Escola de Mégara

A escola de Mégara (ou escola megárica) foi unha escola de pensamento filosófico socrático fundada en Mégara por Euclides de Mégara no século -V e que durou ata aproximadamente o -300[1]. Os que seguían as súas doutrinas foron chamados megáricos, logo disputantes e máis tarde dialécticos[2].

Euclides foi un dos socráticos máis novos que asistiu ao seu mestre no momento da súa morte. Antes de ser discípulo e amigo de Sócrates, en Atenas, estudara a obra de Parménides. Os megáricos fusionaron as ideas de Sócrates coas da escola eleática, diferenciándose en que non aceptan o principio de analoxía nin ningún concepto de tipo "semellante", que non é nin "é" nin "non é". Así, afirmaban que a bondade existe mentres que o mal nin sequera existe, é dicir, é como unha sombra que se funde na nada. Un exemplo deste pensamento podería ser un político: se lle interesa o ben dos cidadáns e a prosperidade económica, buscará o ben; pero se só busca o seu propio interese económico, buscará o mal.

Destacaron no traballo sobre o paradoxo e a lóxica proposicional, e son exemplos o paradoxo do mentireiro de Eubúlides de Mileto e o argumento dominante de Diodoro Cronos, tamén coñecido como argumento soberano, de importancia no estoicismo.

Esta filosofía de "só existe o ben mentres o mal é fundamentalmente irreal" tivo certa influencia tanto en Platón como en Plotino e Agostiño, por exemplo; en certo modo, esta influencia é visíbel, aínda que se debe principalmente a Sócrates e Parménides.

  1. "Escola de Mégara". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  2. Megàrics Diccionari enciclopèdic de filosofia (en catalán)