O escudo do Bierzo foi aprobado nunha sesión do Consello Comarcal do Bierzo (León) celebrada o 14 de abril do ano 2000, como elemento integrado na bandeira desta comarca.

Escudo do Bierzo
Detalles
ArmigerConsello Comarcal
Adoptado14 de abril do ano 2000
CristaCoroa real
EscudoDe goles, unha cruz grega de ouro, cun alfa e un omega do mesmo pendentes do seu traveseiro, que é a Cruz de Peñalba; bordadura composta de oito cadrados, de prata cargados dunha folla de vide de sinople, e de azur cargados de dous martelos de ouro postos en sautor

Heráldica editar

Posúe a seguinte descrición heráldica ou brasón:

"De goles, unha cruz grega de ouro, cun alfa e un omega do mesmo pendentes do seu traveseiro, que é a Cruz de Peñalba; bordadura composta de oito cadrados, de prata cargados dunha folla de vide de sinople, e de azur cargados de dous martelos de ouro postos en sautor. Ao timbre, coroa real, forrada de goles, cerrada, que é un círculo de ouro, engastallado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de pérolas que converxen nun orbe azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro".

O elemento máis importante do escudo é a Cruz de Peñalba, símbolo do Bierzo, representada de ouro (amarelo ou dourado heráldico) nun campo de goles (fondo vermello). Enmarcando o campo de goles figura unha bordadura composta. As bordaduras son as pezas honorables que rodean o interior dos escudos por todos os seus lados. Os cadrados que a campoñen teñen os esmaltes alternados e cobren o fondo de calquera peza ou moble dun brasón. O bordo do escudo do Bierzo conta con oito compoñentes: catro de prata (cor branca ou gris), nos cales figura unha folla de vide de sinople (cor verde) como símbolo da agricultura berciana, e catro de azur (cor azul), con dous martelos postos en sautor (colocados en forma de aspa) representando a minaría.

No timbre do escudo aparece representada a coroa real de España, cerrada con oito diademas, cinco á vista.

O escudo aparece situado no centro da bandeira do Bierzo. O deseño do escudo, como o da bandeira, foi obxecto de polémicas arredor do deseño e o custo. Presentouse unha variante como alternativa que contaba con dúas vieiras en cadrados centrais dos laterais, simbolizando o percorrido do Camiño de Santiago que cruza o Bierzo de leste a oeste. Esta alternativa tamén presentaba pequenas diferenzas na cor e a coroa.[1]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar