Eminescu (cráter)

Eminescu é un cráter de impacto cun pico central anular, que está situado no hemisferio norte do planeta Mercurio, o cráter ten uns 125 km de diámetro. Xa que hai moi poucos cráteres superpostos sobre el, Eminescu semella ser un cráter novo formado hai preto de mil millóns de anos.[2] Este cráter posúe unha morfoloxía a medio camiño entre as morfoloxías que posúen cráteres moi complexos, coma o Raditladi, e as morfoloxías de cráteres máis pequenos cun simple pico central.[3]

Eminescu
Eminescu é o prominente cráter que está case no centro da imaxe.
Tipo de accidente xeolóxico Cráter
Accidente xeolóxico de Mercurio
Diámetro 129,82 km[1]
Coordenadas 10,7° N 245,7° O[1]
Procedencia do nome Mihai Eminescu, poeta romanés.[1]

O material espelido e as cadeas concéntricas ó redor do cráter esténdense cara a fora nunha lonxitude igual ó radio deste, partindo dende o propio bordo do cráter, e sendo esta área de maior altitude cás chairas de cráteres circundantes. As paredes interiores do cráter están degradadas polos derrubes, formando bloques ben definidos de material. O chan do cráter está composto por estruturas complexas, incluíndo depósitos de material espelido, materiais fundidos e posiblemente rochas colocadas polo vulcanismo efusivo.[3]

Os picos centrais de azul brillante (en cores falsas) do interior do cráter están dispostos en círculo, formando un pico en anel.[2] Os cumes presentan propiedades de cor pouco comúns, semellantes ás dos depósitos brillantes que se poden ver nos chans doutros cráteres de Mercurio. O chan do cráter, tanto dentro como fóra do pico en anel, está cuberto por suaves chairas escuras, que parecen cercalo. Estas chairas son probablemente de orixe volcánica. Ademais dende o pico en anel ata preto das paredes do cráter, hai áreas cubertas por un material brillante. Estas á súa vez están subdivididas en chairas suaves brillantes no ángulo nordeste de Eminescu, cubrindo esa área de manchas e terreos accidentados. Estas manchas brillantes poderían estar producidas por pequenos impactos que fundiron o material adxacente.[3]

O cráter recibiu o seu nome en honra a Mihai Eminescu, poeta romanés (1850–1889).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 USGS Astrogeology (ed.). "Planetary Names: Crater, craters: Eminescu on Mercury". Gazetteer of Planetary Nomenclature. Consultado o 15-06-2013. 
  2. 2,0 2,1 NASA, ed. (17-04-2008). "PIA10610: Now Introducing: Eminescu". Consultado o 15-06-2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Schon; S.C.; Head, J.W.; Prockter, L.M.; MESSENGER Science Team (2010). "Eminescu and the transition to peak-ring basins on Mercury". 41st Lunar and Planetary Science Conference: 1263. Bibcode:2010LPI....41.1263S.