Simeón I de Bulgaria

Simeón I, chamado Simeón o Grande (en búlgaro: Симеон I Велики, Simeon I Veliki, antigo búlgaro: Сѷмєѡнъ А҃ Вєликъ), nado en 864 ou 865 e finado en Preslav o 27 de maio de 927, foi un tsar (emperador) do Primeiro Imperio búlgaro (925-927) e un soberano guerreiro que fixo da súa corte un centro cultural. Educado en Constantinopla, Simeón sucedeu ao seu pai, Boris I, en 893 despois do breve reinado do seu disoluto irmán máis vello, Vladimir.

Infotaula de personaSimeón I de Bulgaria

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(bg) Цар Симео̀н I Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 864 Editar o valor em Wikidata
Pliska (Primeiro Imperio Búlgaro) Editar o valor em Wikidata
Morte27 de maio de 927 Editar o valor em Wikidata (62/63 anos)
Preslav (Primeiro Imperio Búlgaro) Editar o valor em Wikidata
Causa da morteInsuficiencia cardíaca Editar o valor em Wikidata
Khan (título)
Emperador
Tsar de Bulgaria
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePrimeiro Imperio Búlgaro Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPolítico Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmonarca Editar o valor em Wikidata
LinguaAntigo eslavo eclesiástico e Grego medieval (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Outro
TítuloTsar Editar o valor em Wikidata
FamiliaKrum's dynasty (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeMaría Sursuvul (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosIvan (en) Traducir, Boyan The Magician (en) Traducir, Pedro I da Bulgária (pt) Traducir, Miguel da Bulgária (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisBoris I de Bulgaria Editar o valor em Wikidata  e Maria (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsVladimir da Bulgária (pt) Traducir, Ana (pt) Traducir, Eupráxia (pt) Traducir, Jacó (pt) Traducir e Gabriel (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

A súa ambición dominante, que foi ascender ao trono imperial de Bizancio, unha aspiración compartida así mesmo por moitos tsares búlgaros posteriores, conduciu a Simeón a embarcarse en moitas guerras co Imperio bizantino (894, 896, 913, 917, 923). Nunca conseguiu tomar Constantinopla, a pesar de que estivo varias veces á súa mercede, mais tomou para el o título de «tsar de todos os búlgaros» (925) e tamén declarou o Arcebispado autónomo búlgaro como autocéfalo e elevouno á categoría de Patriarcado. Nos Balcáns, estendeu o poder de Bulgaria sobre o sur de Macedonia, o sur de Albania, e Serbia, que se converteron nos seus vasalos;[1] pero o dominio búlgaro ao norte do Danubio perdeuse probablemente durante o seu reinado. Simeón casou dúas veces e deixou catro fillos, dos cales o máis vello do seu segundo matrimonio, Pedro I, o sucedeu.

Primeiros anos e ascenso ao trono editar

Simeón naceu en 864 ou 865, como o terceiro fillo do kniaz (príncipe) Boris I, quen pertencía á dinastía Krum.[2] Debido a que o seu pai cristianizara Bulgaria en 865, Simeón naceu e permaneceu cristián durante toda a súa vida.[3] Nomeando o seu fillo máis vello, Vladimir, como o seu herdeiro natural ao trono búlgaro, Boris quería que o seu fillo máis novo se convertese nun clérigo de alto rango, posiblemente en arcebispo de Bulgaria, e, con este obxectivo, enviouno con trece anos á Universidade de Constantinopla para que recibise unha educación teolóxica.[4][5] Adoptou o nome de Simeón durante o seu noviciado nun mosteiro da capital imperial.[nota 1][3] Na década seguinte (ca. 878-888), recibiu unha excelente educación e estudou a retórica de Demóstenes e Aristóteles.[7][nota 2] Tamén aprendeu a falar fluidamente o grego ata o punto de ser chamado «medio grego» nas crónicas bizantinas.[9] Especúlase que puido estar baixo a tutela do patriarca, Focio, algo que non é posible comprobar en ningunha fonte coñecida.[10]

Arredor de 888, volveu a Bulgaria e estableceuse no acabado de fundar mosteiro real de Preslav «na desembocadura do Tiča»,[nota 3] onde, baixo a supervisión de Naum de Preslav, se dedicou á tradución de importantes obras relixiosas do grego ao antigo eslavo eclesiástico (búlgaro antigo) xunto con outros estudantes de Constantinopla.[3][12] Mentres tanto, Vladimir ascendeu ao trono despois de que o seu pai Boris se retirase a un mosteiro.[13] O novo gobernante intentou reintroducir o tengrianismo no imperio e é posible que tamén asinase un pacto contra os bizantinos con Arnulfo de Carintia, o que obrigou a Boris a saír do seu retiro.[14] Simeón recibiu o trono despois que o seu pai depuxese a Vladimir e ordenase que fose encarcerado e cegado.[15][16] A súa ascensión foi confirmada nunha asemblea en Preslav que tamén proclamou o búlgaro como a única lingua oficial do estado e da igrexa e trasladou a capital de Pliska a Preslav para consolidar a conversión do país ao cristianismo.[17][3] Descoñécese por que Boris non colocou o seu segundo fillo, Gabriel, no trono en vez do seu terceiro fillo.[2]

Guerra comercial contra o Imperio bizantino e invasións maxiares editar

Con Simeón no trono, a longa paz cos bizantinos asinada polo seu pai estaba a piques de acabar.[13] Un conflito xurdiu cando o emperador León VI o Sabio, supostamente actuando baixo a presión da súa amante Zoe Zautzina e do seu pai, Estiliano Zautzes, trasladou o monopolio comercial búlgaro de Constantinopla a Tesalónica, onde os comerciantes búlgaros estaban obrigados a pagar pesados impostos.[18] Os comerciantes pediron a axuda do monarca búlgaro, quen reclamou a León mais foi completamente ignorado.[19][20]

 
Bulgaria a principios do reinado de Simeón I.

No outono de 894, Simeón invadiu o Imperio bizantino dende o norte e atopou pouca resistencia debido a que as tropas bizantinas estaban concentradas en Anatolia oriental para conter as invasións árabes.[21][22] Informado da ofensiva búlgara, o sorprendido León enviou un exército composto de gardas e outras unidades militares que conseguiu xuntar na capital para detela, pero foi completamente destruído nalgunha parte do thema de Macedonia.[23] Os búlgaros apresaron a maior parte dos gardas, que eran mercenarios xazaros e mataron moitos arcontes, incluído un xeneral. Con todo, tiveron que retirarse apresuradamente para facer fronte a unha invasión dos maxiares no norte de Bulgaria.[24] Estes sucesos foron posteriormente chamados «a primeira guerra comercial na Europa medieval» polos historiadores búlgaros.[23]

Incapaz de responder de forma efectiva á campaña búlgara por causa do posicionamento das súas tropas, os bizantinos convenceron os maxiares para que atacasen Bulgaria prometéndolles a axuda da súa armada para cruzar o Danubio.[25] Tamén puido ser que León VI asinase un acordo con Arnulfo para asegurar que os francos non apoiasen a Simeón contra os maxiares.[26] Ademais diso, o xeneral Nicéforo Focas foi chamado de volta do sur de Italia para dirixir outro exército en 895 coa intención de intimidar os búlgaros.[27] Simeón, sen saber da ameaza do norte, foi ao encontro das forzas de Focas, mais os dous exércitos non chegaron a enfrontarse.[28] En lugar diso, os bizantinos ofreceron unha paz, informando o monarca búlgaro sobre os ataques por terra e por mar bizantinos, mais sen mencionar o planeado ataque maxiar.[29] Simeón, sospeitando, arrestou o emisario bizantino e ordenou que a ruta empregada pola armada bizantina para chegar ao Danubio fose bloqueada con cordas e cadeas ata que puidese facer fronte ás forzas de Nicéforo Focas.[30]

A pesar dos problemas provocados por este bloqueo, os bizantinos finalmente conseguiron axudar os maxiares, liderados polo fillo de Árpád, Liüntika, no seu cruzamento polo Danubio, probablemente nalgún lugar preto da moderna cidade de Galaţi, e axudáronos a saquear as terras búlgaras.[nota 4][32] Ao descubrir a invasión, Simeón marchou cara ao norte deixando algunhas tropas no sur para evitar un posible ataque por parte de Focas. Os dous encontros que tivo co inimigo no norte de Dobruja resultaron vitorias maxiares e viuse obrigado a retirarse a Drastar.[33][27] Despois de saquear a maior parte de Bulgaria e chegar ás portas de Preslav, os maxiares regresaron a casa, mais non antes de que Simeón concluíse un armisticio con Bizancio no verán de 895.[34][27] A paz aínda tería que agardar, pois León VI quería que os prisioneiros bizantinos da guerra comercial fosen liberados.[35]

Campaña contra os maxiares e novas guerras contra os bizantinos editar

 
O exército de Simeón I derrota os bizantinos comandados por Procopio Crenites e Curtacio o Armenio en Macedonia. Gravado do Madrid Skylitzes.

Despois de lidar coa presión dos maxiares e dos bizantinos, Simeón estaba agora libre para formular unha campaña de represalia contra os maxiares.[36] Negociou a creación dunha forza conxunta cos veciños orientais dos maxiares, os pechenegos, e aprisionou o enviado bizantino León Querosfactes para atrasar a liberación dos prisioneiros ata despois da campaña, o que lle permitiría negociar a paz en mellores condicións.[37] Nun intercambio de correspondencia co enviado, o monarca rexeitou liberar os prisioneiros e ridiculizou as habilidades astrolóxicas de León VI.[38]

Empregando a invasión maxiar nas terras eslavas veciñas en 896 como casus belli, finalmente marchou contra os maxiares xunto cos seus novos aliados pechenegos ese mesmo ano, derrotándoos completamente na batalla do Buh meridional.[39] Os maxiares víronse forzados a abandonar Etelköz para sempre e trasladáronse a Panonia.[40] Despois desta vitoria, Simeón finalmente puxo en liberdade os prisioneiros bizantinos a cambio dos búlgaros capturados en 895.[5]

 
Os búlgaros derrotan os bizantinos en Bulgarófigo en 896. Gravado do Madrid Skylitzes.

Alegando que non todos os prisioneiros foran postos en liberdade, Simeón invadiu novamente o Imperio bizantino no verán de 896 e marchou directamente cara a Constantinopla.[41] Na Tracia bizantina, tivo que enfrontar un exército bizantino reunido apresuradamente, mais aniquilouno na batalla de Bulgarófigo (preto da actual Babaeski, Turquía).[42] Armando prisioneiros árabes e enviándoos a combater contra os búlgaros como unha medida desesperada, León VI conseguiu repelelos de Constantinopla, xa que estaban sitiándoa.[43] A guerra rematou cun tratado a paz que durou ata a morte de León VI en 912 e cuxos termos forzaban a Bizancio a pagar un tributo anual aos búlgaros.[44][45] O tratado tamén obrigaba os bizantinos a ceder a área entre o mar Negro e Istranca ao Imperio búlgaro.[46] Durante este período, Simeón tamén conseguiu impoñer a súa autoridade sobre Serbia e, á súa vez, recoñeceu a Pedro Gojniković como príncipe.[47]

Porén, o monarca búlgaro frecuentemente violaba os termos do tratado, atacando e conquistando territorios bizantinos en diversas ocasións, como en 904, cando o xeneral bizantino renegado León de Trípoli e os seus árabes aproveitaron a confusión provocada polas incursións búlgaras para lanzar unha campaña marítima e atacar Tesalónica.[48][49][50] Despois de que os árabes saqueasen a cidade, Tesalónica convertérase nun albo fácil non só para Bulgaria, senón tamén para os veciños eslavos.[51] Para disuadir a Simeón de capturar a cidade e poboala con eslavos, León VI viuse obrigado a facer novas concesións territoriais aos búlgaros na rexión de Macedonia: todas as terras habitadas polos eslavos alí e en Albania foron cedidas aos búlgaros e a fronteira foi trazada a só 20 km de Tesalónica.[52][53][nota 5]

Recoñecemento como emperador editar

 
O Imperio de Simeón o Grande.

Á morte de León VI o 11 de maio de 912 e a ascensión do seu pequeno fillo Constantino VII baixo a tutela do seu tío Alexandre, que expulsou a Zoe Karbonopsina, nai do menor e cuarta esposa de León, do palacio, constituíu unha grande oportunidade para Simeón de intentar outra campaña contra Constantinopla.[55] Na primavera de 913, os seus emisarios que chegaran á capital para renovar a paz de 896 foron expulsados por Alexandre, quen se negou a pagar o tributo anual e lle advirtiu que se preparase para a guerra.[56][57] Antes de que Simeón puidese atacar, Alexandre faleceu (6 de xuño de 913), deixando o imperio en mans dunha rexencia encabezada polo patriarca de Constantinopla Nicolao I o Místico.[57][58] Moitos residentes de Constantinopla non recoñeceron o mozo emperador e en cambio apoiaron o pretendente Constantino Ducas, que, exacerbados polas revoltas no sur de Italia e a planeada invasión árabe en Anatolia oriental, unicamente favorecían a Simeón.[59] Nicolao tratou de disuadir a Simeón da súa planeada invasión nunha longa serie de cartas, mais o monarca búlgaro atacou cun grande exército en xullo ou agosto de 913, chegando ás portas de Constantinopla sen enfrontar resistencia e sitiándoa novamente.[60]

Non obstante, a anarquía en Constantinopla cesara despois do asasinato do pretendente Constantino Ducas, e formárase un goberno co patriarca Nicolao á cabeza.[61] Isto instou o búlgaro a levantar o seu asedio e entrar en negociacións de paz, para alegría dos bizantinos.[61] As prolongadas negociacións deron como resultado o pagamento dos tributos atrasados, a promesa de que Constantino VII se casaría cunha das fillas de Simeón e, máis importante, o recoñecemento oficial do monarca búlgaro como emperador polo patriarca Nicolao no palacio de Blanquerna.[62][63]

