Gaspar de Arce

arquitecto español

Gaspar de Arce Solórzano, tamén coñecido como Gaspar de Arce "o Vello", nado na Junta de Siete Villas, Trasmiera (na actual Cantabria) en 1538, e finado en Santiago de Compostela en 1603, foi un destacado arquitecto renacentista discípulo de Rodrigo Gil de Hontañón, que traballou principalmente en Galicia durante os reinados de Filipe II e Filipe III.

Gaspar de Arce
Nome completoGaspar de Arce Solórzano
Nacemento1538
Lugar de nacementoJunta de Siete Villas, Trasmiera, Reino de Castela
Falecemento1603
Lugar de falecementoSantiago de Compostela, Reino de Galicia
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónarquitecto
PaiPedro de Arce Solórzano
NaiMaría Hernández de Mazuelas
CónxuxeCatalina López de Gondar
FillosJuan de Arce Solórzano
María de Arce Solórzano
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

 
Torre Vella, ou das campás, da Catedral de Lugo, rematada por Gaspar de Arce

Nado en 1538, fillo do licenciado Pedro de Arce Solórzano e de María Hernández de Mazuelas, oriúndo da Junta de Siete Villas (Trasmiera, Cantabria) e descendente da Casa Solar e Torre de Solórzano, como se declara na probanza de hidalguía realizada na Real Chancelaría de Valladolid, Gaspar de Arce formouse en Valladolid nun ambiente achegado a Rodrigo Gil de Hontañón.[1]

Contra o ano 1563 pasou a Monforte de Lemos, traballando para os condes de Lemos na obra do Mosteiro de San Vicente do Pino. Nesta época casou con Catalina López de Gondar. En 1571 encóntrase en Lugo como Mestre Maior da catedral, onde trazou a reforma da torre das campás, ocupándose da obra.

En 1578 foi o mestre elixido polo arcebispo de Santiago de Compostela Francisco Blanco Salcedo para elaborar as trazas do |Hospital de San Roque, que o prelado fundara en Santiago de Compostela. En 1580 contratou a obra do patio e os corredores do hospital, cedéndolla a Gonzalo de la Bárcena e Juan del Cajigal. Ese mesmo ano interveu na obra do cárcere eclesiástico.

Desde 1578 até a súa morte, en 1603, Gaspar de Arce ocupou o cargo de Mestre Maior da Catedral de Santiago de Compostela. Nela, Gaspar de Arce móstrase contrario ás trazas dadas por Rodrigo Gil de Hontañón para a obra do claustro, propoñendo a supresión da torre que se tería que levantar nun dos ángulos, prefirindo unha esquina en redondo, formulación que finalmente sería desbotada, e culminou a realización da mesma.

Gaspar de Arce está considerado como un mestre de primeira liña que se dedicaba fundamentalmente a trazar obras nas que logo dirie a mestres do seu contorno para que as executen. O seu prestixio e fama posibilitáronlle a contratación de numerosas obras, a maior parte relixiosas, aínda que non faltan algunhas intervencións en obras civís tanto públicas como privadas.

En 1583 Gaspar de Arce contratou a restauración da casa do deán Baltasar López Gallo en Santiago de Compostela. Nos anos sucesivos documentárose numerosas intervencións do mestre trasmerano:

1584: obra de San Amaro en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro (Lugo);
1589: San Félix de Eirón en Negreira, (A Coruña), e trazou os planos da capela de Jácarre de Luaces na igrexa do Convento de San Francisco en Santiago;
1593: peritaxe sobre as murallas de Santiago;
1595: obra do Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago, da que é veedor;
1596: trazas, con Juan de la Sierra, para a igrexa do Mosteiro de Santa María de Montederramo, en Ourense;
1600: supervisión e dirección das obras do muro da praza da Quintana no Mosteiro de San Paio de Antealtares; 1601: proxecto de reedificación da capela maior e o coro de Santa Eulalia de Boiro en Noia; e, por último,
1603: reforma do coro da igrexa de San Pedro de Muros.[2]

Antonio Bonet Correa (1984) atribúelle tamén a traza da planta da Igrexa da Compañía de Santiago de Compostela.[3] Pero Ramón Otero Túñez rebateu tal atribución.[4]

Gaspar de Arce faleceu en 1603 en Santiago de Compostela. Deixou un fillo, o licenciado Juan de Arce Solórzano,[5] e unha filla, María de Arce, casada con Pedro Pérez Calderón de la Barca, fillo de Dorotea e sobriño do dramaturgo Pedro Calderón de la Barca, dos que descenden os Arce Calderón de la Barca galegos,[6] que non seguen a tradición paterna. Porén, seu sobriño Gaspar de Arce Solórzano, tamén coñecido como Gaspar de Arce "o Mozo", seguiu o oficio de seu tío. Durante anos existiu unha certa confusión entre a súa obra e a do primeiro, Gaspar de Arce "o vello", ao que acompañou durante toda a súa vida e co cal se formou.[7] É probábel que Gaspar de Arce "o mozo" entrara a traballar na catedral en 1578 e desde esa data até 1603 se formara no taller de seu tío. Ese ano, tras a morte de Gaspar de Arce "o Vello", foi admitido como aparellador da catedral até o seu falecemiento en 1618. En 1617 trazou a capela de San Xacinto na igrexa do Convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Galería editar

Notas editar

  1. Goy Diz, Ana. Juan de Herrera y su influencia: actas del simposio, Camargo, 14-17 jullo de 1992. Universidad de Cantabria. p. 147-165. Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  2. Dúo Ramila, Diana (2011). "Espacio, Tiempo y Forma Serie VII, Historia del Arte, t. 24, 2011". En UNED. Maestros canteros de Trasmiera en Galicia (siglo XVI). pp. 81–100. Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  3. Bonet Correa, A. (1984): La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas, p. 98.
  4. Otero Túñez, R. (1986): El "Legado" artístico de la Compañía de Jesús a la Universidad de Santiago. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela, p. 24.
  5. Pode tratarse do autor de Tragedías de amor, e preceptor do VII Conde de Lemos. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, na súa obra Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos (1576-1622) (Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1997) sinala que Arce Solórzano é galego e preceptor do Conde de Lemos (pp. 101 e 145). Pola súa parte, Isabel Enciso (2007) fai constar que o VII Conde de Lemos «criouse e educouse baixo a supervisión de aios e mestres no ambiente íntimo da residencia de Monforte e tamén cursou estudos cos xesuítas. A educación en Palacio estivo a cargo do seu preceptor, Juan de Arce Solórzano, autor de Tragedias de amor» (p. 51). No Fondo da Real Audiencia do Reino de Galicia do Arquivo Xeral de Galicia encóntrase un preito que situaría a Juan de Arce Solórzano como demandado nunha causa sobre bens en Monforte de Lemos herdados de seu pai Gaspar de Arce: Benito Álvarez co licenciado Juan de Arce Solórzano, sobre reivindicación duna casa e outros bens en Monforte de Lemos (xaneiro de 1612): ES.GA.15030.ARG/1.1.1.2.3.1.2.13.//Caixa 23920-2 Fondo da Real Audiencia do Reino de Galicia.
  6. Luis Guitián. "Calderón de la Barca e as Terras de Lemos". Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  7. Goy Diz, Ana (1992). "Los trasmeranos en Galicia: la familia de los Arce". Juan de Herrera y su influencia: actas del simposio, Camargo, 14-17 xullo 1992. p. 149. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar