Neoproterozoico

(Redirección desde «Era neoproterozoica»)
Eón[1] Era Millóns de anos
Fanerozoico   542,0 ±1,0
Proterozoico Neoproterozoico 1.000
Mesoproterozoico 1.600
Paleoproterozoico 2.500
Arcaico   3.800
Hadeico ca. 4.570

O neoproterozoico, unha división da escala temporal xeolóxica, foi a última era xeolóxica das tres que compoñen o eón Proterozoico. Comezou hai 1 000 millóns de anos e terminou hai 542,0 ±1,0 millóns de anos.[2][3] A nomenclatura para denominar este período foi un tanto inestábel. A glaciación máis extensa coñecida no rexistro xeolóxico produciuse durante o período crioxénico, cando as capas de xeo posibelmente alcanzaron o ecuador e se formou a chamada Terra bóla de neve. Os primeiros fósiles de vida pluricelular proceden do período ediacárico, incluídos os primeiros animais.

Subdivisións editar

Esta era divídese en tres períodos: período tónico ou toniano (1.000 - 850 millóns de anos), período crioxénico (850 - 630+5/-30 millóns de anos) e período ediacárico (630 +5/-30 - 542,0 ±1,0 millóns de anos).

Precámbrico  
Hadeico Arcaico Proterozoico Fanerozoico
Anos atrás Época Período/Era Era Eventos principais
545 millóns Neoproterozoico Proterozoico Precámbrico Primeiros metazoos
900 millóns Mesoproterozoico Formación de Rodinia
1 600 millóns Paleoproterozoico Primeira célula eucariótica
2 500 millóns Arcaico Primeiros procariotas
3 800 millóns Hadeico Formación da Terra

Paleoxeografía editar

 
Os continentes a finais do neoproterozoico, hai 550 millóns de anos.

A comezos do neoproterozoico encontramos o supercontinente de Rodinia. A finais desta era, Rodinia comezou a dividirse (por apertura do océano de Pantalasa) en oito continentes. O máis grande deles era Laurentia (Proto-Laurasia), que foi o núcleo de Rodinia. Durante o crioxénico desenvolvéronse importantes episodios glaciares: o esturtiense e o veranxeriense, que conduciron á primeira grande extinción en masa documentada no rexistro fósil. Despois estes continentes uníronse novamente para formar Pannotia. Apareceu Gondwana bordeada por un gran arco insular onde se situaba a Península Ibérica. Houbo unha evolución a marxe tipo andino (oroxenia cadomiense).

Paleobioloxía editar

A actual idea de como foi o neoproterozoico é relativamente recente (contra 1960). Houbo unha gran diversificación dos eucariotas no neoproterozoico inferior (Tónico). Hai presenza de acritarcos, así como de microfósiles mineralizados en forma de xerra interpretados recentemente como tecamebinos (amebas con casca orgánica ou mineralizadas) tintínidos (ciliados) ou incluso con foraminíferos, representando os primeiros protistas heterótrofos planctónicos que vivían como micropredadores nos ecosistemas costeiros do neoproterozoico inferior. Existen restos mineralizados que recordan as algas Chrysophyta, e posibelmente se produciu a radiación das algas Rhodophyta e as Chlorophyta.

 
Fósil ediacárico de Cyclomedusa.

Os protistas deron orixe aos primeiros metazoos, animais invertebrados coñecidos como a Fauna de Ediacara por terse encontrado os seus fósiles nos outeiros de Ediacara, unha rexión do sur de Australia. Estes primeiros animais pluricelulares teiñan corpo brando e esmagaado e moitos tiñaan formas variadas e estrañas: algúns tiñan un corpo en forma de disco, outros parecen unha cinta longa; os máis destacados son Spriggina, Tribrachidium, os primeiros vermes, medusas , artrópodos, etc., que dominaron os océanos evolucionando e expandíndose. Así pois, excepto metazoos e plantas dos que non temos rexistro, o resto dos grupos de organismos xa estaban presentes no toniano.

Cloudina aparece a finais do ediacárico. Hai bastante consenso en pensar que se trata dun metazoo. Opínase que foi dos primeiros organismos en crear esqueleto calcario. Outro xénero da época é Namacalathus. Á vez que estes xéneros hachamos uns icnofósiles que son unha especie de galería que se considera que foron feitas por organismos bilaterais (algún verme con certa cefalización). A posesión de celoma é importante á hora de escavar o sedimento. Polo menos 25 rexións en todo o mundo posúen fósiles de metazoos anteriores ao límite clásico que definiu o cámbrico.

Notas editar

  1. Os colores corresponden aos códigos RGB aprobados pola Comisión Internacional de Estratigrafía. Dispoñíbel no sitio da International Commision on Stratigraphy, en «Standard Color Codes for the Geological Time Scale».
  2. Global Boundary Stratotype Section and Point (GSSP) of the International Commission of Stratigraphy, Status en 2009.
  3. "International Stratigraphic Chart, 2008" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de xuño de 2011. Consultado o 16 de xuño de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Allen P. & Hoffman P. (2005): "Extreme winds and waves in the aftermath of a Neoproterozoic glaciation", Nature 433: 123-127.
  • Gradstein, F. M. (2005). Ogg, J. G.; Smith, A. G., eds. A Geologic Time Scale 2004. Cambridge University Press. ISBN 0-521-78673-8. 
  • Knoll, Andrew H.; Javaux, E.J; Hewitt, D; Cohen, P. (2006). "Eukaryotic organisms in Proterozoic oceans". Philosophical Transactions of the Royal Society of London, Part B 361 (1470): 1023–1038. PMID 16754612. doi:10.1098/rstb.2006.1843. 
  • Williams D. M. et al. (1998): "Low latitude glaciation and rapid changes in the earth's obliquity explained by obliquity-oblateness feedback", Nature 396: 453-455.

Outros artigos editar