Escudo dos Estados Federados de Micronesia
O escudo dos Estados Federados de Micronesia é un selo de forma circular, e figura nel unha palmeira sobre un illote representado esquematicamente de cor marrón. A palmeira e o illote están situados sobre un fondo de cor azul escura que simboliza o océano Pacífico. Sobre o océano aparecen representados, de cor azul clara, o ceo e a bandeira da Federación coas súas catro estrelas brancas, de cinco puntas cada unha, que simbolizan os catro grupos de illas que se uniron para formar os Estados Federados de Micronesia.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b5/Seal_of_the_Federated_States_of_Micronesia.svg/300px-Seal_of_the_Federated_States_of_Micronesia.svg.png)
Baixo a palmeira, nunha fita de cor branca, pode lerse o lema nacional, “Peace, Unity, Liberty” (“Paz, Unidade, Liberdade”). Debaixo da fita figura o número 1979, ano no que catro dos distritos do Territorio Fiduciario ratificaron unha nova Constitución para converterse nos Estados Federados da Micronesia.
O fondo de cor azul (claro e escuro) está rodeado por un bordo de cor branca, limitado na súa parte exterior por unha trama de cor azul. Neste bordo aparece escrita a lenda: “Government of the Federated States of Micronesia” (“Goberno dos Estados Federados de Micronesia”).