Emily Warren Roebling

enxeñeira civil estadounidense

Emily Warren Roebling, nada en Cold Spring (Estados Unidos de América) o 23 de setembro de 1843 e finada en Trenton o 28 de febreiro de 1903, é coñecida pola súa decisiva contribución á conclusión da Ponte de Brooklyn. Emily converteuse de feito na enxeñeira xefe da obra, despois de que o seu marido Washington Roebling enfermase durante a construción da ponte. .

Emily Warren Roebling
Brooklyn Museum - Portrait of Emily Warren Roebling - Charles-Émile-Auguste Carolus-Duran.jpg
Nacemento23 de setembro de 1843
 Cold Spring
Falecemento28 de febreiro de 1903
 Trenton, Nova Jersey
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Nova York
Ocupaciónenxeñeira civil
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Emily era a segunda filla máis pequena da parella formada por Sylvanus e Phoebe Warren.[1] O interese de Emily en educarse foi apoiado polo seu irmán maior Gouverneur K. Warren. Ambos tiveron sempre unha relación próxima.[2]

En 1864, durante a Guerra de Secesión, Emily visitou ao seu irmán no seu cuartel xeral. Alí coñeceu a Washington Roebling, fillo do deseñador da Ponte de Brooklyn, John Augustus Roebling, quen era un enxeñeiro civil.[3] Emily e Washington namoráronse inmediatamente e casaron o 18 de xaneiro de 1865.[4]

Cando John Roebling empezaba o seu traballo na Ponte de Brooklyn, os recentemente casados viaxaron a Europa para estudar o uso de pozos de cimentación para a ponte[3]. En novembro de 1867, Emily deu a luz ao único fillo da parella, John A. Roebling II.[4]

A ponte de BrooklynEditar

 
Arcos e cableado da Ponte de Brooklyn.

Ao regresar dos seus estudos en Europa, Emily e Washington foron recibidos cunha mala noticia: o pai de Washington morrera de tétanos e este fíxose cargo inmediatamente da construción da ponte.[3] Mentres traballaba no proxecto, Washington desenvolveu a síndrome de descompresión, debido ao uso pioneiro de caixóns pneumáticos para a cimentación da ponte, cando aínda se descoñecían os efectos perniciosos da sobrepresión sobre o organismo humano, que lle afectou tanto que quedou prostrado en cama.[5][6] Foi neste momento cando Emily converteuse na "primeira muller enxeñeira de campo", facéndose cargo da finalización da ponte.[4]

Sendo a única persoa que visitaba ao seu marido durante a súa enfermidade, Emily pasaba información de Washington aos seus axudantes e informaba o progreso do traballo na ponte. Así desenvolveu un gran coñecemento sobre resistencia de materiais, análises de tensións, construción de cables de aceiro e cálculo de curvas catenarias, mediante os ensinos de Washington.[7] O coñecemento de Emily foi complementado polo seu interese previo e o seu estudo da construción de pontes desenvolvido logo da designación do seu marido como Enxeñeiro Xefe. Durante os catorce anos seguintes, a dedicación de Emily á finalización da ponte de Brooklyn foi incesante. Fíxose cargo da maioría das responsabilidades do enxeñeiro xefe, incluíndo supervisión diaria e manexo de proxectos. Emily e o seu marido planificaron en conxunto a construción continua da ponte. Ela lidou con políticos, enxeñeiros rivais e todos aqueles asociados ao traballo na ponte, até o punto de que a xente cría que era ela quen deseñara a ponte.[4]

En 1882, o título de enxeñeiro xefe do seu marido correu perigo debido á súa enfermidade. Para que puidese mantelo, Emily asistiu a reunións de enxeñeiros e políticos para defender ao seu marido. Para alivio de ambos, os políticos responderon ben aos discursos de Emily e permitíuselle a Washington seguir sendo o enxeñeiro xefe da ponte de Brooklyn.

Con Washington sendo aínda xefe, a ponte foi finalmente completado en 1883. Antes da inauguración oficial, levando un galo como signo de vitoria, Emily Roebling foi a primeira en cruzar a ponte en carruaxe.[8] Na cerimonia de inauguración, Emily foi honrada nun discurso promulgado por Abram Stevens Hewitt, quen dixo que a ponte "era un monumento á sacrificada devoción dunha muller e á súa capacidade para a educación superior, da cal fora longamente exluida".[9]

Actualmente, a Ponte de Brooklyn ten unha placa dedicada á memoria de Emily, o seu marido e o seu sogro.[9]

Despois da conclusión da ponte, a familia Roebling mudouse a Trenton, Nova Jersey. Alí, Emily participou en organizacións sociais como a Sociedade de Socorro durante a Guerra hispano-estadounidense e formou parte do Board of Lady Managers for New Xersei (Consello de mulleres administradoras para Nova Jersey) durante a Exposición Mundial Colombina de Chicago.[10] Tamén realizou moitas viaxes; en 1896 foi presentada a Réinaa Vitoria e estivo en Rusia para a coroación de Nicolás II de Rusia.[9] Tamén continuou a súa educación e recibiu un título en leis na Universidade de Nova York.[11] Até a súa morte o 28 de febreiro de 1903, pasou o resto da súa vida xunto á súa familia e mantívose social e mentalmente activa.

NotasEditar

  1. Roebling, Emily Warren: "Notes on the Warren Family" in the Appendix, p. 446, "The Journal of the Reverend Silas Comfort", Lippincott, Philadelphia, 1903
  2. Weingardt, Richard: "Engineering Legends: Great American Civil Engineers", p. 56.
  3. 3,0 3,1 3,2 Petrash, Antonia: "More than Petticoats: Remarkable New York Women", p. 80.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Logan, Mary: "The Part Taken by Women in American History", p. 297.
  5. Petrash, Antonia: "More than Petticoats: Remarkable New York Women", p. 83.
  6. Butler WP (2004). "Caisson disease during the construction of the Eads and Brooklyn Bridges: A review" 31 (4). PMID 15686275. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2011. Consultado o 11 de marzo de 2009. 
  7. Weingardt, Richard: "Engineering Legends: Great American Civil Engineers", p. 58.
  8. David McCullough. Brave Companions: Portraits in History. Simon & Schuster, 1992. ISBN 0-671-79276-8. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Historical Marker Database Photo of Emily Warren Roebling plaque
  10. Logan, Mary: "The Part Taken by Women in American History", p. 298.
  11. Petrash, Antonia: "More than Petticoats: Remarkable New York Women", p. 88.