Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

centro universitario na Coruña

Coordenadas: 43°19′38″N 08°24′34″O / 43.32722, -8.40944

Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

Escola Técnica Superior de Arquitectura da UdC
Universidade: Universidade da Coruña
Localización: A Coruña
Campus: A Zapateira
Enderezo: Rúa Alejandro de la Sota 1. 15071
Ano de fundación: 17 de agosto de 1973
Decano: Xosé Manuel Casabella López (2005- )
Docentes:
Estudantes: 2079 (2006-2007)
Teléfono: 981167000
Correo electrónico:
Páxina web: https://etsa.udc.es/web/

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA), tamén chamada Escola Técnica Superior de Arquitectura Pedro Barrié de la Maza (en honra do empresario Pedro Barrié de la Maza), é a escola de arquitectura da Universidade da Coruña e a única operativa en Galicia. O centro está situado no Campus da Zapateira (A Coruña). Prepara e expide o título de arquitecto, así como doutorados e diversos masters de posgrao.

Ten dous edificios, de construción contemporánea, destinados a aulario e espazo de servizos e a edificio de departamentos, respectivamente.

Historia editar

En 1968 a Fundación Pedro Barrié de la Maza, creada en 1966 co impulso do propio empresario inicia as xestións ante o ministerio de Educación de España para a creación dunha escola técnica superior de arquitectura e dunha escola universitaria de arquitectura técnica na Coruña. Tres anos despois, en 1971, falece o empresario e a Fundación convértese na súa herdeira universal. A Fundación contrata un equipo norteamericano, dirixido por Raymond Caravaty, director do Center for Architectural Research do Instituto Politécnico Rensselaer de Troy, Nova York, para que faga a planificación educativa. Traballarán cos arquitectos Rodolfo Ucha Donate, Juan Castañón e Xosé María Laguna que proxectarán o edificio.[1].

Paralelamente, o recentemente creado (1973) Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que ten como decano a Andrés Fernández-Albalat Lois, impulsou a creación dunha escola privada de arquitectura en Santiago de Compostela[2]. Pero ese mesmo ano, o 17 de agosto, o xeneral Francisco Franco asina no pazo de Meirás o decreto polo que se crea na Coruña unha escola técnica superior de arquitectura. Nace adscrita á Universidade de Santiago de Compostela, a única que existe en Galicia nese intre[3].

O primeiro curso académico iníciase o 4 de novembro de 1975. O primeiro claustro estaba formado por José Antonio Franco Taboada (Xeometría descritiva), José Luis Mosquera Suárez (Álxebra lineal), Xosé Manuel Casabella López (Debuxo arquitectónico), Carlos Fernández-Gago e Jesús Arsenio Díaz García(Análise de formas), Javier Padín Vaamonde (Cálculo infinitesimal, e Carlos Losada Varela (Física)[2]. En 1979 amplíase de cinco a seis anos o plan de estudos[4] e ao ano seguinte, en 1980 entra en funcionamento o edificio actual. O outro dos edificios actualmente en funcionamento, o dedicado a departamentos, comezouse a construír en 1994 e rematouse en 1996[5].

En 1989, coa creación da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo por medio da Lei 11/1989, de 20 de xullo, de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia[6], a escola pasa a formar parte da universidade coruñesa.

En 1991 a Fundación Barrié entregoulle á Universidade da Coruña os edificios da ETSA e da EUAT[7]. En 1995 volveuse producir unha mudanza no plan de estudos, neste caso para estruturalo en créditos. En 2005, na III Enquisa Opina a Estudantes de Arquitectura da Fundación Caixa de Arquitectos obtén a valoración máis baixa de todas as escolas de Arquitectura de España en distintas cuestións relacionadas coa docencia: programa de estudos (5,46), capacidade do profesorado (4,80) e dedicación do profesorado (2,69), todas elas sobre 10[8].

Estrutura editar

Na actualidade ten adscritos os seguintes departamentos: Composición, Construcións arquitectónicas, Proxectos arquitectónicos e urbanismo, Representación e teoría arquitectónica e Tecnoloxía da construción. Tamén imparte docencia nela o departamento de Métodos matemáticos e de representación.

O plan de estudos en vigor estao dende 1995, e conta cun total de 444 créditos repartidos en cinco cursos de 90 créditos cada un, a excepción do quinto, que ten unha carga de 84. Cada crédito equivale a dez horas lectivas[9]. Ademais, a escola ofrece dous títulos de mestrado: Urbanismo: plans e proxectos. Do territorio á cidade (2 anos de duración), e Rehabilitación Arquitectónica (1 ano).

Directores editar

 
A Coruña vista dende a Escola Técnica Superior de Arquitectura, ó fondo no centro a Torre de Hércules e á dereita as tres torres do Palacio Municipal de María Pita.

O equipo de goberno actual está formado polo director, Xosé Manuel Casabella López, os subdirectores Cristina García Fontán e Plácido Lizancos Mora, o xefe de estudos Cristóbal Crespo González e o secretario Juan Manuel Doce Porto.

Biblioteca editar

É unha das bibliotecas de arquitectura máis importantes de España[Cómpre referencia] e a primeira da Universidade da Coruña en número de empréstimos. Está situada no primeiro andar da Escola, e ocupa uns 900 metros cadrados

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar