Elba (pastora)
Elba é o nome que recibe unha muller do Mesolítico, da cal se atopou un cranio duns 9.300 anos de antigüidade[1], os restos humanos máis antigos atopados en Galiza. Apareceu na cova de Chan de Lindeiro, na parroquia de Zanfoga, no concello de Pedrafita do Cebreiro.
Descubrimento
editarO cranio foi atopado en 1996 no fondo da cova, a uns vinte metros de profundidade. En sucesivas campañas arqueolóxicas recuperáronse tamén restos de animais, entre eles tres uros e un oso das cavernas.
As conclusións científicas
editarA análise do cranio revelou unha antigüidade duns 9.300 anos. Elba medía arredor dun metro e medio e no momento da morte tiña entre 20 e 40 anos.
Os tres uros que se recuperaron da cova estaban no mesmo estrato que Elba. A análise dos restos dálles a mesma antigüidade que aos da muller, do que se deduce que formaban parte dun rabaño que a muller pastoreaba. Os científicos, con todo, entenden que non se trataría de animais completamente domesticados.
A análise dos sedimentos depositados arredor da cova permitiu así mesmo analizar a contorna na que se movía Elba. Segundo o informe, tratábase dunha área eminentemente forestal, onde predominaban os bidueiros[2]. Con todo, atopáronse tamén restos da presenza de carballos e especies propias do bosque de ribeira. A mesma análise revelou evidencias de lumes forestais, debidas probabelmente á acción humana.
Notas
editar- ↑ "Así foi a agonía de Elba hai 9.300 anos". GCiencia. 08/11/2018. Consultado o 30/07/2020.
- ↑ "El mundo de una mujer llamada Elba" en Cadernos nº39. Laboratorio Xeolóxico de Laxe, p. 15.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Cadernos nº 39. Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 2017.