Embraer Lineage 1000

O Embraer Lineage 1000 é unha variante do avión de pasaxeiros rexional Embraer 190, lanzado como reactor privado o 2 de maio do 2006. Fabricado pola compañía brasileira Embraer, o Lineage é publicitado como un avión de negocios "ultra-grande" con cómodos asentos para 19 pasaxeiros. Realizou o seu primeiro voo o día 26 de outubro do 2007 e ata a data fabricáronse 13 unidades.

Embraer Lineage 1000
Tipoavión de negocios
FabricanteEmbraer
Primeiro voo26 de outubro do 2007
Estadoen produción
Unidades construídas21
Custo unitario53 millóns de dólares[1]

Deseño

editar

O Lineage 1000 baséase en gran medida no exitoso reactor Embraer 190. O principal cambio no Lineage 1000 é a colocación de tanques de combustible adicionais nos espazos de carga na parte baixa da cuberta, case dobrando o alcance do avión, e a presenza dun luxoso interior, dividido en 5 seccións nas que se inclúe un dormitorio opcional, baño con auga corrente, e unha cabina de carga na parte traseira. Ten ao seu favor unha sección transversal da fuselaxe maior que outros avións de negocios, como o Gulfstream V e o Bombardier Global Express. O Lineage 1000 só é superado en espazo polas conversións do Boeing 737 e do Airbus A319, os BBJ e ACJ.

Produción

editar

O Lineage 1000 recibiu a súa certificación da ANAC brasileira e da EASA europea en decembro do 2008. Foi certificado pola FAA estadounidense o 7 de xaneiro do 2009. O primeiro exemplar entregouse a Aamer Abdul Jalil Al Fahim o 7 de maio de 2009.

O avión gañou unha significativa popularidade no Oriente Medio cando varios operadores foron recibindo os seus pedidos do Lineage 1000. Al Jaber Aviation tivo o seu primeiro exemplar en xaneiro do 2010, con catro máis pedidos. Flemming House recibiu o seu Lineage 1000 corporativo en xuño do mesmo ano, e en setembro Royal Jet engadiu unha unidade á súa frota de avións, que xestionaría para Al Habtoor Group. Falcon Aviation Services pediu un exemplar que sería entregado tamén en 2010.

Fóra de Oriente Medio, o Grupo Omnilife de México recibiría o seu Lineage 1000 en agosto do 2010. Hangar8, unha da operadoras líderes en Europa de avións privados, tivo o primeiro exemplar que non se entregou en Oriente Medio. Airone Aviation Pvt Ltd. da India tamén mercou unha unidade do avión.

  1. Aviation Week (ed.). "Prezos de avións executivos" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de setembro de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2016.