Emperador de Etiopía

O Emperador de Etiopía (ge'ez: ንጉሠ ነገሥት, nəgusä nägäst, "Rei de Reis") era o gobernante hereditario do Imperio Etíope, até a supresión da monarquía en 1975. O emperador era a cabeza de estado e a cabeza de goberno, con poder executivoxudicial e lexislativo naquel país. Un artigo da revista National Geografic chamou a Etiopía imperial "nominalmente unha monarquía constitucional; de feito [era] unha autocracia benevolente".

Título e estilo

editar

O título de "Rei de Reis", a miúdo traducido de maneira imprecisa como "emperador", data da antiga Mesopotamia, mais foi utilizado en Axum polo rei Sembrouthes (c. 250 d. C.). Con todo, Yuri Kobishchanov data este uso no período que segue a vitoria persa sobre os romanos, en 296-297. O seu uso, desde polo menos o reinado de Yekuno Amlak, significou que tanto os oficiais subordinados como os gobernantes tributarios, e sobre todo os vasalos gobernantes de Gojjam (clasificados no posto 12 no protocolo estatal non dinástico de 1690), Welega, as provincias marítimas e despois Shewa, recibiran o título honorífico de nəgus, "rei."

A consorte do emperador chamábase ətege A emperatriz Zauditu utilizou a forma feminizada nəgəstä nägäst ("Raíña de Reis") para mostrar que reinaba por dereito propio, e non utilizou o título de ətege.

Sucesión

editar
 
Estandarte imperial (anverso)
 
Estandarte imperial (reverso)

Cando morría un monarca calquera parente de sangue varón do emperador podía reclamar a sucesión ao trono: fillos, irmáns, tíos ou curmáns. A práctica favorecía a primoxenitura mais non sempre se aplicaba. O sistema desenvolveu dúas formas de controlar a sucesión: a primeira, empregada en ocasión antes do século XX, implicaba pór todos os rivais posíbeis nun lugar seguro, o cal drasticamente limitaba a súa capacidade de convulsionar o Imperio con revoltas ou disputar a sucesión dun herdeiro aparente; o segundo, utilizado con frecuencia crecente, implicaba a selección de emperadores por un consello de oficiais maiores do reino, tanto seculares como relixiosos.

Non todas as tradicións etíopes concordan respecto de cando exactamente comezou o costume de encarcerar os rivais ao trono nunha Montaña dos Príncipes. Unha tradición atribúe esta práctica ao rei da dinastía Zagwe Yemrehana Krestos (fl. 11.º século), quen presuntamente recibiu a idea nun soño; Taddesse Tamrat desacredita esta tradición, sostendo que os rexistros dos Zagwe evidencian demasiadas sucesións disputadas para que este fora o caso. Outra tradición, rexistrada por Thomas Pakenham, di que esta práctica é anterior á dinastía Zagwe (que gobernou desde ca. 900 d. C.), e primeiro practicouse en Debre Damo, que foi capturado pola raíña do século XX Gudit, quen entón illou 200 príncipes alí até que morreron; con todo, Pakenham tamén sinala que cando preguntouse ao abade do mosteiro de Debre Damo non coñecía esa historia.

Taddesse Tamrat sostén que esta práctica empezou no reinado de Wedem Arad (1299–1314), após a loita pola sucesión que el cre que hai detrás da serie de reinados breves dos fillos de Yagbe'u Seyon (1285-1294).

Unha explicación construtivista sostén que a tradición utilizábas* en ocasións, debilitábase ou decaía ás veces, e ás veces era revivida após algunhas disputas - e que o costume, que comezou en tempos inmemoriais como norma de herdanza común en Etiopía, permitía que todos os parentes varóns tamén herdaran a sucesión das terras da monarquía - o cal porén é contrario á preservación do país indiviso.

Os potenciais rivais reais foron encarcerados en Amba Geshen até que Ahmed Gragn capturou ese sitio en 1540 e destruíuno; entón, desde o reinado de Fasilides (1632-1667) até mediados do século XVIII, fórono en Wehni. Os rumores destas residencias de montaña reais foron parte da inspiración para a novela curta de Samuel Johnson, Rasselas.

Malia que o emperador de Etiopía teoricamente tiña poder ilimitado sobre os seus asuntos, os seus concelleiros chegaron a xogar un papel crecente no goberno, pois moitos emperadores foron sucedidos por nenos ou por un dos príncipes encarcerados, que só podían deixar con éxito a súa prisión con axuda do exterior. Como resultado, cara a mediados do século XVIII o poder do emperador en gran parte transferiuse aos seus deputados, como Ras Mikael Sehul de Tigray (ca. 1691 – 1779), quen tivo o poder real do Imperio e puxo e depuxo emperadores a vontade.

Ideoloxía

editar

Os emperadores de Etiopía derivaban o seu dereito de gobernar en dúas reclamacións dinásticas: o seren descendentes dos reis de Axum, e o ser descendentes de Menelik I, o fillo de Salomón e Makeda, raíña de Saba.

A reclamación da súa relación cos reis de Axum derivaba da reclamación de Yakuno Amlak de que era descendante de Dil Na'od polo seu pai, malia que derrotou e matou o último rei Zagwe en batalla. A súa reclamación ao trono tamén era axudada polo seu matrimonio coa filla daquel rei, aínda que os etíopes xeralmente non recoñecían reclamacións por liña feminina. A reclamación por descender de Menelik I baseábase na aseveración de que os reis de Axum tamén descendían del; a súa formulación definitiva e máis coñecida está rexistrada no Kebra Nagast. Mentres os rexistros sobreviventes destes reis non logran botar luz sobre as súas orixes, esta reclamación xenealóxica é documentada por primeira vez no século X por un historiador árabe. As interpretacións desta reclamación varían amplamente. Algúns (incluíndo moitos dentro de Etiopía) acéptana como feito evidente. No outro extremo, outros (maioritariamente non etíopes interesados) enténdena como unha expresión de propaganda que tentaría conectar a lexitimidade do estado coa Igrexa ortodoxa etíope. Algúns eruditos toman unha postura intermedia que tenta atopar unha conexión entre Axum e o reino árabe meridional de Saba, ou entre Axum e o Reino de Xudá anterior ao exilio. Como carécese de fontes primarias, non é posíbel determinar que teoría é a máis plausíbel.

Historia

editar

A dinastía salomónica

editar
 
León de Xudá

A restaurada dinastía salomónica, que afirmaba descender dos antigos gobernantes aksumitas, gobernou Etiopía desde o século XIII até 1974, con só un par de usurpadores. O máis significativo destes foi Kassa de Kwara, quen en 1855 tomou o control total de Etiopía e foi coroado Tewodros II (desenvolveu unha reclamación segundo a cal descendía dos salomónicos por liña feminina). Despois da súa derrota e defunción, outro salomónico, Dejazmatch Kassai tomou o poder como Yohannes IV; con todo, a súa descendencia polo lado feminino era un feito ben atestado. Menelik de Shewa, quen descendía dos emperadores salomónicos por liña masculina directa, ascendeu ao trono imperial cando morreu Yohannis IV, pretendendo así restaurar a tradición da liña masculina salomónica.

O emperadores teodorianos máis célebres foron Yohannes IV, Menelik II e Haile Selassie. O emperador Menelik II conseguiu unha vitoria militar importante contra invasores italianos en marzo de 1896 na Batalla de Adwa. Menelik perdeu Eritrea a mans dos italianos e Djubouti a mans dos franceses. Despois de Menelik, todos os monarcas foron descendentes salomónicos por liña feminina. A liña masculina, a través dos descendentes do curmán de Menelik Dejazmatch Taye Gulilat, aínda existían, mais foron apartados en gran parte debido ao desgusto persoal de Menelik con esta rama da súa familia. Os sucesores salomónicos de Menelik gobernaron o país até o golpe militar de 1974.

Conquista italiana de Etiopía

editar
 
Escudo de armas do emperador italiano de Etiopía

En 1936, coa conquista italiana de Etiopía, o emperador Haile Selassie foi forzado para fuxir ao estranxeiro. Benito Mussolini pronto declarou Etiopía, xunto coa Eritrea e a Somaila italianas, un Imperio colonial chamado África oriental italiana.

Durante o verán de 1936 Vítor Manuel III proclamouse emperador de Etiopía, un título inicialmente considerado ilexítimo pola comunidade internacional, mais en 1940 recoñecido por toda a ONU, menos os Estados Unidos, a Unión Soviética e México. En xuño de 1940, mesmo os Estados Unidos e a Unión Soviética comezaron o proceso de recoñecemento do título, mais a segunda guerra mundial bloqueou todo isto. O título practicamente durou cinco anos até 1941. Vítor Manuel III máis tarde renunciou oficialmente ao título a fins de 1943.

Regreso de Haile Selassie

editar

Haile Selassie regresou ao poder coa conquista británica da África oriental italiana durante a segunda guerra mundial. En xaneiro de 1942 foi restabelecido oficialmente no poder en Etiopía polo goberno británico.

A posición do emperador e a liña de sucesión estaba estritamente definida en ambas constitucións adoptadas durante o reinado de Haile Selassie: unha adoptada o 16 de xullo de 1931; e a revisada, en novembro de 1955.

O derradeiro monarca salomónico en gobernar Etiopía foi Amha Selassie, a quen o trono foille ofrecido polo Derg (consello etíope) após a deposición do seu pai Haile Selassie o 12 de setembro de 1974. Cando Amha Selassie, incomprensibelmente desconfiado do Derg, refusou regresar a Etiopía para gobernar, o Derg anunciou que a monarquía terminaba o 21 de marzo de 1975. En abril de 1989, Amha Selassie foi proclamado emperador no exilio en Londres, coa súa sucesión datada cando ocorrera a morte do emperador Haile Selassie, en agosto de 1975 máis que cando aconteceu a súa deposición en setembro de 1974. En 1993 un grupo chamado o "Consello de Coroa de Etiopía", o cal inclúe varios descendentes de Haile Selassie, afirmou que o nəgusä nägäst aínda existía e era a cabeza legal de Etiopía. A constitución de Etiopía de 1995 confirmou a supresión do Imperio.