Batalla de Winwaed

A Batalla de Winwaed (en galés: Maes Gai, en latín Strages Gai Campi[1]) librouse o 15 de novembro de 655 (ou 654) entre os reis Penda de Mercia e Oswiu de Northumbria, obtendo a derrota e morte de Penda.

Historia editar

O choque foi un dos máis importantes entre os primeiros reinos anglosaxóns do norte e do sur de Gran Bretaña, pero coñécense poucos detalles. Os dous exércitos enfrontáronse nas marxes dun río chamado "Winwaed", pero este río nunca foi identificado a pesar do feito de que, posibelmente, fose un afluente do río Humber [2].

As raíces da batalla pódense atopar no crecente poder de Penda en Inglaterra despois de varias vitorias militares sobre o anteriormente dominante reino de Northumbria. Aliados con Cadwallon ap Cadfan do Reino de Gwynedd, derrotou e matou a Edwin de Northumbria en Hatfield en 633, e máis tarde tamén derrotou e matou a Oswald de Bernicia na Batalla de Maserfield en 642. Esta batalla marcou o final da supremacía do reino de Northumbria e nos anos que se seguiron Penda estaba centrado na súa campaña contra Bernicia, chegando a sitiar Bamburgh.

Batalla editar

Penda, despois de reunir os seus aliados de Anglia oriental e do país de Gales, marchou cara ao norte, levando unha forza de trinta señores da guerra.[3] Oswiu, irmán de Oswald e o rei de Bernicia, a parte norte de Northumbria, foi asediado por Penda nun lugar chamado Urbs Iudeu e levou o fillo de Oswiu, Egfrid como refén. Ao parecer Oswiu estaba o suficientemente desesperado como para ofrecer grandes tesouros a Penda a cambio da paz. Segundo Beda, a oferta foi rexeitada por Penda, que estaba determinado a destruír a Oswiu. Pero a Historia Brittonum contradi a Beda, dicindo que Penda aceptou e distribuíu o tesouro entre os seus aliados británicos. Se aceptarmos esta versión, os eventos posteriores poden interpretarse entendendo que Penda e o seu exército estaban volvendo a casa, cando foron emboscados preto do río Winwaed. Arguméntase que Penda e o seu exército estarían nunha posición estratéxica difícil de defender durante a súa retirada, dando a Oswiu unha oportunidade para atacar demasiado boa como para deixala escapar.

É case seguro que o pequeno exército de Oswiu estaba inicialmente en desvantaxe numericamente fronte ao de Mercia, pero Penda sufriu as desercións dos seus aliados. Segundo a Historia Brittonum, Cadafael ap Cynfeddw de Gwynedd abandonouno e Beda di que Aethelwald de Deira se retirou da batalla para esperar o resultado desede un lugar seguro. Penda foi totalmente derrotado, e tanto el como Ethelhere, rei de Anglia Oriental, foron mortos, xunto con preto de trinta outros duces regii. A batalla disputouse na lama das marxes do río despois dunhas choivas, moi pesados e Beda di que "moitos máis foron afogados, no canto de destruídos pola espada". Beda menciona que a Penda lle cortaron a cabeza. No século XII, Henry de Huntingdon amplía a versión de Beda para incluír unha intervención sobrenatural e observou que Penda, ao morrer violentamente no campo de batalla, veu a sufrir o mesmo destino que tiña inflixido aos demais durante o seu violento reinado[4].

Os eventos posteriores editar

A batalla foi decisiva para establecer as posicións de poder de Northumbria e Mercia. Northumbria recuperou o poder perdido tras a batalla de Maserfield e Mercia foi derrotada e dividida, quedando o norte so o poder de Oswiu e o sur baixo o poder do fillo de Penda, Peada, rei cristián, casado cunha princesa de Bernicia e que sería asasinado en 656.

A batalla marcou tamén o final do paganismo anglosaxón. Penda continuara fiel ao paganismo tradicional, malia a conversión doutros monarcas anglosaxóns. Pero despois da súa morte, todos os reis que gobernarán (incluíndo os seus fillos Peada, Wulfhere e Æthelred) foron cristiáns.

Notas editar

  1. Annales Cambriae [B], p. 8.
  2. Anglo-Saxon West Yorkshire:The historical background Arquivado 28 de xullo de 2011 en Wayback Machine., West Yorkshire Joint Services
  3. duces regnii XXX, qui ad auxilium uenerant Beda, libro III, cap. 24.
  4. Venerabilis Baedae Historia ecclesiastica gentis Anglorum, ed.