Emérito, emérita
Un emérito é aquela persoa que, despois de retirarse do cargo que ocupaba, goza de beneficios derivados dunha profesión, especialmente docente universitaria ou eclesiástica, se lle concede este título como recoñecemento aos seus bos servizos na mesma; beneficios que poden ser de diversa natureza segundo o rango e a institución de que se trate.[1]
Utilízase o termo tamén para directores de orquestra que serviron superlativamente a entidade que lles outorga o título.
Polo xeral, concédese ao emérito a potestade de participar activamente nas tarefas que lle eran propias antes do seu retiro, previa consulta ao encargado do mesmo, dáselles voz en asembleas e reunións e pode asistir a outras en calidade de invitado de honor.
Na Roma antiga chamaban ēmeritus (eméritos) aos lexionarios licenciados que gozaban de privilexios como recompensa recibida polos seus bos servizos.[2]
Etimoloxía
editarO termo emérito é un adxectivo tirado do latín ēmeritus, -a, -um, participio do verbo ēmereo, 'merecer', e tamén 'acabar o servizo militar', derivado de ex, 'por', e meritus, 'mérito': 'por mérito', 'debido ao mérito',[3]
Na universidade
editarNas Universidades españolas o nomeamento de profesores eméritos está regulado polo Real Decreto 898/1985,[4] de 30 de abril, sobre o réxime do profesorado universitario. Nel estabélecese que o profesorado emérito:
- Será contratado polo Consello de Goberno de cada Universidade de entre profesores xubilados pertencentes aos corpos docentes universitarios e que prestaran servizos destacados á Universidade durante un período mínimo de dez anos.
- Estará representado xunto con outros colaboradores e asociados:
- No Claustro da Universidade
- No Consello de Goberno
- No eleitorado do reitor.
- No seu contrato especificaranse as súas obrigas académicas, que sempre serán a tempo parcial e por espazo de dous anos, podendo renovarse despois.
Noutros países
editarNoutros países as condicións para o nomeamento de profesores eméritos non difiren demasiado, sendo o período de dez anos de docencia unha constante. Tamén existe a posibilidade, estendida no mundo anglosaxón, de outorgar o título automaticamente cando se cumpran os prazos requiridos e sen entrar a valorar, por exemplo, se as publicacións científicas son de maior ou menor importancia.[Cómpre referencia]
No caso da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) requírese un período mínimo de trinta anos prestando servizos destacados á Universidade. O nomeamiento outórgao o Consello Universitario a profesores e investigadores cun labor excepcional á Universidade.[5]
Na Igrexa
editar- Artigos principais: Papa emérito e Bispo emérito.
Nas congregacións cristiás que posúen eses postos, contémplase a transferencia dun papa, arcebispo ou bispo ao estado de emeritado, polo cal se lle rescinden todas as súas responsabilidades pastorais, pero pode seguir celebrando misa e predicando, na medida en que llo permitan as súas forzas, pois polo xeral trátase de persoas de avanzada idade.
Na Igrexa católica, os arcebispos e bispos eméritos pasan a selo cando renuncian ao seu cargo ante o Metropolitano, ou directamente ao Sumo Pontífice, deixando así as súas responsabilidades diocesanas, auxiliares ou calquera outra que tiveran. Cando alcanzan a idade de 75 anos, a súa renuncia é obrigatoria segundo prescribe o Dereito Canónico.
Os arcebispos e bispos eméritos non forman parte da Conferencia episcopal do seu país, pero si poden ser chamados consultivamente pola súa experiencia e venerabilidade. Si seguen pertencendo ao Colexio episcopal. Nalgúns casos, cando o Episcopado se encontra en Visita Ad Limina, un ou varios bispos eméritos representan a Conferencia episcopal en ausencia dos bispos que exercen ditos cargos dentro deste organismo.
Na monarquía
editarEspaña
editar- Artigo principal: Abdicación de Xoán Carlos I.
Coa abdicación do rei Xoán Carlos I de España en 2014,[6] deuse unha situación pouco común, como é a convivencia de dous monarcas, e non prevista na Constitución de 1978, xa que nela só se indica que para que se dea este caso requírese un desenvolvemento lexislativo mediante Lei Orgánica. Ante esta situación, o Goberno de Mariano Rajoy emitiu un Real Decreto,[7] polo cal, o Rei e a Raíña saíntes, Juan Carlos e Sofía conservarían os títulos de Rei e Raíña respectivamente, cos mesmos honores que ten o herdeiro da Coroa, o Príncipe ou a Princesa de Asturias.
Debido a que os reis saíntes conservaron moitos dos privilexios que tiñan como reis reinantes e para distinguilos nos medios de comunicación dos reis titulares da coroa, engádese a continuación do seu título o adxectivo emérito.[8]
Xapón
editar- Artigo principal: Daijō Tennō.
O Daijō Tennō (太上天皇?), tamén denominado como Jōkō (上皇?), é o título outorgado a un emperador do Xapón que abdica en favor dun sucesor. En 2019, o título foi revivido trala abdicación de Akihito, cando a Axencia da Casa Imperial deu unha tradución oficial de Jōkō como «emperador emérito».[9]
Na antiga Roma
editarNa Roma antiga denominaban ēmeritus (eméritos),[10] os lexionarios licenciados que gozaban de privilexios en recompensa polos seus bos servizos prestados. Usualmente, á parte do botín que puideran acumular nas diversas campañas, o xeneral do momento outorgaba aos seus soldados predilectos grandes concesións de terreos expropiados nos países conquistados, co que se fundaban verdadeiras urbes co licenciamento dos soldados tras o fin de campañas importantes.
Un exemplo deste tipo de fundación preséntao a actual Mérida, capital de Estremadura, España, que levou o nome de Emerita Augusta cando se creou no ano 25 a. C. Para o asentamento da nova poboación, déuselles a cidadanía romana aos habitantes das xentes que vivían previamente no lugar. Así, o emperador César Augusto premiou con esta nova cidade os seus homes ao finalizar as cruentas guerras cántabras, creando unha próspera cidade na Bética —entón englobada na Hispania Ulterior— que máis tarde se convertería na capital da provincia de Lusitania.
Notas
editar- ↑ emérito, 1ª acep., no Dicionario da RAG.
- ↑ emérito, 2ª acep., no Dicionario da RAG.
- ↑ emeritus no Online Etymology Dictionary.
- ↑ Real Decreto 898/1985 sobre régimen universitario.
- ↑ Véxase: Compendio de legislación universitaria - reglamento del reconocimiento al mérito universitario.
- ↑ BOE: Ley Orgánica 3/2014, de 18 de junio, por la que se hace efectiva la abdicación de Su Majestad el Rey Don Juan Carlos I de Borbón.
- ↑ Real Decreto 470/2014, de 13 de junio, por el que se modifica el Real Decreto 1368/1987, de 6 de noviembre, sobre régimen de títulos, tratamientos y honores de la Familia Real y de los Regentes.
- ↑ Castro-Villacañas, Javier (21 de xullo de 2019). "Los 20 apodos de “Juanito”, el rey que iba a ser “El breve”, tachado ahora como “El comisionista”". El Español (en castelán).
- ↑ "Emperor Akihito to Be Called Emperor Emeritus after Abdication". Nippon.com (en inglés). 25 de febreiro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2019. Consultado o 22 de agosto de 2020.
- ↑ Neste caso substantivo, ēmeritus, -us, derivado do adxectivo anteriormente citado.