Epipremnum aureum

especie de planta

Epipremnum aureum

Epipremnum aureum
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Monocots
Orde: Alismatales
Familia: Araceae
Subfamilia: Monsteroideae
Tribo: Monstereae
Xénero: Epipremnum
Especie: E. aureum
Nome binomial
Epipremnum aureum
(L.) Engl.
Sinonimia

véxase lista

Epipremnum aureum, comunmente coñecida coma potos (xa que antigamente ficaba clasificada dentro do xénero Pothos), é unha especie da familia Araceae nativa do sueste asiático (Malaisia, Indonesia) e Nova Guinea. É unha planta de interior moi común e resistente; en ocasións é confundida con philodendron nas florarías.

Descrición editar

Rubideira que pode acadar os 20 m de alto, con talos de até 4 cm de diámetro. Gabea grazas ás súas raíces aéreas que se enganchan ás pólas das árbores, formando lianas. As follas son perennes, alternas e a xeito de corazón, enteiras nas plantas novas, mais irregularmente pinnadas nas maduras e de até 1 m de longo por 45 cm de largo (nas plantas novas non superan os 20 cm de longo). As flores xorden nunha espata de máis de 23 cm de longo.

Cultivo e usos editar

É unha popular planta de interior con numerosos cultivares seleccionados por ter follas variegadas de cor amarela, branca ou verde clara. A miúda se utiliza como elemento decorativo en centros comerciais, escritorios, e instalacións públicas, principalmente porque é unha especie de aspecto atractivo, moi resistente e que require poucos coidados. É tamén eficaz contra a polución ambiental en interiores, eliminando formaldehido, xileno e benceno.[1][2]

Como planta interior pode acadar máis de 2 m de altura se se lle dá o soporte axeitado (un arxón ou rodriga para gabear). Os mellores resultados conséguense proporcionándolle luz media indirecta; atura unha luminosidade intensa, porén longos períodos de luz solar directa queiman as follas. Vexeta ben cunha temperatura de entre 17 a 30 °C. Xeralmente só necesitará rega cando a terra se note seca ao tacto. Pódese engadir un fertilizante líquido pola primavera e cómpre replantar cada dous anos. Porén, é unha planta moi rexa e robusta que atura as más condicións de cultivo. En cultivo hidropónico medra axiña.

A ASPCA (American Society for the Prevention of Cruelty to Animals - Sociedade americana para a prevención contra a crueldade aos animais) clasificouna coma tóxica para gatos e cans por mor á presenza de oxalatos cálcicos solúbeis. Entre os síntomas do seu consumo inclúense a irritación oral, vómitos e dificultade na deglutición.[3]

Sinónimos editar

  • Epipremnum aureum (Linden & André) G.S.Bunting
  • Epipremnum angustilobum K.Krause
  • Epipremnum elegans Engl.
  • Epipremnum glaucicephalum Elmer
  • Epipremnum merrillii Engl.
  • Epipremnum mirable Schott
  • Epipremnum pinnatum f. eporforatum (Engl.) Engl.
  • Epipremnum pinnatum f. multisectum (Engl.) Engl.
  • Monstera pinnata (L.) Schott
  • Philodendron nechodomae Britton
  • Polypodium laciniatum Burm f.
  • Pothos aureus Linden & André
  • Pothos pinnatus L.
  • Rhaphidophora cunninghamii Schott
  • Rhaphidophora laciniata (Burm. f.) Merr.
  • Rhaphidophora lovellae F.M.Bailey
  • Rhaphidophora merrillii Engl.
  • Rhaphidophora pertusa var.vitiensis (Schott)Engl.
  • Rhaphidophora pinnata (L.) Schott
  • Rhaphidophora pinnata (Schott)
  • Rhaphidophora vitiensis Schott
  • Scindapsus aureus (Linden & André) Engl.
  • Scindapsus pinnatus Schott

Notas editar

  1. Wolverton, B. C. How To Grow Fresh Air, Penguin Books, New York, 1997.
  2. How to grow your own fresh air
  3. "Devils Ivy". ASPCA.org. Consultado o 11-03-2009. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar