Escudo de Santiago de Compostela

Escudo da cidade de Santiago de Compostela

O escudo da cidade de Santiago de Compostela atópase regulado na actualidade polo artigo 3º do Título 1º, da Lei do 24 de xuño de 2002, do Estatuto de Capitalidade da cidade de Santiago de Compostela, publicada no Boletín do Parlamento de Galicia número 150 da VI Lexislatura.

A súa descrición heráldica ou brasonamento é á seguir:

Nun escudo partido, no primeiro, as armas de Galicia: de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada banda e unha no centro do xefe; no segundo, de azur, unha nube de prata sumada da urna do sepulcro do Apóstolo Santiago, surmontada dunha estrela de oito puntas de ouro.

O timbre, Coroa Real aberta, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composta de oito floróns de follas de acanto, visíbeis cinco, interpoladas de perlas. A corona forrada de goles.

Acoeirada a Cruz de Santiago que é unha cruz flordeliseada e co pé fixado de goles.[1]

O escudo de Santiago de Compostela conta con dos divisións verticais. Na heráldica, cando un brasón posúe este tipo de división recibe o nome de partido .

Na primeira partición, figuran as armas de Galicia, que foron as do antigo Reino de Galiza, e que se compoñen do emblema heráldico asociado á Eucaristía ou o santo graal: un cáliz de cor amarela ou dourada (brasonado de ouro) e unha hostia de cor branca (de prata). A Eucaristía atópase arrodeada (acompañada) de sete cruces da mesma cor, tres a cada banda e outra sobre eles, situada na parte superior do campo do escudo (no centro do xefe).

Escudo tradicionalmente atribuído a Santiago de Compostela, antes da súa regulación.

Na segunda división figuran os emblemas propios da cidade, a cor do campo (esmalte heráldico) é o utilizado nas armas galegas, azul (brasonado de azur). O elemento central é a urna do sepulcro do Apóstolo Santiago, representada sobre unha nube e situada so dunha estrela de oito puntas de cor amarela ou dourada. O sepulcro e maila estrela aluden á tradición medieval que narra o descubrimento dos restos do Apóstolo por un ermitán chamado Paio grazas a unhas luces nocturnas que ollou na fraga de Libredón.

No artigo que regula o escudo de Santiago de Compostela establécese que no timbre apareza representada unha coroa real aberta, como a que utilizaron os Reis Católicos. As coroas reais antigas ou abertas (sen diademas, orbe nin cruz) foron utilizadas até o século XVI mais o seu uso mantívose na heráldica de moitas poboacións e provincias españolas.

Tralo escudo (acoeirada) figura a Cruz de Santiago, o emblema máis coñecido asociado á figura do Apóstolo e un dos máis utilizados en Galicia.

  1. Cita do artigo: "… o escudo de Santiago de Compostela está conformado por dous cuarteis, o dereito coas armas de Galicia, cáliz con Sagrada Hostia con sete cruces periféricas; e o esquerdo co sepulcro do Apóstolo en mármore branco, con forma de arqueta sobre nubes, e no alto unha estrela de ouro radiante; sobre o escudo, a coroa dos Reis Católicos, por detrás, a Cruz Espada de Santiago..." Titulo I, artigo 3, Lei do Estatuto da Capitalidade da cidade de Santiago de Compostela.

Bibliografía

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar