estabilidade. Mantívose xunto aos Trastámara durante a primeira guerra civil castelá, o que o levou ao exilio en Francia e Italia. Aproveitou este tempo para ampliar a súa formación, chegando a dar clases de Dereito Canónico en Roma e consolidando a súa posición na Igrexa católica.

Regresou a Castela e participou na batalla de Nájera (1367) onde faleceu o seu irmán e el foi capturado, sendo liberado sete meses despois.

En 1371 foi nomeado bispo da diocese de Coímbra. Durante as loitas na corte castelá, e en contra do parecer de Henrique II, o Papa Gregorio XI nomeouno arcebispo da arquidiocese de Toledo. Nos primeiros anos iniciou unha ampla reforma dos tribunais eclesiásticos, até que Xoán I o integrou no Consello Real, onde adquiriu gran notoriedade política.

A partir dese momento elaborou unha gran reforma monástica, participou na guerra contra Portugal, que declarara Fernando I de Portugal, e foi unha peza importante na posición de Castela dentro do cisma de Occidente, aliñándose cunha posición canonicamente impecable a carón do Papa Urbano[1]. A crise que padeceu o reino coa morte de Xoán I converteuno en peza clave para a chegada de Henrique III, aínda que como membro do Consello de Rexencia chegou a ser encarcerado na conspiración de varios relixiosos e nobres para facilitar a invasión de Portugal. En 1393, liberado, retomou o seu papel protagonista na Corte, falecendo seis anos despois.

O seu labor na diocese de Toledo e, en xeral, na cidade, fíxose notar na súa gran capacidade construtora, especialmente na catedral e na Ponte do Arcebispo, denominada así na súa honra, coñecida actualmente como Ponte de San Martín.

Notas editar

  1. Álvarez Palenzuela, V. A.: El cisma de Occidente. Ediciones Rialp (Madrid), 1982. P. 82.
Predecesor:
Gómez Manrique
Arcebispo de Toledo
13771399
Sucesor:
Pedro de Luna

Véxase tamén editar

Bibliografía editar