Abrir o menú principal
Non confundir co endoderma (capa celular embrionaria animal)
Endoderme de Iris florentina'. 1. Célula de paso da endoderme, 2. Célula do parénquima cortical (córtex), 3. Células con engrosamento en forma de U (endoderme), 4. Células do periciclo, 5. Células do floema, 6. Elemento dos vasos do xilema.

A endoderme ou endoderma é unha capa interna do córtex, que rodea o cilindro vascular nalgunhas plantas terrestres (ou ao periciclo nas raíces). É máis frecuente nas raíces ca nos talos. A endoderme marca o límite entre o córtex e a estela. Está feita de células vivas dispostas ben compactadas coas veciñas; pode constar dunha capa de células ou de varias; a súa capa externa de células está impregnada de substancias hidrófobas, que forman a chamada banda de Caspary, que impide o fluxo apoplástico (polos espazos entre as células) de auga cara ao interior do cilindro central.[1]

En moitas pteridófitas, a endoderme é unha capa perfectamente distinguible situada xusto por fóra do cilindro vascular (estela) de talos e raíces. Na maioría das plantas con sementes, especialmente as leñosas, a endoderme está ausente dos talos pero presente nas raíces.

A endoderme axuda a regular o movemento de auga, ións e hormonas cara ao interior e exterior do sistema vascular. Pode tamén almacenar amidón, estar implicada na percepción da gravidade e protexe a planta das toxinas impedindo que entren no tecido vascular.

Cando se produce o crecemento secundario, coa formación profunda de periderme, a endoderme é separada da raíz xunto co córtex. Cando a periderme se forma superficialmente, a endoderme é estirada e esmagada ou se acomoda á expansión do cilindro vascular por divisións anticlinais.

Estrutura da endodermeEditar

Artigo principal: Banda de Caspary.

A endoderme desenvólvese como a capa máis interna do córtex. Pode constar dunha soa capa de células con forma de barril sen espazos intercelulares ou ás veces de varias capas de células. As células da endoderme tipicamente teñen as súas paredes celulares primarias engrosadas en catro das súas seis caras (caras radiais e transversas) cunha impregnación de suberina, unha substancia impermeable, cerosa, que nas células endodérmicas novas se deposita formando bandas características, chamadas bandas de Caspary. Estas bandas varían en amplitude pero son normalmente menores ca o grosor da parede celular na cal se depositaron. Se comparamos a endoderme cun ciindro de ladrillos, os ladrillos representarían as células endodérmicas e o cemento que os une sería as bandas de Caspary. En células endodérmicas máis vellas, a suberina pode estar depositada máis extensivamente sobre todas as paredes celulares e as células poden mesmo lignificarse, formando unha capa impermeable completa.

Algunhas plantas teñen un gran número de amiloplastos (plastos que conteñen amidón) nas súas células endodérmicas, e nese caso a endoderme denomínase vaíña amilífera.

A endoderme pode resaltarse con certas tinguiduras con floroglucinol debido á natureza fenólica e lipídica da banda de Caspary ou á abundancia de amiloplastos.

Funcións da endodermeEditar

A endoderme impide que a auga e os solutos disolvidos nela pasen a través da vía apoplástica. A auga pode só pasar a través da endoderme cruzando a membrana das células endodérmicas en dúas ocasións, unha para entrar e outra para saír. O fluxo de auga que se move dentro e fóra do xilema, que forma parte do apoplasto, pode así ser regulado, xa que deben entrar no simplasto (polo citoplasma das células) na endoderme. A endoderme divide o apoplasto da raíz en dous compartimentos, o que é moi conveniente para o desprazamento selectivo de minerais e auga. Os ións presentes na solución do chan poden difundir libremente en todo o córtex, mais non poden atravesar a banda de Caspary. Para entraren no cilindro vascular, é dicir, á corrente transpiratoria, deben cruzar a membrana plasmática dunha célula endodérmica (simplasto), e así la planta controla os ións que pasan e os que non.

Na endoderme pode haber unhas células chamadas células de paso. Estas células endodérmicas, que son propias das raíces vellas, manteñen as súas paredes celulares finas e non suberizadas, polo que permiten o fluxo simplástico cara ao interior. As probas experimentais indican que as células de paso funcionan permitindo a transferencia de solutos como o calcio e o magnesio na estela, para que finalmente chegan ao sistema de transpiración.[2] Porén, na maior parte dos casos, as raíces vellas teñen unha endoderme impermeable completa e só serven para conducir a auga e os minerais absorbidos desde as raíces novas de niveis inferiores.

As células endodérmicas poden conter gránulos en forma de amiloplastos, que ademais de serviren de almacenamento de amidón, están implicados no gravitropismo nalgunhas plantas.[3]

NotasEditar

  1. Rost, Thomas L.; Michael Barbour, C. Ralph Stocking, Terence Murphy (2006). Plant Biology, 2nd Edition. Thompson, Brooks/Cole. ISBN 0-534-38061-1. 
  2. Peterson. C. A.; Enstone, D. E. (1996). "Functions of passage cells in the endodennis and exodermis of root". PHYSIOLOGIA. PLANTARUM 97: 592–598. doi:10.1111/j.1399-3054.1996.tb00520.x. 
  3. Involvement of the Vacuoles of the Endodermis in the Early Process of Shoot Gravitropism in Arabidopsis, Miyo Terao Morita1, Takehide Kato1, Kiyoshi Nagafusaa, Chieko Saitoc, Takashi Uedac, Akihiko Nakanoc and Masao Tasaka, 2002. The Plant Cell 14:47-56
  • Gifford, Ernest M. & Foster, Adriance S. (1988). Morphology and Evolution of Vascular Plants, (3rd ed.). New York: W. H. Freeman and Company. ISBN 0-7167-1946-0.

Véxase taménEditar