Pouco despois da visita de Simeón a Constantinopla, a nai de Constantino, Zoe, regresou á corte ante a insistencia do mozo emperador e inmediatamente comezou a eliminar os rexentes.[64] A través dun complot, conseguiu asumir o poder en febreiro de 914 practicamente quitando a Nicolao do goberno e comezou a rexeitar e ocultar o recoñecemento do título imperial búlgaro.[65] Ademais, tamén cancelou o planeado matrimonio do seu fillo coa filla do emperador búlgaro.[66] Simeón invadiu Tracia novamente no verán de 914 e capturou Adrianópolis.[67][68] Zoe apresurouse a enviar numerosos presentes para intentar reconciliarse e conseguiu convencelo de devolver a cidade e retirarse.[68] Nos anos seguintes, as forzas búlgaras continuaron a actuar nas provincias bizantinas ao noroeste, preto de Dirraquio e Tesalónica, mais non houbo unha nova campaña contra Constantinopla.[69]

Vitorias en Aqueloo e Katasyrtai editar

 
A vitoria búlgara en Anquialo, Madrid Skylitzes.

En 917, Simeón estaba a prepararse para outra guerra contra o Imperio bizantino. Intentou crear unha alianza cos pechenegos, mais os seus emisarios non conseguían competir cos recursos financeiros dos bizantinos, que armaron unha gran campaña contra Bulgaria.[70] Mesmo intentaron convencer o príncipe serbio Pedro Gojniković de participar no ataque co apoio dos maxiares.[71]

Nese mesmo ano, un poderoso exército bizantino dirixido por León Focas o Vello, fillo de Nicéforo Focas, invadiu Bulgaria nun ataque coordinado coa armada bizantina comandada por Romano Lecapeno.[72] De camiño a Mesembria, onde debían atoparse cos reforzos que estaban a ser transportados pola armada, as forzas de Focas acamparon preto do río Aqueloo, non moi lonxe do porto de Anquialo.[73][74] Cando se decatou da invasión, o tsar marchou inmediatamente para interceptar os bizantinos e atacou dende os outeiros próximos, tomándoos por sorpresa.[75] A batalla de Aqueloo, librada o 20 de agosto, foi unha das máis grandes da historia medieval e rematou nunha decisiva vitoria búlgara.[75] Aínda que Focas conseguira escapar cara a Mesembria, a maior parte dos seus comandantes morreran.[76][77][78] Décadas despois, León o Diácono, escribiu que «moreas de ósos aínda se podían ver ata o día de hoxe no río Aqueloo, onde un exército bizantino foi destruído de forma infame».[79]

 
Mapa dos movementos na batalla de Aqueloo ou Anquialo.

O planeado ataque dos pechenegos polo norte tamén fracasou debido a que discutiron co almirante Lecapeno e terminou negándose a transportalos a través do Danubio.[73] Os maxiares e os serbios tampouco entraron na guerra: os primeiros estaban ocupados cos seus aliados francos en Europa Occidental e os serbios mostrábanse reticentes porque Miguel de Zahumlia, un aliado de Bulgaria, avisara a Simeón do plan.[80]

O exército búlgaro continuou a facer campaña despois da vitoria en Aqueloo e axiña conseguiu outra vitoria.[81] A forza búlgara enviada para perseguir o que quedara das forzas bizantinas aproximouse a Constantinopla e enfrontouse novamente con León Focas, quen conseguira volver ao territorio bizantino preto do lugar de Katasyrtai, nas aforas da capital.[82] As forzas búlgaras atacaron novamente e lograron derrotar os bizantinos, destruíndo as súas últimas unidades antes de regresar a Bulgaria.[83]

Sublevación serbia e campañas finais contra os bizantinos editar

Pouco despois da campaña, Simeón volveuse contra o príncipe serbio Pedro Gojniković por intentar aliarse cos bizantinos.[40] O tsar enviou un exército liderado por dous dos seus comandantes, Teodoro Sigritsa e Marmais a Serbia.[84] Os dous conseguiron convencer a Pedro de participar persoalmente nunha reunión na que foi capturado e enviado a Bulgaria, onde morreu nun alxube.[85] Simeón colocou a Pablo Branović, que estaba exiliado en Bulgaria, no trono de Serbia, recuperando así o control da rexión por un tempo.[86]

Mentres tanto, os fracasos militares bizantinos provocaron un novo cambio de goberno en Constantinopla: o almirante Romano Lecapeno substituíu a Zoe como rexente do pequeno Constantino VII en 919, forzándoa a entrar nun convento.[87][88] Romano obrigou o mozo a casa coa súa filla, Helena, e proclamouse coemperador en decembro de 920, asumindo o control do imperio e frustrando así novamente o plan do emperador búlgaro.[89]

Incapaz de tomar o trono bizantino por medios diplomáticos, o enfurecido emperador búlgaro novamente tivo que guerrear para impor a súa vontade. Entre 920 e 922, Bulgaria aumentou a presión sobre os bizantinos, facendo campaña no oeste a través de Tesalia ata chegar ao istmo de Corinto e no leste en Tracia ata alcanzar e cruzar os Dardanelos para pór sitio á cidade de Lámpsaco.[5] As forzas búlgaras apareceron ás portas de Constantinopla en 921 despois de que capturasen Adrianópolis novamente e esixisen a deposición de Romano.[90] O ano seguinte, despois da vitoria na batalla de Pegai, os búlgaros queimaron case todo o Corno de Ouro e capturaron Bizye.[91] Mentres tanto, os bizantinos intentaron incitar os serbios contra Simeón, pero o emperador búlgaro reaccionou primeiro e substituíu a Pablo por Zacarías Pribislavljević, que estaba refuxiado en Constantinopla antes de ser capturado.[92]

 
O emperador bizantino Romano I Lecapeno negociando con Simeón I de Bulgaria c. 922-924. Miniatura da crónica de Radziwiłł (século XV).
 
Simeón envía embaixadores aos fatimís, Madrid Skylitzes.

Desesperado por conquistar Constantinopla, Simeón deseñara unha gran campaña para 924 e enviou emisarios ao califa fatimí, Abdullah al-Mahdi Billah para tratar de empregar a súa poderosa armada no ataque.[93] O califa accedeu e enviou os seus propios emisarios aos búlgaros para acordar os detalles, pero os enviados foron capturados polos bizantinos en Calabria e Romano, para saber do plan, ofreceu a paz e xenerosos presentes aos árabes, arruinando a alianza do emperador búlgaro.[94]

En Serbia, Zacarías foi persuadido polos bizantinos a rebelarse e recibiu o apoio de moitos búlgaros insatisfeitos coas incesantes campañas de Simeón contra o Imperio bizantino.[95] O emperador búlgaro enviou as súas tropas, novamente baixo o mando de Sigritsa e Marmais, pero foron derrotadas e os dous comandantes, decapitados, obrigando a Simeón a un armisticio cos bizantinos para poder concentrarse na revolta.[96] Simeón enviou un novo exército, esta vez encabezado por Časlav Klonimirović, para depoñer a Zacarías, que fuxiu a Croacia.[97] Despois desta vitoria, a nobreza serbia foi convocada polo novo príncipe para que xurase lealdade á súa persoa e persoalmente a Bulgaria.[97] Porén, non apareceron. Todos os nobres foron arrestados e decapitados e Bulgaria anexionou directamente Serbia.[98]

No verán de 924, Simeón conseguiu novamente chegar a Constantinopla e esixiu reunirse co patriarca e o emperador.[99] Falou con Romano no Corno de Ouro o 9 de setembro e acordou unha tregua cuns termos que esixían o pagamento dun tributo anual polos bizantinos aos búlgaros. A cambio, o emperador búlgaro tería que devolver algunhas cidades na costa do mar Negro.[95] Durante a conversa, dise que dúas aguias foron vistas no ceo, primeiro xuntas e logo separadas, unha voando a Constantinopla e a outra a Tracia, que foi tomada como un signo de imposibilidade de reconciliación entre os dous emperadores.[99] Na súa descrición da reunión, Teófanes Continuatus menciona que «os dous emperadores... falaron», o que podería indicar que os bizantinos pasarían a recoñecer novamente as súas pretensións imperiais.[100]

Guerra contra Croacia e últimos anos editar

Probablemente despois (ou posiblemente na mesma época) da morte do patriarca Nicolao I o Místico en 925, Simeón elevou o status da Igrexa búlgara a un Patriarcado.[101] O acto puido estar relacionado cos contactos diplomáticos do emperador co papado entre 924 e 926 en que esixiu (e recibiu) de Xoán X o recoñecemento ao seu título de «emperador dos romanos», idéntico ao emperador bizantino, e, posiblemente, a confirmación da condición patriarcal do líder da Igrexa búlgara.[102]

En 926, as forzas do emperador búlgaro, comandadas por Alogobotur, invadiron Croacia, aliados cos bizantinos, mais foron completamente derrotados polo exército do rei Tomislav I de Croacia na batalla das Terras Altas de Bosnia.[40] Temendo unha represalia, Tomislav aceptou abandonar a súa alianza cos bizantinos e coa axuda do legado papal Madalberto, asinou unha paz baseada no status quo ante bellum.[103][104] Nos últimos meses da súa vida, Simeón estaba a preparar un novo asedio a Constantinopla a pesar dos desesperados chamamentos de paz por parte de Romano.[105]

O 27 de maio de 927, faleceu dun ataque cardíaco no seu palacio de Preslav. Os cronistas bizantinos relatan unha lenda segundo a cal o emperador búlgaro morreu ao mesmo tempo que Romano decapitou unha estatua de Simeón.[106][107]

Foi sucedido polo seu fillo Pedro, con Xurxo Sursuvul, o avó ou tío materno do neno, que serviu como rexente.[108] Como parte do tratado de paz que os búlgaros e os bizantinos firmaron en outubro de 927, e confirmado polo matrimonio de Pedro con María (Irene), unha neta de Romano, as fronteiras existentes foron confirmadas así como a dignidade imperial do gobernante búlgaro e o estado patriarcal da Igrexa de Bulgaria.[109]

Matrimonio e descendencia editar

Simeón casou dous veces. Coa súa primeira esposa, cuxa identidade é descoñecida, tivo un fillo chamado Miguel, que naceu antes de 913.[108] Foi excluído da sucesión en 927 e enviado a un mosteiro. Morreu en 931 despois de organizar unha revolta.[110]

Coa súa segunda esposa chamada María Sursuvul, a filla ou irmá do influente Xurxo Sursuvul, tivo tres fillos: Pedro, quen o sucedeu no trono en 927 e gobernou ata 969; Iván, quen se rebelou contra Pedro en 928 e fuxiu a Bizancio; e Benxamín ou Boyan,[111] que, segundo o historiador lombardo Liutprando de Cremona, «posuía o poder de transformarse en lobo ou noutro animal estraño».[112]

Simeón tamén tivo varias fillas, incluíndo unha que foi comprometida con Constantino VII en 913 e que, polo tanto, naceu antes diso. Este matrimonio foi anulado pola nai de Constantino, Zoe Karbonopsina, despois de que conseguise regresar á corte bizantina despois de que fose expulsada polo tío do rapaz, o emperador Alexandre.[113]

Legado editar

 
Ruínas da Igrexa Dourada ou Redonda, Preslav.

Durante o reinado de Simeón, Bulgaria alcanzou o seu apoxeo cultural, converténdose no centro literario e espiritual da Europa eslava.[114][5] Simeón continuou a política cultural de Boris, para consolidar e diseminar a cultura eslava; e de atraer académicos e escritores. Foi na escola literaria de Preslav e na escola literaria de Ohrid, ambas fundadas por Boris, que se concentrou a produción literaria búlgara do período.[115]

O período final do século IX e inicio do século X constituíu o máis antigo e máis produtivo da literatura medieval búlgara.[116] Tras pasar os seus primeiros anos en Constantinopla, Simeón introduciu a cultura bizantina na corte búlgara ao mesmo tempo que conseguía evitar a asimilación cultural a través do poderío militar e da autonomía relixiosa. Os discípulos de Cirilo e Metodio, entre eles Clemente de Ohrid, Naum e Constantino de Preslav, continuaron o seu traballo educativo en Bulgaria, traducindo diversos textos cristiáns, como a Biblia e as obras de Xoán Crisóstomo, Basilio de Cesárea, Cirilo de Alexandría, Gregorio Nacianceno, Atanasio de Alexandría, e tamén as crónicas históricas como as de Xoán Malalas e Xurxo Hamartolus, ao búlgaro.[117] O reinado de Simeón tamén foi testemuña da produción de diversos traballos teolóxicos e seculares orixinais, como os Seis Días (Šestodnev) de Xoán o Exarca, unha Oración Alfabética e a Proclamación do Santo Evanxeo de Constantino de Preslav e Un Relato sobre as Epístolas de Cernorizec Hrabar.[115] A contribución do propio Simeón a este florecemento literario foi eloxiada polos seus contemporáneos, como é o caso do «Eloxio ao tsar Simeón», preservado na colección Zlatostruj, e a «Colección de Simeón», cuxa adición foi escrita polo propio emperador.[115]

Simeón transformou a súa nova capital, Preslav, nun magnífico centro relixioso e cultural cun propósito que non era ser apenas unha fortaleza militar e a residencia do emperador, senón tamén unha demostración da evolución búlgara.[118] segundo o historiador Petǎr Delev, «coas súas máis de vinte igrexas en cruz con cúpula, diversos mosteiros, un impresionante palacio real e a magnífica Igrexa Dourada (ou Redonda), Preslav era unha verdadeira capital imperial».[5][116] O desenvolvemento da arte no período pode ser representado pola icona en cerámica de Teodoro Stratelates e nos azulexos pintados no estilo de Preslav.[119]

Simeón I na cultura popular editar

 
Simeón, a «Estrela da mañá da literatura eslava» (1923). Obra de Alfons Mucha. Praga, República Checa.

O tsar Simeón I é considerado unha das máis importantes e queridas figuras históricas búlgaras e ocupou o cuarto lugar como «o mellor búlgaro dos tiempos» no programa de televisión Velikite Balgari (unha serie derivada dos 100 Greatest Britons) en febreiro de 2007.[120] O último monarca búlgaro, Simeón de Saxonia-Coburgo-Gotha, foi bautizado na súa honra.[121] Nos últimos anos do dominio otomán, a popularidade de Simeón I creceu moito e era visto como un exemplo no período coñecido como o «Despertar nacional búlgaro».[122]

Unha marca fina de rakia (un licor moi popular nos Balcáns), Car Simeon Veliki, tamén leva o nome de Simeón e un pico na Antártida, na illa Livingston (parte das Illas Shetland do Sur) recibiu da Comisión Búlgara para os Topónimos Antárticos o nome de "Pico Simeón".[123][124]

Simeón o Grande tamén aparece regularmente en obras de ficción. O escritor búlgaro Ivan Vazov dedicoulle o poema patriótico para nenos «Car Simeon» que despois recibiu un arranxo musical, «Kraj Bosfora šum se vdiga» («Un clamor elévase polo Bósforo»).[125] Unha serie dramática de once episodios filmada en 1984, Zlatnijat vek (Idade de Ouro), relata a historia do reinado de Simeón, que foi interpretado por Marius Donkin.[126]

A pintura «O tsar Búlgaro Simeón» é parte dos 20 lenzos feitos por Alfons Mucha, A Épica Eslava.[127]

Notas editar

  1. A forma grega do nome hebreo שִׁמְעוֹן (Shim'on) que significa «escoitando» ou «oíndo».[6]
  2. «Hunc etenim Simeonem emiargon, id est semigrecum, esse aiebant, eo quod a puericia Bizantii Demostenis rhetoricam Aristotelisque sillogismos didicerit».[8]
  3. Este vocábulo non debe ser entendido literalmente, pois a boca do Tiča está localizada máis ao leste na costa do mar Negro. Os investigadores relacionan a palabra ustie («boca») nas fontes a unha sección estreita do río ou ao paso do Ustie, situado preto da cidade.[11]
  4. Segundo evidencias toponímicas.[31]
  5. No ano 6412 dende a creación do mundo, indición 7 (904). Fronteira entre bizantinos e búlgaros. No momento de Simeón, pola graza de Deus, Príncipe dos búlgaros, baixo o Olgu Tarjan Teodoro e baixo Komit Drista. Fronteira marcada na inscrición do Narǎš (actual Grecia).[54]

Referencias editar

  1. Castellan 1999, p. 37.
  2. 2,0 2,1 Zlatarski 1971, p. 280.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Fine 1991, p. 132.
  4. Jakobson 1985, p. 123.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Delev & et al. 2006.
  6. Campbell, Mike. Behinde the Name, ed. "Biblical Names". Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  7. Angelov 1980, p. 18.
  8. Дринов 1876, p. 374.
  9. Zlatarski 1971, p. 282.
  10. Zlatarski 1971, p. 281.
  11. Nikolova 2002, p. 88.
  12. Gi︠u︡zelev, Vasil (1988). Medieval Bulgaria, Byzantine Empire, Black Sea, Venice, Genoa. 
  13. 13,0 13,1 Ostrogorsky 1984, p. 258.
  14. Runciman 1930, p. 133.
  15. Zlatarski 1971, p. 283.
  16. Todt 1996, pp. 345-350.
  17. Crampton 2005, p. 16-17.
  18. Fine 1991, p. 130.
  19. Runciman 1930, p. 144-145.
  20. Kazhdan 1991, p. 2220.
  21. Zlatarski 1971, p. 289.
  22. Vasiliev 1902, p. 104; 108-111.
  23. 23,0 23,1 Canev 2006, p. 198.
  24. Zlatarski 1971, pp. 289-291.
  25. Runciman 1930, p. 145.
  26. Zlatarski 1971, pp. 294-295.
  27. 27,0 27,1 27,2 Runciman 1930, p. 146.
  28. Zlatarski 1971, p. 295.
  29. Андреев & Лалков 1996, p. 93.
  30. Zlatarski 1971, pp. 296-297.
  31. Kuun 1895, p. 23.
  32. Zlatarski 1971, p. 297.
  33. Zlatarski 1971, pp. 298-299.
  34. Canev 2006, p. 199.
  35. Zlatarski 1971, pp. 301-304.
  36. Zlatarski 1971, p. 304.
  37. Ostrogorsky 1984, p. 259.
  38. Zlatarski 1971, p. 304-311.
  39. Runciman 1930, p. 147.
  40. 40,0 40,1 40,2 Bakalov & Kumanov 2003.
  41. Zlatarski 1971, p. 315.
  42. Zlatarski 1971, p. 316.
  43. Zlatarski 1971, p. 317.
  44. Runciman 1930, p. 148.
  45. Fine 1991, p. 139.
  46. Zlatarski 1971, pp. 318-321.
  47. Fine 1991, p. 141.
  48. Zlatarski 1971, p. 321.
  49. Zlatarski 1971, p. 324.
  50. Ostrogorsky 1984, p. 260.
  51. Runciman 1930, p. 152.
  52. Zlatarski 1971, p. 334-337.
  53. Fine 1991, p. 140.
  54. Uspenskij 1898, pp. 184-194..
  55. Ostrogorsky 1984, p. 263.
  56. Zlatarski 1971, p. 352.
  57. 57,0 57,1 Runciman 1930, p. 155.
  58. Canev 2006, p. 212.
  59. Runciman 1930, p. 156.
  60. Zlatarski 1971, p. 353.
  61. 61,0 61,1 Zlatarski 1971, p. 359.
  62. Fine 1991, pp. 142-148.
  63. Ostrogorsky 1935, pp. 95-187.
  64. Loud 1978, pp. 109-120.
  65. Zlatarski 1971, pp. 367-368.
  66. Cavallero 2007, p. 17.
  67. Ostrogorsky 1984, p. 266.
  68. 68,0 68,1 Skylitzes & Wortley 2010, pp. 203-204.
  69. Runciman 1930, pp. 158-159.
  70. Runciman 1930, p. 159.
  71. Zlatarski 1971, pp. 375-376.
  72. Андреев & Лалков 1996, p. 99.
  73. 73,0 73,1 Runciman 1930, pp. 160-161.
  74. Zlatarski 1971, pp. 376-377.
  75. 75,0 75,1 Dimitrov 1994.
  76. Runciman 1988, pp. 54-56; 85.
  77. Treadgold 1997, pp. 474-475.
  78. Guilland 1967, p. 440.
  79. Canev 2006, p. 216.
  80. Zlatarski 1971, p. 370.
  81. Skylitzes & Wortley 2010, p. 199.
  82. De Boor 1888, p. 214.
  83. Zlatarski 1971, p. 382.
  84. Stephenson 2000, p. 26.
  85. Stephenson 2000, pp. 26-27.
  86. Zlatarski 1971, pp. 385-386.
  87. Kazhdan 1991, p. 1806.
  88. Runciman 1930, p. 163.
  89. Canev 2006, p. 217.
  90. Ostrogorsky 1984, p. 267.
  91. Skylitzes & Wortley 2010, p. 209.
  92. Runciman 1930, pp. 164-165.
  93. Андреев & Лалков 1996, p. 91.
  94. Runciman 1930, pp. 168-169.
  95. 95,0 95,1 Zlatarski 1971, pp. 446-447.
  96. Андреев & Лалков 1996, p. 101.
  97. 97,0 97,1 Божилов & Гюзелев 1999, p. 259.
  98. Fine 1991, p. 154.
  99. 99,0 99,1 Fine 1991, p. 153.
  100. Whittow 1996, p. 291.
  101. Fine 1991, p. 156.
  102. Mladjov 1999, pp. 173-181.
  103. Canev 2006, p. 225.
  104. Runciman 1930, p. 176.
  105. Zlatarski 1971, pp. 489-491.
  106. Runciman 1930, pp. 176-177.
  107. Canev 2006, pp. 226-227.
  108. 108,0 108,1 Fine 1991, p. 160.
  109. Fine 1991, p. 161.
  110. Fine 1991, p. 162.
  111. Drenikoff-Andhi 1975, p. 75.
  112. Fine 1991, p. 163.
  113. Fine 1991, p. 148.
  114. Hart 2004, p. 25.
  115. 115,0 115,1 115,2 Ivanova & Svetlina 1995, Тържество на Словото. Златният Век на Българската Книжнина.
  116. 116,0 116,1 Crampton 2007, p. 30.
  117. Dawson 1995, p. 109.
  118. Burrel i Floría 1996, p. 2051.
  119. "Risuvana keramika". Muzej Preslav. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2007. Consultado o 10-17-2015. 
  120. Velikite Bǎlgari (ed.). "Vasil Levski beše izbran za naj-velikija bǎlgarin na vsički vremena" (en búlgaro). Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2007. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  121. OMDA.bg (ed.). "Tsar Simeon II" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  122. Veneta Pavlova (ed.). "Simeón o Grande". Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  123. "Цар Симеон" (en búlgaro). Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  124. "COMPOSITE GAZETTEER OF ANTARCTICA" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2015. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  125. Novoto vreme (ed.). "Večnite pesni na Bǎlgarija" (en búlgaro). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  126. IMDb (ed.). ""Zlatniyat vek" (1984)". Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  127. Bozhkov 1994, p. 324.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar


Predecesor:
Vladimir
 Tsar de Bulgaria 
893-927
Sucesor:
Pedro I